Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Luns, 25 de xuño de 2018 Páx. 30530

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 15 de xuño de 2018 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Emprende).

BDNS (Identif.): 404469.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, nas cales non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño), e cumpran as condicións establecidas no artigo 4 das bases reguladoras.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto estimular e impulsar a recuperación do tecido empresarial na Comunidade Autónoma, fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego e favorecer a creación de emprego a través da subvención á creación de pequenas e medianas empresas por parte de novos emprendedores, así como aos proxectos de investimento para a ampliación de pequenas e medianas empresas xa creadas, sempre que cumpran os requisitos para ser consideradas nova peme.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 15 de xuño de 2018 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Emprende).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nestas convocatorias aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7704 e polos seguintes importes con cargo aos seguintes exercicios:

Convocatoria 2018.1: 950.000 € con cargo ao ano 2018, 850.000 € para o ano 2019 e 200.000 € para o ano 2020.

Convocatoria 2018.2: 50.000 € con cargo ao ano 2018, 550.000 € para o ano 2019 e 400.000 € para o ano 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Na convocatoria 2018.1 o prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte á publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 27 de xullo de 2018.

Na convocatoria 2018.2 o prazo de presentación de solicitudes comezará o 30 de xullo de 2018 e finalizará o 25 de outubro de 2018.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2018

Pablo Casal Espido
Secretario xeral do Instituto Galego de Promoción Económica