Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 26 de xuño de 2018 Páx. 30927

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2018 pola que se dá publicidade á convocatoria do proceso selectivo para a contratación de persoal laboral temporal de un (1) efectivo licenciado/a ou graduado/a en Bioloxía, Ciencias do Mar ou Veterinaria, grupo I, categorías 10, 39 ou 05, para proxecto de investigación EAPA_458/2016, COCKLES (Interreg-Área Atlántica) no Centro de Investigacións Mariñas-Cima (Vilanova de Arousa).

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro, que aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG nº 221) atribúelle as competencias en materia de investigación mariña que desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

A Consellería do Mar, dentro da súa estrutura orgánica, conta co Centro de Investigacións Mariñas (en diante Cima) como organismo público de investigación non universitario de Galicia.

O Cima asume desenvolver parte da investigación do proxecto europeo EAPA_458/2016, COCKLES (Interreg-Área Atlántica) Cooperación para recuperar as pesqueiras de berberecho e os seus servizos de ecosistema na AA.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Anunciar a convocatoria do proceso selectivo para a contratación de persoal laboral temporal de un (1) efectivo licenciado/a ou graduado/a en Bioloxía, Ciencias do Mar ou Veterinaria grupo I (categorías 10, 39 ou 05), para realizar o proxecto de investigación EAPA_458/2016, COCKLES (Interreg-Área Atlántica) no Centro de Investigacións Mariñas-Cima (Vilanova de Arousa) e aprobar as bases que rexerán o proceso.

As bases e condicións constan na páxina web da Consellería do Mar http://mar.xunta.gal e nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e do Cima.

Para participar nesta convocatoria os/as interesados/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe nas bases da convocatoria.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2018

A conselleira do Mar
P.D. (Orde do 8.9.2017)
María Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar