Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Luns, 2 de xullo de 2018 Páx. 31623

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2018, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se modifica a Resolución do 7 de maio de 2008 pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Por medio da Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, regulouse a provisión de forma temporal, mediante substitucións, dos postos de traballo reservados aos funcionarios integrantes dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza; sistema previsto no artigo 527.2 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e mais no artigo 74.1 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do dito persoal. A referida resolución foi modificada por senllas resolucións da Dirección Xeral de Xustiza do 29 de decembro de 2011 e do 31 de maio de 2012.

Con posterioridade, o día 23 de maio de 2018 foi asinado o acordo acadado entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, UGT e CC.OO., para a mellora das condicións de traballo do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, que establece, respecto das substitucións realizadas nun corpo superior, o seguinte:

«A Administración autonómica modificará a normativa sobre as denominadas substitucións verticais, é dicir, aquelas en que o persoal funcionario realiza unha substitución nunha praza dun corpo inmediatamente superior ao da súa pertenza.

Esta modificación normativa terá por finalidade que o persoal que realice a substitución nun corpo inmediato superior perciba, ademais das retribucións complementarias, a diferenza entre as retribucións básicas do seu corpo de pertenza e as correspondentes ao corpo a que está adscrito o posto que efectivamente desempeñe.

Esta compensación económica virá xustificada pola especial responsabilidade e dedicación que realiza o persoal funcionario que exerce funcións propias dun grupo de clasificación superior ao que pertence.

A percepción desta diferenza será efectiva desde o primeiro día do mes en que se asine o presente acordo».

O citado acordo foi ratificado o día 24 de maio de 2018 polo Consello da Xunta de Galicia e publicouse no Diario Oficial de Galicia número 102, do 30 de maio de 2018.

Polo exposto, en aplicación do devandito acordo, e no exercicio das atribucións conferidas polo Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

DISPOÑO:

Modificar a Resolución do 7 de maio de 2008, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se regulan as substitucións entre funcionarios ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, nos seguintes termos:

Primeiro. O artigo oito queda redactado como segue:

«Artigo 8. Retribución

Os funcionarios que realicen unha substitución nun corpo inmediato superior percibirán, ademais das retribucións complementarias do posto que desenvolvan en substitución, a diferenza entre as retribucións básicas do seu corpo de pertenza e as correspondentes ao corpo a que estea adscrito o posto que efectivamente desenvolva».

Segundo. Recursos

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses. Ambos os dous prazos contaranse a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria única

O disposto na presente resolución será de aplicación desde o día 1 de maio de 2018.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2018

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza