Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 6 de xullo de 2018 Páx. 32536

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ORDE do 18 de xuño de 2018 pola que se declara deserto o procedemento de alleamento mediante poxa pública do inmoble da antiga Cámara Agraria Local de Mugardos.

Mediante Orde do 21 de decembro de 2017, da Consellería de Facenda, foi autorizado o alleamento mediante poxa pública, do inmoble da antiga Cámara Agraria Local de Mugardos.

Logo de publicarse o 28 de febreiro de 2018 no Diario Oficial de Galicia número 42, e nun xornal de ampla difusión (Diario de Ferrol do mesmo día), o Anuncio do 5 de febreiro de 2018, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, de alleamento do citado inmoble, celebrouse o 25 de abril de 2018 a poxa pública anunciada, co que á vista da acta da mesa de contratación, de conformidade co disposto no artigo 70 do Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei de patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e tras a proposta da Secretaría xeral Técnica e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Primeiro. Declarar deserta en primeira, segunda e terceira poxa a adxudicación do seguinte ben inmoble:

Soar no sitio de Silveiro, parroquia de Franza, concello de Mugardos, dunha superficie aproximada de 1.370 m2, aínda que segundo recente medición 1.084 m2. Sobre esta parcela construíuse un edificio de planta baixa de 150 m2 aproximadamente, adicado a almacén e oficinas. Linda o conxunto: norte, camiño dos olmos; sur, estrada de Mugardos a Cabanas; leste, Antonio Vara Carpente; oeste, Ricardo Vizoso Cancela. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Pontedeume ao tomo 667, folio 224, libro 72, predio 5.387. Referencia catastral 2608701NJ6120N0001PG.

Tipo de licitación, primeira poxa: 80.716,49 euros.

Tipo de licitación, segunda poxa: 68.609,02 euros.

Tipo de licitación, terceira poxa: 56.501,54 euros.

Segundo. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2018

O conselleiro de Facenda
P.D. (Orde do 9.1.2012; DOG núm. 9, do 13 de xaneiro)
Mª del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda