Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 11 de xullo de 2018 Páx. 33011

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 27 de xuño de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro e se convocan para o ano 2018 (cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

BDNS (Identif.): 406572.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolva/n a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que a/s escola/s para a/s que solicita/n a axuda cumpra/n os seguintes requisitos:

a) Os establecidos no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, no Decreto 192/2015, do 29 de outubro, polo que se define a Carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia, así como na normativa de desenvolvemento, se é o caso.

b) Aplicar unha tarifa de prezos axustada ao réxime de prezos previsto na normativa autonómica aplicable.

A entidade beneficiaria non poderá ter recibido axudas financiadas con fondos Estruturais e de Investimento Europeos (EIE) 2007-2013 para o mesmo concepto de gasto.

2. Non se poderá obter a condición de entidade beneficiaria destas subvencións cando concorra algunha das circunstancias ou prohibicións sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas ás entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro para a adecuación e mellora das escolas infantís 0-3 da súa titularidade a través da realización das obras menores e da compra do equipamentos precisos, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada (código de procedemento BS403F). Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2018.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de xuño de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para investimento na mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social sen ánimo de lucro e se convocan para o ano 2018 (cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020).

Cuarto. Importe

Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de seiscentos mil euros (600.000 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.781.1.

Financiarase ata o 100 % do investimento subvencionable e unha contía máxima por cada centro de 15.000 euros para as actuacións destinadas á realización de obras e de 10.000 euros para as destinadas á compra de equipamento e mais á integración das novas tecnoloxías na aula.

Cada entidade poderá percibir unha axuda máxima de 25.000 euros, con independencia do número de centros para os que presente solicitude.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2018

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social