O 6 de xuño de 2018 anunciouse no Diario Oficial de Galicia número 107, e nos diarios La Voz de Galicia e Diario de Ferrol a realización dunha poxa pública para o día 19 de xullo de 2018, no Edificio Administrativo da Axencia Tributaria de Galicia na Coruña, co obxecto de proceder á venda duns inmobles situados nos concellos de Valdoviño e da Coruña.
En particular, anunciouse a venda do soar situado no lugar de Poulo, parroquia e concello de Valdoviño, sobre o que se asentada o edificio da, hoxe inexistente, antiga Cámara Agraria Local de Valdoviño
O 3 de xullo de 2018, o Concello de Valdoviño solicitou a adquisición do dito inmoble para o patrimonio municipal, posibilidade recollido no artigo 77.a) da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Na súa virtude, tendo en conta a condición de Administración pública do Concello de Valdoviño e, en consecuencia, representar o interese público fronte a posibles intereses privados, de conformidade co artigo 66.2 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia,
DISPOÑO:
Primeiro. Acordar a suspensión por motivo de interese público do procedemento de venda do seguinte inmoble:
Soar no lugar de Poulo, parroquia e concello de Valdoviño, ao que chaman Tras da Boca do Carral, de mil trescentos setenta e nove metros e cinco decímetros cadrados de superficie, sobre o que se asentaba o edificio da, hoxe inexistente, antiga Cámara Agraria Local de Valdoviño. Linda: norte, herdeiros de Josefa de la Peña e Díez Robles; sur, predio matriz da que se segrega; leste, por onde mide catorce metros e sete decímetros, con camiño de carro; e oeste, nunha liña de vinte e un metros estrada de Cedeira a Ferrol. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ferrol ao tomo 731, libro 96, folio 101, predio 10.250. Referencia catastral: 9287908NJ6298N0001LM e 9287904NJ6298N0001YM.
Segundo. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2018
O conselleiro de Facenda
P.D. (Orde do 9.1.2012, Resolución do 10 de xullo de 2018)
Ángeles Vidal Ruiz
Subdirectora xeral de Apoio Técnico-Xurídico