Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 18 de xullo de 2018 Páx. 33979

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 2018 pola que se convoca o curso superior A fiscalización e a nova Lei de contratos do sector público.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Publica (en diante EGAP) a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, ao abeiro do Convenio de colaboración subscrito entre a EGAP e o Consello de Contas de Galicia, o curso superior A fiscalización e a nova Lei de contratos do sector público, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O pasado 9 de novembro publicouse no BOE a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Ademais de acometer a transposición das citadas directivas, a lei establece un novo marco regulador do sistema de contratación pública, con vocación de ser máis eficiente, transparente e íntegro, e mellorar as condicións de acceso ao devandito sistema facilitando, en particular, a participación das pemes.

Coa celebración deste curso, os obxectivos perseguidos son tanto a análise das principais novidades introducidas pola lei como propiciar o debate ao redor daqueles aspectos máis innovadores desde o punto de vista xurídico e da xestión pública, enfocado fundamentalmente a fortalecer coñecementos previos dirixidos á actividade de auditoría e control económico-financeiro do sector público, tanto no que se refire ao control do cumprimento normativo como dos principios de economía, eficacia e eficiencia.

2. Contido.

O curso estrutúrase en 8 sesións, nas que se tratarán, entre outros, os seguintes temas:

• Claves para entender a nova Lei de contratos do sector público.

• Integridade, transparencia e boa gobernanza na reforma introducida pola nova lei.

• Novidades no ámbito de aplicación da lei.

• Tipos de contratos.

• Capacidade e solvencia do empresario.

• Obxecto do contrato.

• Prezo dos contratos.

• Actuacións preparatorias.

• Avances cara á contratación electrónica.

• Identificación dos riscos na contratación.

• Adxudicación.

• Contratación estratéxica.

• Especialidades da contratación no ámbito local.

• Función consultiva e contratación.

• Novidades nos mecanismos de recurso e supostos de invalidez.

• Execución dos contratos.

3. Prazas: 80.

4. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, do Consello de Contas de Galicia dos grupos A1, A2 e C1 (axudantes de Auditoría).

No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán cubrirse por persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia pertencentes aos grupos A1, A2 e C1 que realicen funcións de control (intervención).

5. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, todos os luns entre o 17 de setembro e o 5 de novembro de 2018.

Terá unha carga lectiva de 48 horas presenciais, distribuídas en 8 sesións de 6 horas lectivas por día e sesión, que se impartirán en horario de mañá (das 11.00 ás 14.00 horas) e en horario de tarde (das 16.00 ás 19.00 horas).

6. Inscrición: prazo e documentación requirida.

As persoas interesadas deberán inscribirse a través do espazo «área de matrícula» da web da EGAP: https://egap.xunta.gal/matricula/login.php.

O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 2 de setembro de 2018.

As persoas solicitantes deberán acreditar por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal a súa condición de persoal empregado público das entidades destinatarias, así como o grupo e, se é o caso, funcións que realiza, de acordo ao establecido no punto 4 desta resolución.

Só serán admitidas as solicitudes daquelas persoas que enviasen a acreditación dentro do prazo máximo habilitado para a inscrición, isto é, ata o 2 de setembro de 2018.

A EGAP reserva para si ademais a facultade de solicitar documentación complementaria en caso necesario.

7. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes, dando preferencia ao persoal empregado público do Consello de Contas de Galicia.

8. Publicación da lista de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

8.1. No punto deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais contados desde o día da súa publicación.

8.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase, no mesmo espazo, a listaxe definitiva das persoas admitidas no curso.

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á Escola Galega de Administración Pública cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao comezo da actividade formativa. Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

Para iso, poderá utilizarse, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), a dirección de correo electrónico novas.egap@xunta.gal.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado electrónico de aproveitamento.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública