Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 19 de xullo de 2018 Páx. 34126

I. Disposicións xerais

Consellería de Política Social

DECRETO 72/2018, do 12 de xullo, polo que se modifica o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social.

A vixente estrutura orgánica da Consellería de Política Social aprobouse polo Decreto 176/2015, do 3 de decembro, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 232, do 4 de decembro de 2015, coa corrección de erros no Diario Oficial de Galicia núm. 4, do 8 de xaneiro de 2016. A dita estrutura modificouse en virtude do Decreto 77/2017, do 3 de agosto.

Mediante o Decreto 125/2008, do 29 de maio, creouse o Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), en Santiago de Compostela, centro destinado a prestar unha rehabilitación integral ás persoas con discapacidade física e dependentes, e especificamente a desenvolver diferentes programas funcionais nas seguintes áreas: área residencial, de formación, coa existencia de aulas e obradoiros, de I+D+i, de asesoramento en materia de axudas técnicas, de atención psicosocial, de rehabilitación física e hidroterapia, e de vivendas para a vida independente, e área de recursos á comunidade.

Na consecución dos seus obxectivos, preténdese agora dar un maior impulso ao seu carácter integral potenciando os actos e actividades formativas adaptadas ás persoas con discapacidade o que levará consigo o contacto permanente coas entidades prestadoras de servizos sociais, así como cos órganos e organismos estatais e coas universidades.

De conformidade co exposto, resulta necesaria a modificación organizativa na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade coa incorporación e coa dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), así como a súa dirección coa natureza de servizo, como órgano que asumirá a supervisión e xestión cun nivel de responsabilidade e compromiso xa que este centro vaise converter nun establecemento de referencia no ámbito da discapacidade.

Cómpre, polo tanto, a modificación do artigo 20 do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, que establece a organización da dirección xeral. Así mesmo, engádese un novo artigo 24 bis referido especificamente ao novo órgano de apoio coa descrición das súas funcións.

A presente modificación da norma organizativa tramitouse de conformidade cos artigos 40 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Política Social, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reuníón do día doce de xullo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social

O Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, queda modificado como segue:

Un. O número 2 do artigo 20 queda redactado como segue:

«2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade conta cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Recursos Económicos.

b) Subdirección Xeral de Dependencia e Valoración da Discapacidade.

c) Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e de Atención Diúrna.

d) Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia.

e) Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi)».

Dous. Engádese un novo artigo 24. bis coa seguinte redacción:

«Artigo 24 bis. Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi)

Correspóndelle ao Centro Galego de Desenvolvemento Integral, órgano de apoio con nivel orgánico de servizo, as seguintes funcións:

a) A supervisión e control no cumprimento das disposicións regulamentarias de aplicación e das instrucións ditadas pola dirección xeral para o funcionamento do Centro, así como a súa xestión económica e administrativa.

b) A planificación das actividades que se desenvolvan no Centro, así como a súa organización, distribución, supervisión e coordinación para acadar un funcionamento efectivo.

c) A planificación das actividades formativas e cursos dirixidos a persoas con discapacidade e do seu desenvolvemento no Centro.

d) A realización de actividades e programas adaptados ás persoas con discapacidade no Centro.

e) A proposta de proxectos de colaboración, no ámbito das súas competencias, con entidades públicas e privadas.

f) Desenvolvemento das accións de colaboración con entidades de iniciativa social prestadoras de servizos sociais co fin de atender ás necesidades das persoas con discapacidade no Centro».

Disposición derradeira primeira. Modificación da relación de postos de traballo

A Consellería de Política Social propoñerá as modificacións que procedan na relación de postos de traballo, derivadas da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Consellería de Política Social para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarias para a acomodación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela, así como as que procedan para o seu desenvolvemento e execución.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social