Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 20 de xullo de 2018 Páx. 34287

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de xullo de 2018 pola que se amplía a dotación orzamentaria e se modifica o prazo de xustificación da Orde do 27 de decembro de 2017 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2018.

Mediante a Orde do 27 de decembro de 2017 (DOG num. 13, do 18 de xaneiro de 2018) convocáronse para o ano 2018 as axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

A orde, no seu artigo 31, prevé a posibilidade de incrementar a dotación orzamentaria, segundo se establece no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No artigo 29 da convocatoria establécese que as entidades beneficiarias terán ata o 1 de outubro de 2018 para presentar a documentación xustificativa da subvención. Tendo en conta que a resolución destas axudas non se produciu no prazo indicado no artigo 11 das bases reguladoras, por mor do elevado número de solicitudes e o longo proceso de avaliación e resolución, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación da dotación orzamentaria

1. Amplíase a dotación orzamentaria determinada na Orde do 27 de decembro de 2017 pola que establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo en Galicia, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

2. O incremento da dotación orzamentaria será de 1.850.000 €, consignados na aplicación orzamentaria 13.03.712B 772.0 (CP 2016 00369). Queda establecida en 4.850.000 € a contía máxima das subvencións que se concedan.

Artigo 2. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o 31 de outubro de 2018 (incluído) o prazo para executar e xustificar estas axudas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural