Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 24 de xullo de 2018 Páx. 34654

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 75/2018, do 12 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto denominado Mellora do camiño de acceso a Toldaos, no concello do Incio.

O Concello do Incio, en sesión dos días 14 de xullo de 2017 e 22 de decembro de 2017, acordou a necesidade de ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto denominado Mellora de camiño de acceso a Toldaos, e acordou solicitar á Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O proxecto foi aprobado pola Xunta de Goberno local con data 21 de novembro de 2017.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada o 22 de febreiro de 2018 na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, o acceso ao núcleo de Toldaos é deficiente tanto na capa de rodadura coma na largura, o que non permite o paso de vehículos grandes; particularmente, non hai posibilidade de que poida acceder unha ambulancia ou outros vehículos de emerxencia.

Así mesmo, as obras de mellora do camiño a Toldaos pretenden ampliar a pista co obxectivo de acondicionar un camiño de 4 metros de largo que permita o acceso ao lugar de todo tipo de vehículos, pois á parte do citado no anterior parágrafo tamén é un acceso aos predios dos/das veciños/as da parroquia, que non poden facer un aproveitamento das súas parcelas porque non poden acceder a elas coa maquinaria agrícola. Trátase, polo tanto, dunha obra social que beneficia a todos os/as veciños/as do lugar.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xullo de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Mellora de camiño de acceso a Toldaos no Concello do Incio. De ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, doce de xullo de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza