Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 27 de xullo de 2018 Páx. 35054

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2018 pola que se establece a composición da mesa de contratación permanente desta universidade.

Coa entrada en vigor da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP/2017), é necesario modificar a composición da Mesa de Contratación Permanente da Universidade da Coruña para adaptala ao novo marco xurídico.

O artigo 326.1 da citada lei establece que, nos procedementos abertos, abertos simplificados, restrinxidos, de diálogo competitivo, de licitación con negociación e de asociación para a innovación, os órganos de contratación das administracións públicas estarán asistidos por unha mesa de contratación. Nos procedementos negociados en que non sexa necesario publicar anuncios de licitación e nos procedementos a que se refire o artigo 159.6 (procedemento aberto simplificado de tramitación reducida) a constitución da mesa será potestativa para o órgano de contratación.

Por todo o anteriormente exposto, e de conformidade co previsto no artigo 326 da LCSP/2017, no Real decreto 817/2009 e no exercicio das facultades que lle confire o artigo 36 do Decreto 101/2004, do 13 de maio, polo que se aprobaron os estatutos da Universidade da Coruña, modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, esta reitoría

RESOLVE:

Primeiro. Composición da mesa de contratación

Desígnanse os membros da mesa, con carácter permanente e en razón dos postos que actualmente desempeñan, que se citan a continuación:

1. Presidencia: será exercida pola persoa titular da Vicerreitoría de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade.

2. Vogais permanentes:

a) Xefatura do Servizo de Intervención.

b) Xefatura do Servizo de Asesoría Xurídica.

c) Xefatura do Servizo de Contratación, Patrimonio e Xestión Económica.

3. Secretaría: Xefatura da Sección de Contratación.

Segundo. Réxime de suplencias no caso de vacante, enfermidade ou ausencia

1. Presidencia: será substituída pola persoa titular da vicerreitoría que corresponda, de acordo coa orde de prelación establecida no artigo 1 da Resolución reitoral do 12 de xaneiro de 2016, pola que se establece a estrutura orgánica dos servizos centrais da Universidade da Coruña e as competencias dos seus órganos directivos.

2. Vogais permanentes:

a) Xefatura do Servizo de Intervención: pola xefatura de sección ou, na súa ausencia, pola do negociado do citado servizo.

b) Xefatura do Servizo de Asesoría Xurídica: pola xefatura de sección ou, na súa ausencia, pola do negociado do citado servizo.

c) Xefatura do Servizo de Contratación, Patrimonio e Xestión Económica: pola xefatura da Sección de Xestión Económica ou, na súa ausencia, pola dun dos negociados da citada sección.

3. Secretaría: pola xefatura dun dos Negociados de Contratación ou, na súa ausencia, pola dun dos outros negociados do Servizo de Contratación, Patrimonio e Xestión Económica.

Terceiro. Normas de funcionamento da mesa de contratación

Para a válida constitución da mesa deberá estar presente a maioría absoluta dos seus membros e, en todo caso, o/a presidente/a, o/a secretario/a e os dous vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico e ao control económico-orzamentario do órgano de contratación.

Terán voz e voto todos os membros da mesa citada no apartado primeiro, excepto o/a secretario/a da mesa e os funcionarios e asesores especializados que se incorporen ás reunións, segundo a natureza dos asuntos que se vaian tratar, que actuarán con voz e sen voto.

A mesa de contratación poderá, así mesmo, solicitar o asesoramento de persoal técnico ou experto independente con coñecementos acreditados nas materias relacionadas co obxecto do contrato. A súa asistencia será autorizada polo órgano de contratación e deberá ser reflectida expresamente no expediente, con referencia ás identidades do devandito persoal técnico ou experto, á súa formación e á súa experiencia profesional (art. 326.5 LCSP/2017).

A mesa de contratación poderá solicitar cantos informes técnicos considerar pertinentes (art. 150.1 LCSP/2017).

Nos casos en que a valoración dos criterios mediante un xuízo de valor corresponda a un comité formado por expertos ou a un organismo técnico especializado (art.146.2 a) LCSP/2017), a designación realizarase e publicarase no perfil de contratante (art. 63.5 LCSP/2017).

De xeito supletorio, o seu funcionamento rexerase polo establecido no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, subsección 1ª da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Cuarto. Publicación e efectos

Esta resolución terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, momento en que deixará de ter efectos a anterior resolución reitoral do 28 de xaneiro de 2016 pola que igualmente se establecía a composición da Mesa de Contratación Permanente da Universidade da Coruña.

A Coruña, 18 de xullo de 2018

Julio Abalde Alonso
Reitor da Universidade da Coruña