Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Luns, 30 de xullo de 2018 Páx. 35262

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2018 pola que se convocan cursos de formación continua para os xefes ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento, xefes ou responsables dos grupos de emerxencias supramunicipais e xefes ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Pola Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dos cursos de formación continua dirixidos a xefes ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento, xefes ou responsables dos grupos de emerxencias supramunicipais e xefes ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira. Actividades formativas

As actividades formativas serán as que se especifican no anexo desta resolución, no cal se indican tamén, de ser o caso, o número de edicións por curso, o número de horas lectivas, o número de prazas, as datas de realización e os horarios dos distintos cursos.

Todos os cursos convocados se realizarán na Academia Galega de Seguridade Pública (r/ Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), sen prexuízo de que algunhas actividades formativas concretas ou módulos delas se poidan facer fóra das súas instalacións.

De ser o caso, as persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico sobre calquera outra información necesaria.

Segunda. Contido das actividades formativas

O contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución pode consultarse na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.gal) na epígrafe «Formación».

Terceira. Destinatarios/as

A) Xefes ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios).

B) Xefes ou responsables dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

C) Xefes ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais: os/as solicitantes deben ter a condición descrita na base terceira para estes colectivos.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.

Quinta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.

Sexta. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é ata o 31 de agosto de 2018 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúna os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Sétima. Criterios de selección

1. En cada edición das distintas actividades formativas convocadas por esta resolución, as prazas distribuiranse entre os colectivos destinatarios do curso de acordo co seguinte:

Colectivo

Porcentaxe

1º grupo: xefes ou responsables dos servizos de extinción de incendios e salvamento

50 %

2º grupo: xefes ou responsables dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES)

30 %

3er grupo: xefes ou responsables dos servizos municipais de protección civil e emerxencias

20 %

No caso de que non haxa suficientes solicitantes dalgún dos colectivos mencionados que cumpran os requisitos para cubrir o número de prazas asignado, completarase a selección con solicitantes dos outros colectivos que son destinatarios do curso que cumpran os requisitos, repartindo por igual as prazas vacantes por grupos e, cando non sexa posible pola orde de grupos, empezando a repartición polo grupo 1 e así sucesivamente.

2. Na selección dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

3. Dentro dos colectivos destinatarios do curso terán preferencia na selección as persoas de maior rango xerárquico, se as houber.

4. Se despois de aplicar os criterios anteriores hai empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Os solicitantes que realizasen anteriormente o curso poderán ser seleccionados para realizalo no suposto de existiren vacantes. De non existiren vacantes, poderán figurar na lista de reserva despois dos solicitantes que non teñan o curso.

Oitava. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Novena. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décima. Aloxamento

A Agasp proporcionará sempre que sexa posible aloxamento de luns a venres na súa residencia a todas as persoas seleccionadas que o soliciten. Unha vez comunicada a selección, a persoa interesada deberá solicitar o aloxamento enviando unha mensaxe ao correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal.

Todo isto queda condicionado ás dispoñibilidades organizativas e orzamentarias da Agasp.

Undécima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Duodécima. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia aos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente e penalizaranse disciplinariamente en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estea motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitir ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se deban recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e a actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregarase un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo cuarta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá, sen necesidade de nova publicación, suprimir o curso, cambiar as súas datas de realización, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 13 de xullo de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO

Cursos de formación continua para os servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencias supramunicipais e os servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia

Denominación do curso

Núm. de edicións

Horas lectivas

Prazas por edición

Datas

Horario

Lugar

Comunicacións para responsables de operativos e intervencións.

1

16

16

8 e 9 de novembro

Das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 18.30 horas

Agasp

(A Estrada)

Coordinación operativa en plans de emerxencia.

1

8

20

21 de setembro

Das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 18.30 horas

Agasp

(A Estrada)

Habilidades directivas para xefes de parques: cómo sacar o mellor do noso equipo?

1

24

20

19, 20 e 21 de novembro

Das 9.00 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 18.30 horas

Agasp

(A Estrada)