Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 31 de xullo de 2018 Páx. 35479

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 13 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto de obter e/ou manter a marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

BDNS (Identif.): 409639.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos ou servizos turísticos que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrita a actividade turística para a cal se solicita a axuda no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), de conformidade cos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

No caso de empresas, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20 de maio de 2003), en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos que indique o solicitante na solicitude de subvención.

No caso contrario, deberase achegar coa solicitude a documentación acreditativa da titularidade e/ou representación. Neste caso, a Axencia de Turismo de Galicia instará de oficio á actualización desa información no REAT.

2. Os requisitos para ser beneficiaria deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión das subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Turismo de Galicia, para os procesos de certificación de normas UNE que conduzan á obtención, ao seguimento e á renovación da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

2. Consideraranse actuacións subvencionables as dirixidas á mellora da calidade turística mediante procesos de primeira certificación, seguimento e/ou renovación da marca de Calidade Turística Q do ICTE, correspondentes ao ano 2018 e que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2018. Concretamente, serán subvencionables:

• Os custos de auditoría externa de certificación, seguimento e/ou renovación do sistema, facturados por unha entidade auditora acreditada polo ICTE para a realización da auditoría de certificación, seguimento ou renovación. Só se terán en conta as xustificacións de gasto con data da auditoría de certificación posterior; quedan excluídos os gastos xerados polo persoal dependente dos establecementos, así como aqueles gastos en que incorra o solicitante durante o proceso de implantación da correspondente norma UNE. Os importes obxecto de subvención serán os derivados, exclusivamente, dos custos de auditoría do ano 2018.

• Os custos derivados dos dereitos de uso da marca Q no ano 2018, unha vez acadada a certificación, o seguimento e/ou a renovación do establecemento, facturados polo ICTE ao establecemento.

3. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias e os derivados de recargas e sancións administrativas e penais. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 13 de xullo de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos de turismo rural, establecementos hoteleiros, apartamentos e vivendas turísticas, campamentos de turismo, axencias de viaxes, cafetarías, bares, restaurantes e empresas de servizos turísticos complementarios, nos procesos de certificación, seguimento e renovación das correspondentes normas UNE, co obxecto de obter e/ou manter a marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.

Cuarto. Financiamento

Estas subvencións contan cun crédito de 100.000 euros.

Este réxime de axudas está suxeito ao Regulamento (UE) 1407/2013 relativo ás axudas de minimis, polo que se deberá garantir que, no caso de recibir o beneficiario outras axudas baixo este réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido. O período determinarase tomando como referencia os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal en curso, de acordo co establecido no artigo 2 do citado regulamento.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución pola que se establecen as bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2018

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia