Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 31 de xullo de 2018 Páx. 35382

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 18 de xullo de 2018 de aprobación definitiva da modificación puntual número 4 do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Miño.

O Concello de Miño remite a modificación referida, solicitando a súa aprobación, conforme o previsto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Logo de analizar a documentación achegada, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Miño dispón na actualidade dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 8.8.2002 ao abeiro da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico sobre esta modificación o 22.8.2016. Nel resolveuse non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

3. Constan informes do arquitecto municipal (19.12.2016) e a secretaria municipal (27.1.2017), previos á aprobación inicial.

4. O pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación o 6.2.2017. Publicouse anuncio no xornal La Voz de Galicia do 16.2.2017 e no DOG do 20 de febreiro.

5. Foron solicitados os informes sectoriais autonómicos preceptivos, constando:

– Informe da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil do 2.5.2017, non considerando necesario o informe da Comisión Galega de Protección Civil.

– Informe sectorial da Axencia Galega de Infraestruturas do 29.6.2017 favorable.

– Informe do Instituto de Estudos do Territorio do Territorio do 11.7.2017, sen obxeccións.

– Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 19.6.2017 desfavorable; e do 8.5.2018, favorable cunha observación.

– Non consta a emisión dos informes solicitados á Dirección de Augas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e Consellería de Medio Rural, tendo rematado o prazo previsto no artigo 60.7 LSG para a súa emisión en datas 21.7.2017, 22.7.2017, 25.7.2017 e 22.7.2017 respectivamente, polo que se entenden emitidos en sentido favorable (artigo 60.7 LSG).

6. Deuse audiencia preceptiva aos concellos limítrofes de Irixoa, Paderne, Pontedeume e Vilarmaior, e recibiuse resposta do Concello de Paderne, en sentido favorable.

7. Presentáronse dúas alegacións á modificación, segundo o certificado emitido pola secretaria municipal con data do 22.1.2017, que se admitiron.

8. O Concello de Miño redactou documento para a aprobación provisional con diversas correccións derivadas do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC). A secretaria municipal emitiu informe previo á aprobación provisional, en sentido favorable a ela.

9. O pleno do Concello aprobou provisionalmente a modificación o 31.1.2018.

10. Con posterioridade á aprobación provisional o Concello solicitou os informes sectoriais non autonómicos preceptivos, constando a emisión dos seguintes:

– Informe da Dirección Xeral de Ordenación Forestal do 19.3.2018, favorable.

– Informe do ADIF (Administrador de Infraestrutura Ferroviaria) de 25.4.2018, favorable.

– Informe da Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicacións (Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital) do 23.4.2018, favorable.

– Informes da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia do 4.5.2018, favorable.

– Informe da Deputación da Coruña do 4.5.2018, favorable.

11. O Concello axusta de novo o documento á corrección sinalada no derradeiro informe da DXPC; este documento é informado en sentido favorable pola secretaria municipal con data 13.6.2018 con carácter previo á súa aprobación provisional.

12. O pleno do Concello de Miño, en sesión de 21.6.2018, acordou aprobar provisionalmente a modificación coas correccións introducidas.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

A modificación ten como finalidades:

a) Incorporar ao PXOM a traza do Camiño Inglés de Santiago, segundo a delimitación aprobada polo Decreto 110/2014, do 4 de setembro.

b) Reclasificar varios ámbitos de solo rústico apto para urbanizar ao longo da zona de afección do Camiño Inglés, que pasan a ser solos rústicos de protección agropecuaria e solos rústicos de protección forestal.

c) Eliminar o sector de solo urbanizable delimitado R2, que pasa a clasificarse como solo rústico de protección agropecuaria, coa excepción da zona afectada polas servidumes da N-651 (protección de infraestruturas) e da zona afectada polo río Baxoi (protección das augas).

d) Modificar aliñacións viarias en que se detectaron erros cartográficos; imposibilidades físicas para a súa execución; e previsión de ligazóns a desenvolvementos urbanísticos que se eliminan.

e) Incorporar a traza do colector do gasoduto que atravesa o municipio.

f) Incorporar espazos de titularidade municipal que constitúen sistemas locais de espazos verdes e equipamentos, que non están reflectidos na cartografía actual.

g) Derrogar a Ordenanza reguladora de plantación e corta de arboredo, incluída no anexo I do PXOM, en base no establecido na Lei 7/2012, de montes de Galicia.

III. Análise e consideracións.

Analizado o documento, o seu propio contido e a súa adecuación á normativa de aplicación; e sendo que consta informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, no que se refire á categorización dos solos rústicos de especial protección agropecuaria e forestal; non se observa obxección a el.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral e as súas modificacións corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 61 e 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; e nos artigos 1 e 4 do Decreto 167/2015, de 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

IV. Resolución.

Visto o que antecede, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual nº 4 do PXOM do Concello de Miño.

2. Ao abeiro do establecido no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a mesma no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2018

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio