Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Martes, 31 de xullo de 2018 Páx. 35440

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2018 pola que se convocan dúas edicións dun curso sobre formación en desfibrilación semiautomática externa (DESA) para o persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencia supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección das persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria de dúas edicións dun curso sobre formación en desfibrilación semiautomática externa (DESA) para o persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencia supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo

Curso

Denominación

Formación en desfibrilación semiautomática externa (DESA) para o persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencia supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia

Modalidade

Presencial

Edicións

2

Horas lectivas

5

Prazas

24 por edición

Segunda. Obxectivos e contido da actividade formativa

Obxectivos: adquirir a formación necesaria para a utilización e manexo dos desfibriladores externos, co fin de conseguir:

1. Aumentar as taxas de supervivencia nos pacientes con morte súbita conseguindo un acceso precoz a un sistema de emerxencias médicas.

2. Acurtar os tempos para realizar reanimación cardiopulmonar e a desfibrilación precoz.

Contido: no curso trataranse os seguintes temas:

• Introdución teórica:

– Cadea de supervivencia.

– Parada cardiorrespiratoria.

– Resucitación cardiopulmonar básica.

– Desfibrilador externo automatizado.

• Prácticas:

Resucitación cardiopulmonar básica.

Uso de desfibrilador externo.

Terceira. Destinatarios/as

Os destinatarios da actividade formativa convocada por esta resolución son:

• Persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios).

• Grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

• Servizos municipais de protección civil e emerxencias.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Desenvolvemento da actividade

Lugar, datas e horario:

Edición

Lugar

Datas e horario

Agasp (rúa da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra)

27 de setembro de 2018

Horario: das 9.00 ás 14.00 horas

Agasp (rúa da Cultura s/n, A Estrada, Pontevedra)

21 de novembro de 2018

Horario: das 9.00 ás 14.00 horas

Quinta. Requisitos de participación dos/das solicitantes

1. Requisitos xerais:

Ter a condición descrita na base terceira.

2. Requisitos físicos/psíquicos: os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou o desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se cubrirá xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con ela.

Sexta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal) e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp, a través dos números de teléfono 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios en unha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

Sétima. Prazo de inscrición

O prazo de inscrición é ata o 31 de agosto de 2018 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

Oitava. Criterios de selección

1. Na actividade formativa convocada por esta resolución as prazas distribuiranse entre os colectivos destinatarios do curso de acordo coa táboa seguinte:

Colectivo

Núm. de prazas

1º grupo: servizos de extinción de incendios e salvamento

50 %

2º grupo: grupos de emerxencia supramunicipais (GES)

30 %

3º grupo: servizos municipais de protección civil e emerxencias

20 %

No caso de que non houbese suficientes solicitantes dalgún dos colectivos mencionados que cumpran os requisitos para cubrir o número de prazas asignado, completarase a selección con solicitantes dos outros colectivos que son destinatarios do curso que cumpran os requisitos, e terá preferencia o grupo que menos prazas ten asignadas.

2. Na selección, dentro de cada un dos colectivos destinatarios do curso reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 50 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

3. Dentro dos colectivos destinatarios do curso terán preferencia na selección as persoas de maior rango xerárquico, se as houbese.

4. Se despois de aplicar os criterios anteriores houbese empate, terán preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Novena. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas.

A renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, e cunha antelación mínima de tres días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Décima. Uniformidade

É obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Décimo primeira. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp.

Décimo segunda. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse de xeito disciplinario, no caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/do alumna/o ao longo do curso».

Décimo terceira. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

Décimo cuarta. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar sen necesidade de nova publicación o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimier, sen necesidade de nova publicación, o curso, cambiar as datas de realización, ampliar novas edicións ou prazas deste, ou suspendelo, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Así mesmo, facúltase o director xeral para ditar resolución sen necesidade de nova publicación para interpretar, se for o caso, o desenvolvemento da convocatoria ou docencia.

A Estrada, 13 de xullo de 2018

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública