Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 1 de agosto de 2018 Páx. 35584

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 20 de xullo de 2018 de renuncia e nomeamento de persoas membros do Comité Autonómico de Ética de Investigación de Galicia.

A presidenta do Comité Autonómico de Ética de Investigación de Galicia –CAEIG– envía o 12.7.2018 un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade en que comunica a renuncia por petición propia de Manuel Portela Romero, e propón o nomeamento de Mª Belén Pérez Marcos como membro e vicesecretaria do CAEIG.

Antecedentes:

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que os membros deste comité «serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres».

En aplicación do que dispón este artigo, mediante a Resolución do 17 de setembro de 2013, que se publicou no DOG núm. 181, do 23 de setembro, concedeuse a acreditación do Comité Autonómico de Ética de Investigación de Galicia, estableceuse a súa sede e nomeáronse como membros ás persoas que se relacionaban no seu anexo. Entre elas figuraban:

– Manuel Portela Romero, médico especialista en Medicina de Familia e Comunitaria procedente da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela.

– Manuel Vázquez Lago, médico especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública, en calidade de vicesecretario.

Consideracións legais e técnicas:

O número 7 do artigo 5 do arriba citado Decreto 63/2013, do 11 de abril, dispón que «o nomeamento se efectuará por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do/a interesado/a».

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou a Secretaría Xeral Técnica desta consellería,

RESOLVO:

Revogar o nomeamento de Manuel Portela Romero, por petición propia, como membro do Comité Autonómico de Ética de Investigación de Galicia.

Así mesmo, nomear a Mª Belén Pérez Marcos, procedente da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, como membro e como vicesecretaria do comité en substitución, nesta condición, de Manuel Vázquez Lago, quen, non obstante, continúa como membro.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2018

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade