Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 2 de agosto de 2018 Páx. 35795

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de xullo de 2018 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa a realizar durante o ano 2018 actividades formativas de especialización en financiamento comunitario, programa TecEuropa, e se aproban as bases reguladoras para a súa convocatoria.

A disposición derradeira sétima, número 2, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dá nova redacción ao número 1 da disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que pasa a dispoñer que as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita.

Esta modificación normativa, que segundo a disposición derradeira primeira ten o carácter de lexislación básica, entrou en vigor o 3 de outubro de 2015, de conformidade coa disposición derradeira décimo oitava.2 da citada Lei 40/2015, polo que, a partir desa data, o outorgamento de subvencións pola Fundación Galicia Europa (FGE) require a autorización expresa da consellería de adscrición, no presente caso, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Así mesmo, conforme establece a mesma disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, na redacción dada pola disposición derradeira sétima da Lei 40/2015, do 1 de outubro, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, a Fundación Galicia Europa é unha entidade sen ánimo de lucro e ente instrumental do sector público autonómico galego que depende orgánica e funcionalmente do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

Segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, modificado polo Decreto 11/2015, do 5 de febreiro, a Vicepresidencia, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten, entre outras funcións, a de proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e seguimento da xestión da Fundación Galicia Europa.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorización

Autorizar a Fundación Galicia Europa a convocar, durante o ano 2018, actividades formativas de especialización en financiamento comunitario Programa TecEuropa, nunha ou máis edicións segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Segundo. Bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerán a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das prazas para participar, durante o ano 2018, nas actividades formativas do programa TecEuropa.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva de prazas de formación para o desenvolvemento durante o ano 2018 de actividades formativas do programa TecEuropa (código de procedemento PR816A)

Artigo 1. Introdución

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, a Fundación Galicia Europa (FGE) ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. A FGE prestará apoio aos distintos departamentos e entidades da Xunta de Galicia, así como ás restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da Unión, e colaborará na preparación de viaxes e visitas institucionais das autoridades de Galicia ás institucións e órganos da Unión, así como das autoridades das citadas institucións e órganos a Galicia.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten, entre outras funcións, a proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e seguimento da xestión da FGE segundo o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, modificado polo Decreto 11/2015, do 5 de febreiro.

A FGE constitúese ao abeiro do artigo 34.1 da Constitución española e réxese pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, sobre o réxime das fundacións de interese galego e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia. Esta fundación, creada en 1988, é unha institución sen ánimo de lucro que ten por finalidade promover o achegamento entre Galicia e Europa.

O traballo da FGE materialízase en catro grandes ámbitos de acción que responden aos obxectivos de defender os intereses de Galicia perante a Unión Europea (UE), informar sobre a UE en Galicia, promover a participación galega en proxectos europeos e formar e sensibilizar sobre Europa.

En cumprimento dos fins fundacionais e do plan de actuación para o ano 2018 aprobado polo seu padroado, a FGE poderá convocar unha ou máis edicións, segundo as dispoñibilidades orzamentarias, do programa de especialización en materia de financiamento comunitario, TecEuropa. Con esta actuación, a FGE pretende continuar co seu compromiso de impulsar a participación das entidades públicas e privadas galegas sen ánimo de lucro na captación de fontes de financiamento comunitario que permitan executar todo tipo de proxectos en beneficio do tecido produtivo e da sociedade galega en xeral.

Artigo 2. Obxecto

Estas bases regulan as condicións polas que se rexerán no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión en réxime de concorrencia competitiva, de prazas de formación para o desenvolvemento durante o 2018 das actividades formativas do programa TecEuropa (código de procedemento PR816A).

Esta actividade formativa pretende constituír unha rede de técnicos de proxectos europeos en Galicia con que facilitar os contactos entre xestores dos proxectos europeos, a presentación de proxectos conxuntos e un mellor aproveitamento e impacto dos fondos europeos na nosa comunidade.

Artigo 3. Obxectivo da actividade formativa

Os principais obxectivos da actividade son:

a) A formación de persoal responsable en asuntos comunitarios para o desenvolvemento de proxectos europeos.

b) Familiarizar os participantes co financiamento comunitario e as diferentes políticas comunitarias en que se encadra.

c) Fomentar o desenvolvemento dunha rede de técnicos de proxectos europeos en Galicia para unha participación máis coordinada e reforzada.

d) Axudar as entidades participantes a sacar o máximo proveito das oportunidades que ofrece a Unión Europea: promoción exterior, obtención de financiamento, participación en redes de cooperación, etcétera.

Artigo 4. Condicións xerais

As prazas para participar nesta actividade formativa concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

O número de prazas destinadas a esta actividade formativa establecerase en cada convocatoria que publique a FGE.

As persoas solicitantes non poderán estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán solicitar a participación no programa TecEuropa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

– Pertenecer a algunha das seguintes categorías:

a) Persoal con relación laboral nalgunha das entidades membros do padroado da FGE: Xunta de Galicia, Abanca, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación da Coruña, Deputación de Lugo e Axencia Galega de Innovación (Gain).

b) Persoal con relación laboral nalgunha das entidades locais galegas.

c) Persoal con relación laboral nalgunha das entidades pertencentes ao terceiro sector en Galicia.

d) Persoal vinculado con algunha das demais entidades públicas ou privadas galegas sen ánimo de lucro. Por persoal vinculado entenderase aquel que teña unha relación laboral ou ben que acredite unha relación de cooperación coa entidade.

As persoas solicitantes deberán, ademais, cumprir os seguintes requisitos:

a) Non ter participado no programa formativo de especialización en materia de financiamento comunitario convocado pola FGE en convocatorias anteriores.

b) Contar co apoio da entidade onde traballa (anexo III).

Co fin de asegurar unha representación equilibrada do persoal das distintas entidades, a FGE fixará en cada convocatoria que publique o número de prazas destinadas á reserva mínima para cada categoría.

De non se cubriren as prazas reservadas a cada categoría, as prazas vacantes outorgaranse por orde dos criterios xerais de selección sinalados no artigo 12 destas bases, independentemente da categoría a que pertenzan.

Artigo 6. Contido e desenvolvemento da actividade formativa

O programa TecEuropa estrutúrase en dous bloques que consisten nunha semana de formación teórica e visitas institucionais en Bruxelas e dous días de formación práctica en Santiago de Compostela e que terán o seguinte contido:

1. Bruxelas.

a) Marco financeiro plurianual 2014-2020.

b) Fondos europeos: xestión centralizada e xestión descentralizada.

c) Identificación dos principais programas e instrumentos financeiros a nivel comunitario.

O programa en Bruxelas completarase con visitas ás institucións comunitarias e reunións sectoriais bilaterais para aqueles participantes que o soliciten.

1. Santiago.

– Prácticas de planificación, preparación de candidaturas, redacción técnica e desenvolvemento de proxectos europeos.

Durante o desenvolvemento deste programa formativo, levarase a cabo un control de asistencia e puntualidade a través da sinatura das persoas participantes que terán que acreditar a súa presenza en cada unha das sesións. Aquelas persoas que completen satisfactoriamente o programa recibirán un certificado de asistencia expedido pola FGE.

As datas de realización da actividade formativa publicaranse nas correspondentes convocatorias.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes realizaranse mediante o modelo que se incorpora como anexo II a esta orde e presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de empregado público.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Non percibir ningunha compensación económica doutras entidades polos conceptos acreditados ante a FGE.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme ao artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Documentación complementaria e forma de presentación

1. Xunto co anexo II, formulario de solicitude, achegarase a seguinte documentación complementaria:

a) Memoria explicativa da motivación e interese da acción formativa para a entidade para a que traballa.

b) Breve exposición dos proxectos europeos para os que está a preparar unha proposta de proxecto ou proxectos europeos en que participou.

c) Formación específica en asuntos europeos e idiomas que poida acreditar documentalmente.

d) Anexo III. Autorización e apoio da entidade onde a persoa solicitante presta servizo.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se alguna das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

3. Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentala presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/documentación-de-gran-tamano.

Artigo 9. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite as persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Comisión de valoración

Nos cinco días hábiles seguintes ao da publicación das convocatorias da actividade formativa, o director da FGE designará unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nas bases, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación das prazas na actividade formativa.

A comisión estará composta por un máximo de cinco persoas, exercendo as funcións de presidente/a, secretario/a e ata un máximo de 3 vogais e que serán designadas entre o persoal da FGE e o persoal funcionario da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

A súa composición será publicada na páxina web da FGE.

Artigo 12. Criterios xerais de selección

1. Cumprir os requisitos establecidos nas alíneas a), b), c) e d) do artigo 5 destas bases reguladoras.

2. Unha vez aplicado o criterio anterior, de existir máis persoas candidatas que prazas en cada categoría, procederase por orde de prelación conforme os seguintes criterios:

a) Terán preferencia as persoas aspirantes que traballen en entidades que estean a preparar algunha candidatura específica para un proxecto europeo ou teñan un interese directo en participar en próximas convocatorias.

b) De continuar existindo un número maior de solicitudes que prazas, terán prioridade as persoas aspirantes que traballen en entidades que participen ou houbesen participado como socios en proxectos europeos.

Segundo o establecido no artigo 8, estes criterios valoraranse a través dunha breve exposición dos proxectos europeos para os que se está a elaborar unha proposta de convocatoria ou nos que se participou e unha memoria explicativa da motivación e interese para a entidade para a que traballa.

3. No caso de que sigan a existir máis persoas aspirantes que prazas valoranse as horas de formación específica en asuntos, proxectos ou fondos europeos.

4. Se continúa habendo máis persoas aspirantes que prazas darase prioridade a aqueles solicitantes que acrediten un maior nivel de coñecemento das linguas inglesa ou francesa.

5. Se unha vez rematado o proceso anterior, quedan prazas vacantes en algunha das categorías, distribuiranse entre todas as demáis seguindo os mesmos criterios sinalados no punto anterior.

Artigo 13. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión das prazas ofertadas corresponderalle ao director da FGE. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea que de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, realizará cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea, aprobará as listaxes provisionais das persoas aspirantes admitidas e excluídas que será publicada na páxina web da FGE e nos lugares determinados pola normativa vixente, con indicación dos seus apelidos, nome e das causas determinantes das exclusións que procedan.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderase implícita na resolución pola cal se publique a listaxe definitiva das persoas admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse na páxina web da FGE e serán remitidas á comisión de valoración.

Non axustarse aos termos das convocatorias, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A comisión valorará os méritos alegados polas persoas candidatas conforme os criterios indicados no artigo 12 das bases reguladoras e publicará a listaxe provisional por orde de prelación.

4. Unha vez finalizada a fase de avaliación, a comisión formulará un informe que será remitido ao órgano instrutor en que se concrete á asignación de prazas tendo sempre en conta as bases reguladoras.

5. Logo de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

6. Transcorrido o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará ao director da FGE un informe xunto coa proposta de resolución onde figurarán as persoas beneficiarias das prazas convocadas para a actividade formativa. No prazo máximo de quince días hábiles o director da FGE resolverá o procedemento de concesión das prazas e establecerase unha listaxe de reserva. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das prazas será de tres meses, desde a data de publicación das convocatorias. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. A concesión da praza para realizar a actividade formativa seralle notificada ás persoas adxudicatarias tendo en conta o disposto no artigo 17 destas bases. As persoas adxudicatarias deberán a comunicar a súa aceptación ou renuncia por escrito no prazo de tres días hábiles, mediante o modelo que figura como anexo IV desta convocatoria.

Se transcorrido este prazo non se producise manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada. Se a persoa beneficiaria renunciase expresamente a participar na actividade formativa, a praza outorgarase á seguinte persoa candidata segundo a listaxe de reserva establecida.

Artigo 14. Financiamento da actividade

A organización da viaxe e estadía en Bruxelas correrá a cargo de cada participante. A FGE financiará os gastos orixinados, xustificados e pagados por un importe máximo de 700 €, unha vez finalizada a estadía en Bruxelas e acreditada a participación en todas as actividades formativas.

Para a presentación da xustificación de gastos, deberá utilizarse a solicitude de pagamento segundo o modelo que se poderá descargar da páxina web http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu.

No mesmo farase constar unha relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número de factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas, data, xustificante de pagamento e descrición do gasto, así como o seu importe en euros.

Así mesmo, deberá achegar a documentación que corresponda da seguinte relación:

1. Orixinais das tarxetas de embarque e factura orixinal do aboamento do billete de avión.

2. Factura orixinal do aboamento do aloxamento.

3. Xustificantes orixinais dos gastos de desprazamento.

4. Facturas ou xustificantes orixinais dos gastos de manutención.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos da persoa solicitante incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, da persoa representante.

1. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Recursos

A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 26.2.c) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo de que poida exercer calquera outro recurso que xulgue pertinente. Transcorrido este prazo sen terse presentado o dito recurso, esta resolución adquirirá firmeza na vía administrativa.

Artigo 17. Publicidade

A resolución de adxudicación das prazas, así como os datos que deban notificarse de forma conxunta publicarase na sede electrónica e na páxina web da FGE. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a FGE publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas seleccionadas quedan obrigadas a:

1. Realizar as actividades de formación de acordo co artigo 6 nas datas que figuren na convocatoria. Salvo causas de forza maior, a asistencia ás actividades formativas deberanse realizar na súa totalidade.

2. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da concesión da praza de formación.

3. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

Artigo 20. Compromisos da FGE

A FGE comprométese a:

1. Facer fronte ao pagamento das obrigas económicas derivadas da concesión das prazas formativas.

2. Impartir a actividade formativa de conformidade co establecido na orde reguladora das bases.

3. Os participantes que completen satisfactoriamente a actividade formativa recibirán un certificado de asistencia expedido pola FGE.

Artigo 21. Incidencias

A FGE resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación das presentes bases.

O incumprimento das obrigas de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das prazas obxecto desta resolución e a obtención concorrente doutras achegas, fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

As funcións derivadas do reintegro e, de ser o caso, de imposición de sancións, así como as funcións de control e demais que supoñan o exercicio de potestades administrativas, serán exercidas pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 22. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia - Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envio da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 23. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Fundación Galicia Europa, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interés público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-general-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 24. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu Regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file