Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2018 Páx. 37440

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 20 de xullo de 2018, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental da planta de despezamento de buques fóra de uso no Porto de Brens, Cee (A Coruña), promovida pola empresa Brokenboats, S.L. (expediente 2016-SC-I-00297).

Para os efectos previstos no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental (BOE núm. 296, do 11.12.2013) faise público que, por espazo de 30 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

– Estudo de impacto ambiental da planta de procesado, selección e clasificación de materiais navais para posterior reciclaxe no Porto de Brens, Cee (A Coruña).

Para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. Os documentos poderán consultarse en horario de atención ao público:

– Na Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Residuos (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

– Na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña (rúa Vicente Ferrer, 2, 15071, A Coruña).

– No Concello de Cee (rúa Domingo Antonio Andrade, s/n, 15270 Cee).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Residuos.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2018

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Titular: Brokenboats, S.L.

CIF: B32469389.

Domicilio social: Camiño da Eirexa, Vilar de Ordelle, 4, 32720, Esgos (Ourense).

Localización da instalación: Porto de Brens, 15270, Cee (A Coruña).

Actividade: valorización de residuos perigosos (despezamento de buques fóra de uso).

As etapas en que se divide a actividade de procesado, selección e clasificación de materiais navais para a súa posterior reciclaxe pódese describir diferenciando 4 zonas principais:

Zona 1. Zona primaria de desmantelamento: esta primeira zona sitúase sobre a lámina de auga, onde se atopa o buque amarrado a que se lle vai a efectuar o despezamento. Nesta zona levarán a cabo, en primeiro lugar, un inventario dos refugallos perigosos/contaminantes do buque a bordo, as tarefas de remoción/limpeza de líquidos incluídos combustibles e aceites, a remoción de equipos que poidan ser desmontados, a extracción das substancias perigosas e/ou contaminantes e o baleirado do casco.

Zona 2. Zona secundaria de desmantelamento: unha vez que o buque se atopa en disposición de iniciar o despezamento propiamente dito da superestrutura, o corte comezará de proa a popa en sentido lonxitudinal, empezando pola ponte, coidando moito os puntos fortes do buque para evitar quebrantos e arrufos. De seguida, procédese a dividir o buque en anacos de entre 3 e 5 toneladas segundo as súas características particulares de modo que sexan máis manexables.

Nesta zona procederase ademais ao corte dos elementos metálicos que pola súa dimensión así o exixan para proceder ao seu almacenamento posterior.

Zona 3. Zona de acabamento, clasificación e reparación: esta é a última zona de procesado, selección e clasificación de materiais navais antes do almacenamento, valorización, venda ou distribución dos distintos elementos separados.

Zona 4. Zona de almacenamento e expedición.