Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 17 de agosto de 2018 Páx. 38178

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 13 de agosto de 2018 pola que se modifica a Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se convoca o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre.

Conforme o establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (DOG núm. 222, do 22 de novembro), esta vicepresidencia, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados, convocou o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre, subgrupo C1 (DOG núm. 134, do 13 de xullo).

No exercicio das súas competencias, o Concello de Vilagarcía de Arousa comunicou á Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), que procedese á convocatoria de tres prazas da categoría de policía local de novo ingreso pola quenda de acceso libre.

O 3 de agosto, o concello de Vilagarcía de Arousa comunica á Agasp que proceda á convocatoria e selección de dúas prazas de novo ingreso por quenda de acceso libre e unha praza por sistema de mobilidade, momento en que xa estaba en marcha o proceso unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre.

Por canto antecede, por proposta da Agasp, no uso das facultades conferidas no artigo 4 do Decreto 115/2017, do 17 de novembro, esta vicepresidencia, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,

DISPÓN:

Artigo único. Modificación da Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se convoca o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre

A Orde do 4 de xullo de 2018 pola que se convoca o proceso selectivo unitario para o ingreso nos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre, queda modificada como segue:

Primeiro. Modifícase o disposto no número 1.1, referido ao obxecto do proceso selectivo, que queda redactado da seguinte forma:

1.1. O obxecto do proceso selectivo é cubrir 38 prazas dos corpos de policía local, categoría de policía, quenda de acceso libre, subgrupo C1.

Segundo. Modifícase o anexo II, exclusivamente en relación co Concello de Vilagarcía de Arousa, e será dous o número de prazas que se convocan no referido concello e mediante quenda de acceso libre.

ANEXO II

Prazas convocadas:

Concello

Nº de prazas

Vilagarcía de Arousa

2

Esta modificación non afecta o prazo de presentación de instancias da convocatoria, manténdose o prazo de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado en data do 20 de xullo de 2018.

Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, conforme a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, conforme a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza