Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 24 de agosto de 2018 Páx. 39119

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 14 de agosto de 2018, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se publican os requirimentos de emenda de documentación das solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 25 de maio de 2018 pola que se regulan as bases que rexerán a concesión de axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2018 e 2019 (procedemento BS403D).

A Consellería de Política Social convocou para os anos 2018 e 2019, a través da Orde do 25 de maio de 2018 (DOG núm. 106, do 5 de xuño) axudas económicas para a creación de escolas infantís 0-3 en polígonos industriais e parques empresariais.

A partida orzamentaria con cargo á cal se financian estas axudas ten un cofinanciamento do 80 % do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo 2014-2020.

O prazo e a forma de presentación de solicitudes están regulados no artigo 10 da Orde do 25 de maio, e no artigo 11 determínase a documentación que se deberá xuntar coa solicitude.

Una vez revisadas as solicitudes presentadas ao abeiro da dita orde de convocatoria polo órgano encargado da instrución do procedemento, identificáronse aquelas que non reúnen a documentación necesaria, ben por non tela presentado, ben por conter erros, ou ben por non ser suficiente para a determinación do cumprimento dos requisitos exixidos para a súa posterior remisión á comisión encargada da súa valoración.

Segundo establece o artigo 11 da Orde do 25 de maio de 2018 e de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, considerarase que desistiu da súa petición, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015.

Así mesmo, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e consonte o indicado no artigo 45 da citada Lei 39/2015, e tal como sinala o artigo 17 da Orde do 25 de maio pola que se convocan as axudas, os requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os efectos da notificación.

De acordo co establecido no artigo 11.7 da Orde do 25 de maio de 2018, todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados de xeito electrónico a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de solicitudes que non están debidamente cubertas e/ou que non achegan a documentación preceptiva exixida segundo o establecido nas bases reguladoras. Esta relación figura como anexo desta resolución.

Segundo. Facer indicación expresa a todas as entidades solicitantes recollidas no anexo de que son requiridas para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, conforme se establece nesta resolución. De non o facer, teranse por desistidas na súa petición, logo de resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terceiro. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de emenda de documentación das solicitudes, poderán dirixirse ao Servizo de Conciliación Familiar a través da conta de correo demografiaeconciliacion@xunta.gal.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2018

María Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica

ANEXO

Nº de expediente

Solicitante

NIF

Documentación requirida

BS403D/2018-1

Entidade Urbanística de Conservación A Granxa

G36381929

1. Documentación acreditativa da dispoñibilidade dos terreos durante, cando menos, o período mínimo de permanencia da actividade subvencionada.

2. Certificación acreditativa, asinada polo representante da entidade solicitante, de que no orzamento da entidade existe crédito para cofinanciar a contía correspondente.

3. Memoria urbanística xustificativa da viabilidade dos investimentos propostos coa situación xurídica, catalogación e permisos dos usos dos terreos.

4. Certificado ou informe municipal sobre as actividades da zona e a súa compatibilidade coa escola infantil 0-3.

5. Plan de viabilidade que permita a posta en funcionamento e o mantemento do centro durante un mínimo de 5 anos.