O día 19 de xaneiro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia, núm. 14, a Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2018 (TU501B).
No artigo 19 das bases establécese que os beneficiarios terán ata o 1 de outubro de 2018 para presentar a documentación xustificativa da subvención. Tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, motivada polo longo proceso de avaliación e resolución, xunto á complexidade da execución dos proxectos, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos por parte das entidades beneficiarias, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.
De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación do prazo de execución e xustificación
Amplíase ata o día 20 de outubro de 2018 (inclusive) o prazo para a execución e xustificación dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2018 (TU501B).
Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2018
Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia