Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 31 de agosto de 2018 Páx. 39730

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de agosto de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 26 de maio de 2017, relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común de Lodoselo e Perdigueiro e Veiga, no concello de Sarreaus.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC de Lodoselo e de Perdigueiro e Veiga, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 28 de setembro de 2009 as comunidades propietarias dos MVMC de Lodoselo e de Perdigueiro e Veiga presentaron un escrito no que solicitan a aprobación dun acto de deslindamento levado a cabo entre estas.

O citado acto foi celebrado no Xulgado de Paz de Sarreaus o día 18 de setembro de 2009, logo de autorización das asembleas xerais respectivas.

Segundo. O Servizo de Montes remitiu ao Xurado Provincial a documentación relativa ao citado acto, co obxecto de que se ditase resolución aprobatoria, de acordo co previsto no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

A descrición do lindeiro é a seguinte:

Comeza a descrición no lugar denominado Marco dos Valentes, punto que denominaremos MO1. Posteriormente e con dirección oeste dirixímonos ao Regueiro da Bouza onde situaremos MO2, o dito punto que localizado entre o Carreiro Ladrón e o camiño que baixa ao Viso partindo o piñeiral en dúas partes iguais, a partir de aquí e continuando no mesmo lugar de Regueiro da Bouza cambiamos a dirección do lindeiro para dirixirnos ao camiño que baixa ao Viso a escasos metros do anterior, punto que denominaremos MO3. A partir de aquí, definimos o lindeiro cunha liña recta que une este punto co punto MO4 e dirección sur, situado na devasa onde o lugar segue tendo o nome de Regueiro da Bouza, moi preto do lugar denominado Pozo Fondo. O seguinte punto da marxe sitúase no lugar chamado A Penediña, que denominaremos MO5, desde aquí con dirección oeste vai ata MO6 que está onde entronca a devasa que vén da Penediña ca pista que vai a Freande. O seguinte punto é MO7, situado ao oeste do anterior, no lugar denominado O Viso, e o último punto situado máis ao oeste tamén no lugar do Viso é o que denominamos MO8, e aquí remata o lindeiro entre comunais e comeza cos particulares.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento a seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o xurado provincial en man común acordou por unanimidade o día 23 de febreiro de 2017:

Aprobar o acto de conciliación acadado entre as comunidades propietarias dos MVCM de Lodoselo e de Perdigueiro e Veiga, do concello de Sarreaus, de acordo co exposto no feito segundo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recuso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no plazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta resolución, de acordo co disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 17 de agosto de 2018

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense