Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Luns, 10 de setembro de 2018 Páx. 40449

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución correspondente ao cambio de gas combustible (de GLP a gas natural) nas instalacións de distribución de gas canalizado no núcleo urbano de Verín (Ourense), promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2017/30-0).

Logo de examinar o expediente instruído a petición da empresa Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente, Nedgia Galicia, S.A.), con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 1.2.1996 a Consellería de Industria e Comercio ditou a orde pola que se outorgou a Repsol Butano, S.A. a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas propano comercial no termo municipal de Verín, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 13.2.1996. A respecto desta concesión administrativa cabe indicar o seguinte:

• A infraestrutura gasista asociada entrou en funcionamento tras a autorización outorgada o 4.6.1997 pola Delegación Provincial de Ourense da dita consellería.

• A concesión administrativa transformouse en autorización administrativa á entrada en vigor da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, porque segundo o establecido na súa disposición adicional sexta, todas as concesións para actividades incluídas no servizo público de subministración de gases combustibles por canalización quedan extinguidas e substituídas de pleno dereito por autorizacións administrativas.

Segundo. O 20.10.2016 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das redes de distribución de GLP canalizado que Repsol Butano, S.A. ten en varios núcleos de poboación da provincia de Ourense, entre os que se atopa Verín, a favor de Gas Natural Redes GLP, S.A. coa consecuente subrogación dos dereitos e obrigas asociados.

Posteriormente, o 14.6.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou a transmisión das instalacións de distribución de GLP canalizado na localidade de Verín (Ourense) e da súa autorización administrativa, da sociedade cedente Gas Natural Redes GLP, S.A. a favor da sociedade adquirente Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 17.8.2017 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Instituto Galego de Vivenda e Solo en Santiago de Compostela), un escrito de Gas Galicia SDG, S.A. no que solicita a aprobación da execución das instalacións correspondentes ao cambio de gas combustible (de GLP a gas natural) en Verín (Ourense), acompañando a seguinte documentación:

• Proxecto de autorización e execución de instalacións, titulado Proxecto de cambio de subministración de gas propano por gas natural no núcleo urbano de Verín, datado en xullo de 2017 e no que figura un orzamento de 235.148,90 €, xunto coa declaración responsable do técnico do proxecto.

• Separatas técnicas para as seguintes entidades afectadas polos proxectos: Ministerio de Fomento, Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Confederación Hidrográfica del Duero, Concello de Verín, Unión Fenosa Distribución, S.A. e Telefónica de España.

Cuarto. O 1.12.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do citado proxecto de cambio de gas combustible en Verín, pola súa condición de entidades titulares de bens e dereitos afectados por el e para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades: Ministerio de Fomento, Axencia Galega de Infraestruturas, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Confederación Hidrográfica del Duero, Concello de Verín, Unión Fenosa Distribución, S.A. e Telefónica de España.

As entidades que contestaron, presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado á empresa promotora da instalación gasista proxectada, quen presentou a súa conformidade.

En canto ás entidades que non contestaron, Confederación Hidrográfica del Duero e Concello de Verín, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada porque:

• En canto á Confederación Hidrográfica del Duero, a empresa Nedgia Galicia, S.A. achegou a autorización outorgada polo dito organismo.

• En canto ao Concello de Verín, a empresa Nedgia Galicia, S.A. achegou a licenza municipal outorgada polo dito concello.

Quinto. O 17.1.2018 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia (Rexistro do Edificio Administrativo da Coruña), un escrito de Nedgia Galicia, S.A. no que solicita a aprobación da execución das instalacións correspondentes á addenda ao proxecto de cambio de gas en Verín, acompañando a seguinte documentación:

• Addenda ao proxecto de cambio de subministración de gas propano por gas natural no núcleo urbano de Verín, datada en decembro de 2017. Esta addenda ten por obxecto modificar a localización da planta provisional de GLP, para cumprir o requirimento feito polo Concello de Verín.

Sexto. O 24.1.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública o proxecto de autorización administrativa e a súa addenda, promovidos por Nedgia Galicia, S.A., para o cambio de gas combustible en Verín (expediente IN627A 2017/30-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 15.2.2018, no Boletín Oficial da provincia do 20.2.2018 e nos xornais La Voz de Galicia e La Región do 9.2.2018, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Verín.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa non se presentaron alegacións.

Sétimo. O 5.4.2018 a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en adiante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de autorización execución correspondente ao cambio de gas combustible en Verín (expediente IN627A 2017/30-0), promovido por Nedgia Galicia, S.A., cuxas características básicas son as seguintes:

Instalacións a executar:

• Planta provisional de GLP, que se vai instalar na parcela de referencia catastral 32086A104001950000ZO, situada ao sueste do municipio de Verín (coordenadas UTM Huso 29 ETRS89: X=630.335, Y=4.643.747):

– Número de depósitos: 2 uds.

– Capacidade de almacenamento: 9,76 m3 (4,88 m3 cada depósito).

– Cerramento: valado perimetral (2 m de altura).

– Vaporización: forzada (vaporización+caldeira).

– Tipo: aéreo.

– Protección contra incendios: mínimo para clase A-13.

– Módulos de calefacción, armarios de control, circuíto de auga e instalación eléctrica.

• Inserción de novas válvulas de sector na rede de GLP existente e novas canalizacións para religamentos da actual rede que permitan a subministración de gas en sectores, que de non realizarse os ditos religamentos, quedarían illados e sen subministración por causa do peche das válvulas.

Rede actual de GLP para converter a gas natural:

• Rede de distribución de GLP construída en polietileno de calidade PE-80 (relación de diámetro/espesor de 11), cunha lonxitude total de 19.540 m.

Instalacións que se van desmantelar:

• Planta de GLP, instalada na parcela de referencia catastral 7433908PG247350001SO, situada no polígono industrial de Pazos do municipio de Verín (coordenadas UTM Huso 29 ETRS89: X=627.298, Y=4.643.068).

• Número de depósitos: 2 uds.

• Capacidade de almacenamento: 118,80 m3 (50,40 cada depósito).

• Cerramento: valado perimetral (2 m de altura).

• Vaporización: forzada (vaporización+caldeira).

• Tipo: enterrados.

Orzamento total: 235.148,90 €.

Oitavo. O 19.4.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou a separata técnica da citada addenda ao Concello de Verín, pola súa condición de entidade titular de bens e dereitos afectados por ela.

O Concello de Verín non contestou á petición de informe, nin tampouco á reiteración desta petición, entendéndose en consecuencia a súa conformidade, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de Autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; coa Lei 39/2015, do 1 de decembro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segundo. O Regulamento xeral do servizo público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, establece no seu artigo 8.c) que, en tanto non se alteren os termos das concesións, corresponde á Dirección Xeral de Enerxía outorgar as autorizacións do cambio das características do gas subministrado ou a súa substitución por outro intercambiable.

Este regulamento mantén a súa vixencia en todo aquilo que non contradiga ou se opoña ao disposto no Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11, aprobado polo Real decreto 919/2006, do 28 de xuño.

Terceiro. A Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no punto 8 do artigo 46.bis Instalacións de GLP a granel, establece que os titulares das instalacións de distribución de GLP a granel deberán solicitar á Administración concedente da autorización a correspondente autorización para transformar estas para a súa utilización con gas natural, debendo cumprir as condicións técnicas de seguridade que sexan de aplicación, someténdose en todo ás disposicións normativas vixentes para as instalacións de distribución de gas natural.

Cuarto. O 15.9.2016 a Sala de Supervisión Reguladora da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) ditou a resolución (TPE/DE/027/16), sobre a operación de adquisición por parte de Gas Galicia SDG, S.A. dos activos de distribución de GLP canalizado a Repsol Butano, S.A.U. en Galicia.

Nesta resolución indícase que de maneira transitoria Gas Galicia SDG, S.A. (actualmente, Nedgia Galicia, S.A.) poderá desenvolver a actividade de subministración de GLP por canalización, durante o tempo que duren as actuacións e os trámites necesarios para a transformación das instalacións a gas natural.

Quinto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

• Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución correspondente ao cambio de gas combustible (de GLP a gas natural) nas instalacións de distribución de gas canalizado no núcleo urbano de Verín (Ourense), promovido pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2017/30-0).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran nos seguintes documentos técnicos que conforman o proxecto de execución, presentados pola empresa promotora, Nedgia Galicia, S.A.:

• Proxecto de autorización e execución de instalacións, titulado Proxecto de cambio de subministración de gas propano por gas natural no núcleo urbano de Verín, datado en xullo de 2017), con referencia GDO415151100016803 e asinado polo enxeñeiro industrial José Luis Sousa López (colexiado número 489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia).

• Addenda ao proxecto de cambio de subministración de gas propano por gas natural no núcleo urbano de Verín, datada en decembro de 2017, con referencia GDO415160500095403 e asinada polo enxeñeiro industrial José Luis Sousa López.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. A empresa promotora deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas no prazo dun mes, contado desde a notificación desta resolución, unha copia do plan de comunicación ao que se fai referencia no proxecto de execución que se aproba.

Quinta. En canto aos bens e dereitos afectados polo proxecto de referencia e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sexta. A empresa promotora queda obrigada cos titulares dos contratos en vigor a substituír ou adaptar todos os elementos das instalacións receptoras afectadas polo cambio, e aqueles aparatos de utilización declarados no contrato e, se é o caso, o contador, sen que este poida reportar ningún custo para o usuario, conforme ao disposto no artigo 38 do Regulamento xeral do servizo público de gases combustibles, aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro.

Sétima. A empresa promotora disporá dun prazo de seis meses para a execución do proxecto que se aproba (instalacións que se van executar e instalacións que se van desmantelar), contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Novena. A administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas