Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Martes, 11 de setembro de 2018 Páx. 41918

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de agosto de 2018 sobre ampliación dos prazos establecidos no artigo 23 da Resolución do 26 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de enerxías renovables destinadas a particulares para o ano 2018, cofinanciadas parcialmente co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (Diario Oficial de Galicia número 21, do 30 de xaneiro de 2018).

No Diario Oficial de Galicia número 148, do 3 de agosto de 2018, publicouse a Resolución do 27 de xullo de 2018 desta dirección pola que se dá publicidade da resolución pola que se conceden as subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a proxectos para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas para proxectos de enerxías renovables destinadas a particulares.

De acordo co disposto nos artigos 5 da resolución da convocatoria e 23 das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2018.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Doutra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, por cuestións de tramitación de autorizacións administrativas previas e de construción e a demora nas entregas de materiais por parte dos provedores. Ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 5 da resolución da convocatoria para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa, ampliando o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 15 de outubro de 2018.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal) para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da LPACAP.

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra este acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia