Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Venres, 21 de setembro de 2018 Páx. 43031

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de agosto de 2018 pola que se desenvolven o procedemento e o baremo para a avaliación da actividade investigadora de persoal investigador contratado pola Axencia Galega de Innovación baixo a modalidade de persoal investigador distinguido (Programa Oportunius).

O Decreto 64/2016, do 26 de maio, regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación (Gain) de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido (Programa Oportunius).

No capítulo II establécese a avaliación por parte da Gain da actividade investigadora dese persoal con vistas a garantir o mantemento da excelencia. Con este fin, este persoal investigador estará sometido a un proceso de avaliación que terá en conta a actividade investigadora en termos de impacto e calidade da produción científica, liderado de proxectos financiados, formación de talento e os resultados da investigación desenvolvida.

É conveniente que o persoal investigador que deba someterse á devandita avaliación coñeza os aspectos organizativos e procedementais básicos do proceso, así como o baremo que se aplicará para facilitarlle a obtención dunha boa cualificación. Desta forma, proporciónaselle un horizonte de renovación dos seus contratos que propiciará a planificación da súa actividade investigadora, así como a participación na convocatoria de axudas de ámbito nacional e internacional.

Así mesmo, a disposición derradeira primeira do Decreto 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido autoriza a persoa titular da consellería competente en materia de I+D +i para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do citado decreto.

A presente orde desenvolve o procedemento e establece o baremo para a avaliación da actividade investigadora do persoal investigador contratado pola Gain baixo a modalidade de persoal investigador distinguido (Programa Oportunius).

Polo que antecede, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto desenvolver o procedemento (código IN857A) e o baremo de avaliación das persoas investigadoras contratadas pola Axencia Galega de Innovación baixo a modalidade de persoal investigador distinguido de acordo co disposto no Decreto 64/2016, do 26 de maio, polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido.

Artigo 2. Órgano competente

O órgano competente para resolver as solicitudes de avaliación da actividade investigadora será a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación.

Artigo 3. Órgano avaliador

1. A Axencia Galega de Innovación nomeará unha comisión avaliadora en cada un dos campos científicos do European Research Council (ERC) en que se presenten solicitudes.

2. A comisión avaliadora estará formada polo menos por tres persoas expertas nacionais ou internacionais de prestixio na especialidade en que o persoal avaliado desenvolve o seu traballo. En caso de ser de nacionalidade española deberán ter recoñecidos, polo menos, tres tramos de investigación (complemento de produtividade establecido no Real decreto 1086/1989, do 28 de agosto, sobre retribucións do profesorado investigador).

3. O/a director/a da Axencia Galega de Innovación nomeará os seus membros e publicaranse na páxina web da Axencia Galega de Innovación cunha anticipación, polo menos, dun mes respecto ao momento da súa constitución.

4. En todo momento, a súa actuación axustarase ao disposto nas leis 39/2015 e 40/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común da administracións públicas, e de réxime xurídico do sector público, respectivamente.

5. Os membros da comisión deberán absterse de actuar cando concorra causa xustificada dalgún dos motivos de abstención previstos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Así mesmo, as persoas solicitantes poderán recusar os membros da comisión, de conformidade co previsto no artigo 24 da citada Lei 40/2015. Unha vez resolto o escrito de renuncia, abstención ou recusación que puidese presentarse, os membros afectados serán substituídos polo nomeamento dunha nova persoa titular.

6. Na composición de cada comisión avaliadora, así como no cómputo total de persoas integrantes de todas as comisións, procurarase unha presenza equilibrada de homes e mulleres.

Artigo 4. Solicitudes e trámites posteriores ao inicio do expediente

1. O persoal investigador contratado pola Axencia Galega de Innovación poderá solicitar a primeira avaliación voluntariamente no primeiro trimestre do terceiro ou cuarto ano de vixencia do seu contrato. De non facelo, neste período voluntario, deberá solicitala no primeiro trimestre do quinto ano de vixencia do seu contrato. As seguintes avaliacións, se é o caso, deberanse solicitar transcorridos 5 anos da avaliación anterior. As situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade, ampliarán o cómputo da duración do contrato.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes presentaranse no primeiro trimestre de cada ano.

4. As solicitudes deberán ir acompañadas dunha relación dos méritos alegados, ordenados de acordo coa epígrafe do baremo en que se pretende que sexan obxecto de avaliación. Para cada achega deberán indicarse os datos necesarios para a súa localización e identificación. A comisión avaliadora poderá requirir á persoa solicitante por medio da Gain a remisión dunha copia de algunha ou todas as achegas alegadas.

5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Procedemento

1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes xunto coa documentación obxecto de avaliación na Axencia Galega de Innovación, procederase á publicación da listaxe de persoas solicitantes admitidas e excluídas na páxina web da Axencia, indicando, se é o caso, as causas da exclusión. Durante un prazo de 10 días hábiles as persoas solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros.

2. O/a director/a da Axencia Galega de Innovación procederá á designación dos membros da comisión avaliadora que serán obxecto de publicación na páxina web da Axencia.

3. Transcorrido un mes desde a súa publicación e nun prazo non superior a 15 días, procederase á constitución inicial da comisión avaliadora.

4. No devandito acto farase entrega ao secretario ou secretaria da comisión de todas as solicitudes e documentación presentada polas persoas solicitantes para proceder á avaliación da actividade investigadora.

5. A comisión avaliadora terá un prazo máximo de 2 meses para efectuar a avaliación da actividade investigadora de acordo cos criterios recollidos no artigo 9 desta orde.

6. A avaliación realizarase conforme os méritos alegados polas persoas interesadas coas súas solicitudes. Con todo, a Gain, a petición da comisión avaliadora, poderá requirir ás persoas solicitantes as aclaracións, concrecións e xustificantes que considere oportunos con relación aos méritos alegados.

7. A comisión poderá manter unha entrevista co/coa candidato/a relativa aos méritos alegados na súa solicitude.

8. A comisión avaliadora emitirá un informe final consensuado resultado da avaliación de cada candidato/a no cal constará a cualificación de Pauper (moi malo), Malus (malo), Bonus (bo) ou Eminens (moi bo).

Artigo 6. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Resolución

Unha vez recibido o informe de avaliación final efectuado pola comisión avaliadora, o/a director/a da Axencia Galega de Innovación ditará resolución sobre a solicitude de avaliación da actividade investigadora, coa correspondente cualificación indicada no artigo 13.3 do Decreto 64/2016, do 26 de maio.

O prazo máximo para ditar resolución será de 4 meses.

Artigo 8. Recursos

Contra a citada resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ante o/a propio/a director/a da Axencia Galega de Innovación (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas), ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses computado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela (artigos 8.3 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

O recurso contencioso-administrativo antes mencionado non poderá interpoñerse ata que sexa resolto expresamente ou se produciu a desestimación presunta do de reposición.

Igualmente, cantos actos administrativos deriven deste procedemento e da actuación da comisión de avaliación poderán ser impugnados nos casos e na forma prevista na mencionada Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Criterios de avaliación

1. Para a primeira avaliación teranse en conta os méritos correspondentes ao período transcorrido entre o inicio do contrato e a solicitude de avaliación. Para as seguintes avaliacións consideraranse os méritos obtidos no período de 5 anos transcorridos desde a última avaliación.

2. A avaliación realizarase de acordo co baremo que figura no anexo II desta orde.

3. O resultado da avaliación cualificarao a comisión avaliadora, en función da puntuación obtida de acordo co seguinte baremo:

a) Pauper: inferior a 15 puntos. Neste caso a Axencia Galega de Innovación designará unha nova persoa avaliadora que deberá ratificar este resultado. De non producirse a ratificación reiniciarase o proceso de avaliación coa designación de novas persoas avaliadoras.

b) Malus: maior ou igual a 15 puntos e inferior a 40 puntos.

c) Bonus: maior ou igual a 40 puntos e inferior a 85 puntos.

d) Eminens: maior ou igual a 85 puntos.

Artigo 10. Efectos da avaliación

1. A avaliación efectuada pola Axencia Galega de Innovación terá os seguintes efectos:

a) Unha avaliación Pauper será causa de rescisión de contrato.

b) Unha primeira avaliación Malus impedirá ao persoal investigador optar ao complemento de rendemento investigador. Unha segunda avaliación Malus, no seguinte período, supoñerá a rescisión do contrato do/da investigador/a.

c) A avaliación Bonus e Eminens, conforme o estipulado no artigo 25 do Decreto 64/2016, do 26 de maio, dará dereito ao persoal investigador a percibir o complemento de rendemento investigador.

2. O resultado da avaliación terá efectividade o 1 de xaneiro do ano seguinte a aquel en que se obteña a correspondente valoración.

Artigo 11. Protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Axencia Galega de Innovación, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación para ditar as disposicións necesarias para a execución do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2018

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file

ANEXO II

Criterios de avaliación

Indicadores

Puntuación por indicador

Puntuación máxima por epígrafe

a) Excelencia investigadora: resultados obtidos na actividade de investigación.

a.1) Impacto das publicacións medido a través das citas que reciben e da calidade das revistas en que se editan

30 puntos

40 puntos

a.2) Patentes en explotación ou concedidas e acordos de explotación ou empresas (EBT) xerados a partir de resultados obtidos polo grupo

10 puntos

a.3) Recoñecementos e premios

5 puntos

b) Produción científica: publicacións realizadas e impacto delas (publicacións en revistas de prestixio, en revistas internacionais…).

b.1) Artigos en publicacións do Scopus ou Web Science e libros ou capítulos de libros con ISBN

20 puntos

20 puntos

b.2) Outras publicacións

5 puntos

c) Captación de fondos: capacidade de captación de fondos públicos e/ou privados rexionais, nacionais, europeos para investigación.

c.1) Participación en calidade de líder ou socio/a en proxectos europeos

10 puntos

20 puntos

c.2) Proxectos do Plan nacional

10 puntos

c.3) Outros proxectos e contratos con empresas

10 puntos

d) Participación en congresos/conferencias/seminarios de prestixio: realización de relatorios, cursos, obradoiros, etc.

d.1) Conferencias convidadas en foros ou centros de prestixio e/ou ámbito internacional

9 puntos

10 puntos

d.2) Outras participacións en congresos (comunicacións orais)

4 puntos

d.3) Outros (cursos, obradoiros, etc.)

2 puntos

e) Evolución e crecemento do equipo de investigación: desenvolvemento dos/das investigadores/as que forman parte do equipo.

e.1) Número de teses dirixidas ou codirixidas

4 puntos

8 puntos

e.2) Número de investigadores/as que compoñen o grupo e número de investigadores/as de programas competitivos de recursos humanos e de posdoutorais internacionais captados

4 puntos

e.3) Colaboracións internacionais con grupos de prestixio

4 puntos

f) Mobilidade xeográfica, intersectorial e interdisciplinar, así como entre sector público e privado.

Estadías (fóra de España, de Galicia e/ou entes privados internacionais)

2 puntos

2 puntos