Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 28 de setembro de 2018 Páx. 43853

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2018 pola que se convocan as actividades de formación para o persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Aprobado o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2018 polo Consello Reitor, de conformidade co artigo 3.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, e en colaboración coas universidades do Sistema universitario de Galicia, convócanse as actividades de formación dirixidas ao seu persoal de administración e servizos (PAS), cuxas bases se detallan nos anexos desta resolución.

RESOLVO:

Convocar as actividades formativas que figuran no anexo II, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo I.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2018

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Requisitos dos participantes

Poderá participar na acción formativa convocada mediante esta resolución o persoal de administración e servizos (PAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia que se encontre en situación de servizo activo, permiso por maternidade, adopción ou acollemento ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso estea en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado. Esta incidencia deberá ser comunicada á EGAP con carácter inmediato.

Segunda. Desenvolvemento das actividades de formación

As actividades realizaranse cos requirimentos, duración e condicións que para cada unha se indiquen na convocatoria. A información relativa ao desenvolvemento da actividade, así como as súas posibles modificacións, será actualizada e ampliada na páxina web <https://egap.xunta.gal>.

Terceira. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes de participación nas actividades formativas só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

3. Dentro do prazo de presentación de solicitudes establecido no punto 1 desta base os solicitantes deberán presentar na EGAP, de ser o caso, xunto cunha copia do formulario de solicitude, a seguinte documentación:

– Documentación complementaria acreditativa de circunstancias específicas (discapacidade, permiso de maternidade, etc.) de acordo cos criterios de selección sinalados na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Para isto poderase utilizar, ademais do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro) o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

4. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non se axusten ao formulario de solicitude, non teñan cubertos correctamente os datos precisos para a realización do proceso de selección ou sexan presentadas fóra de prazo.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas das actividades solicitadas e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

6. As persoas interesadas en recibiren mensaxes sobre o proceso de selección deberán facilitar un enderezo de correo electrónico e/ou un número de teléfono móbil.

7. A EGAP adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57, 981 54 62 54 e 981 54 63 35, e do enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

Cuarta. Criterios de selección

Os criterios selectivos que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos que o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

Os empates desfaranse de acordo co resultado do sorteo ao que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo (DOG núm. 58, do 25 de marzo). Para o ano 2018, segundo a Resolución da Consellería de Facenda do 16 de xaneiro (DOG núm. 19, do 26 de xaneiro), comezarase pola letra G.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos do curso poderá completarse o número de alumnos/as asignado mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP.

Quinta. Publicación das relacións do alumnado seleccionado

1. A EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas.

O prazo de presentación de alegacións será de cinco días naturais desde a súa publicación.

Ademais, quen facilite os correspondentes datos na solicitude será informado da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica. Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda, todo isto de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

2. Transcorrido o prazo de alegacións, a EGAP publicará no enderezo <https://egap.xunta.gal> a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

Sexta. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. Os cambios ou as substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP cunha antelación mínima de tres días naturais anteriores ao inicio da actividade formativa. Na páxina web da escola está dispoñible un modelo de renuncia.

Para isto poderase utilizar, alén do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), o enderezo de correo electrónico <xestion.egap@xunta.gal>.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. As faltas de asistencia:

a) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o antedito perderán o dereito ao certificado de participación na actividade formativa.

b) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas presenciais, pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétima. Realización de probas

Para poder superar a actividade de formación, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se realizará ao final desta.

A EGAP informará a través da súa páxina web das datas concretas e das horas da proba final.

Oitava. Certificado de aproveitamento

Para a obtención do certificado de aproveitamento, o alumnado deberá obter a avaliación positiva do seu profesorado, o cal emitirá un informe declarando apto/a ou non apto/a a cada alumno/a en función do resultado da proba.

Non se expedirán certificados de asistencia sen a superación do curso.

Novena. Facultades da EGAP

1. A EGAP, xunto coas universidades do Sistema universitario de Galicia, resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas e pode suprimir algunha, ampliar novas edicións da programación ou programar outras actividades diferentes cando así o exixan as circunstancias que lle afecten á súa organización ou docencia. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario axeitado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. No suposto de que o número de admitidos/as sexa inferior ao 50 % das prazas convocadas, a EGAP resérvase o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso no que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

4. A EGAP, xunto coas universidades do Sistema universitario de Galicia, poderá modificar os contidos, o desenvolvemento, as datas e os lugares da actividade formativa, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da escola.

5. A EGAP, xunto coas universidades do Sistema universitario de Galicia, garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

ANEXO II

Código

Denominación

Prazas

Horas

Cualificación

Destinatarios

Localidade/
Modalidade

Datas

Data proba de avaliación

Horario

Portal de idiomas

UN18024

Conversa en inglés

15

30

Aproveitamento

Persoal de administración e servizos da Universidade da Coruña

Presencial

A Coruña

17.10.2018

3.12.2018

3.12.2018

Proba de avaliación

18.00 h.

UN18024

Conversa en inglés

15

30

Aproveitamento

Persoal de administración e servizos da Universidade de Santiago

Presencial

Lugo

17.10.2018

3.12.2018

3.12.2018

Proba de avaliación

18.00 h.

UN18024

Conversa en inglés

15

30

Aproveitamento

Persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo

Presencial

Ourense

17.10.2018

3.12.2018

3.12.2018

Proba de avaliación

18.00 h.

UN18024

Conversa en inglés

15

30

Aproveitamento

Persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo

Presencial

Vigo

17.10.2018

3.12.2018

3.12.2018

Proba de avaliación

18.00 h.