Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 1 de outubro de 2018 Páx. 44141

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 19 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de setembro de 2018 polo que se aproba o acordo acadado o 18 de xullo de 2018 entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais CC.OO. e FeSP-UGT sobre as retribucións do persoal docente dependente desta consellería que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación e do que exerce a función inspectora.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 13 de setembro de 2018, aprobou o acordo acadado o 18 de xullo de 2018 entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais CC.OO. e FeSP-UGT sobre as retribucións do persoal docente dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de Educación e do que exerce a función inspectora.

Para xeral coñecemento procédese á publicación do referido acordo,

RESOLVO:

Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de setembro de 2018 que a continuación se transcribe.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2018

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2018

Reunidos

Dunha parte, Román Rodríguez González, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e,

doutra parte, as organizacións sindicais asinantes ao final do presente documento,

Considerando que o recoñecemento social do profesorado incide directamente na calidade do sistema educativo e que un factor que inflúe de modo importante nese recoñecemento social son as súas retribucións.

Considerando que en Galicia se produciron dous procesos de homologación salarial nos anos 2003 e 2006 e que as cláusulas terceira do Acordo de catro de xuño de 2003 e oitava do Acordo do 16 de maio de 2006 estableceron que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria analizaría anualmente as retribucións do persoal funcionario docente que imparte ensinanzas distintas das universitarias en todo o Estado e, se resultase unha modificación apreciable da posición relativa acadada co presente acordo nas retribucións do persoal funcionario docente da nosa comunidade no conxunto do Estado, abriría un novo proceso de negociación das súas retribucións.

Considerando que desde que se asinou o Acordo do 16 de maio de 2006 se produciron acordos específicos de incrementos retributivos ao persoal funcionario docente noutras comunidades autónomas que provocaron que as retribucións do profesorado da nosa comunidade autónoma que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación modificasen a posición relativa no conxunto do Estado.

Considerando que existen solicitudes de activación da citada cláusula por parte das organizacións sindicais asinantes deste acordo.

Considerando que con este incremento retributivo de 1.260 € anuais na parte xeral do complemento específico, percibido en 14 pagas, o profesorado galego recupera a posición relativa que no conxunto do Estado acadara co Acordo de 2006.

Por todas estas razóns, as partes asinantes acadan o seguinte acordo sobre as retribucións do persoal docente dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparte as ensinanzas reguladas na lei orgánica de educación e do que exerce a función inspectora.

Primeiro. A compoñente xeral do complemento específico do persoal docente dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica de educación e do que exerce a función inspectora, experimentará un incremento de 1.260 € anuais segundo o seguinte cadro:

Data de efectividade

Incremento mensual

Incremento anual

1.10.2018

15 €

210 €

1.1.2019

20 €

280 €

1.1.2020

25 €

350 €

1.1.2021

30 €

420 €

Total

90 €

1.260 €

Segundo. De acordo co artigo 35 da Lei 9/1987, do 17 de xuño, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións sindicais asinantes do presente acordo constituirán unha comisión de seguimento e aplicación deste. Esta comisión reunirase sempre que o solicite a consellería ou a parte sindical.

Terceiro. A comisión de seguimento a que se fai referencia na epígrafe anterior analizará no terceiro trimestre de cada ano, con ocasión da elaboración dos orzamentos as retribucións do persoal funcionario docente que imparte ensinanzas distintas das universitarias en todo o Estado e, se resultase unha modificación da posición relativa acadada co presente acordo nas retribucións do persoal funcionario docente da nosa Comunidade no conxunto do Estado (por debaixo do primeiro terzo da táboa de retribucións no conxunto das CCAA), a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abrirá un novo proceso de negociación das súas retribucións.

Quinto. As medidas de carácter retributivo que se prevén no presente acordo están supeditadas á entrada en vigor das normas orzamentarias que habiliten a súa efectividade.

Durante o período de vixencia do II Acordo Goberno-Sindicatos para a mellora do emprego público e condicións de traballo, publicado pola Resolución da Secretaría de Estado de Función Pública do 22 de marzo de 2018, os importes económicos destinados a atender as ditas medidas acreditaranse con cargo e baixo a consideración de fondos adicionais dos previstos no seu apartado primeiro.

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Por CC.OO.

Por FeSP-UGT

María Luz López Pérez

Paula Carreiro Prieto