Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 4 de outubro de 2018 Páx. 44781

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2018 pola que se modifica a Resolución do 12 de setembro de 2018, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas para o ano 2018 (código de procedemento SI452A).

Con data do 24 de setembro publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 182, a Resolución do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade.

O artigo 6 da citada resolución regula os gastos subvencionables, establecendo as características que deben reunir os gastos para seren considerados como tales.

Co fin de garantir o cumprimento da finalidade das axudas para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, é necesario modificar o artigo 6 da Resolución do 12 de setembro de 2018, facendo referencia expresa a outros gastos correntes derivados directamente da actividade que comprende a realización dos programas e que constitúen un tipo de gasto que debe reunir a natureza de subvencionable de acordo co obxecto da convocatoria.

A presente modificación determina a necesidade da ampliación do prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria, de tal xeito que as entidades solicitantes disporán dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente modificación no Diario Oficial de Galicia.

En virtude do exposto e de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade

Engádese un punto 5 na letra c) da epígrafe 1 do artigo 6 da Resolución do 12 de setembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade, como se indica:

«5º. Outros gastos correntes directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa».

Disposición derradeira primeira. Ampliación do prazo de presentación de solicitudes

Amplíase o prazo para a presentación das solicitudes e, polo tanto, compútase o prazo dun mes a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2018

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade