Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 16 de outubro de 2018 Páx. 45892

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 126/2018, do 27 de setembro, polo que se aproba a agrupación voluntaria dos concellos de Verea e Quintela de Leirado, da provincia de Ourense, para o sostemento en común do posto de secretaría-intervención.

Os concellos de Verea e Quintela de Leirado, nas respectivas sesións plenarias realizadas os días 24 de abril e 25 abril de 2018 respectivamente, acordaron aprobar definitivamente a agrupación dos ditos concellos para o sostemento en común da praza de secretaría-intervención e, en consecuencia, elevar o expediente á Xunta de Galicia para a súa aprobación.

Os concellos de Verea e Quintela de Leirado atópanse na situación de crise de recursos económicos, o que os obriga a acudir a financiamento externo; ademais, prodúcese unha regresión demográfica de graves consecuencias provocada pola perda de habitantes. A crise demográfica incide especialmente na diminución da súa capacidade financeira, ao ser a poboación un elemento básico para participar nos ingresos procedentes das administracións públicas, o que produce como resultado un déficit de financiamento nestes concellos.

Do mesmo xeito, ao lograr unha maior eficiencia e racionalidade dos recursos humanos, a agrupación constitúe unha medida de aforro económico sen a mínima perda de capacidade na xestión administrativa.

No expediente seguíronse os trámites previstos na normativa de aplicación: artigo 9 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional; 165 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Constan os informes favorables da Deputación Provincial de Ourense e da Subdelegación do Goberno de Ourense en Galicia, segundo o disposto no artigo 167.c) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e no artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

A competencia para a aprobación da agrupación corresponde á Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de réxime local, segundo dispoñen o artigo artigo 9 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo; o artigo 167 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; o artigo 15 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e o artigo 13 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e sete de setembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

Aprobar a agrupación dos concellos de Verea e Quintela de Leirado, na provincia de Ourense, para o sostemento en común dun posto único de secretaría-intervención, así como os estatutos polos que se rexerá a dita agrupación, que forman parte integrante do expediente.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de setembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza