Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 18 de outubro de 2018 Páx. 46209

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2018, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade a unha encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas relativa ao expediente de contratación para a adxudicación do contrato da obra da pasarela peonil da estación de Santiago de Compostela.

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas para a realización de traballos técnicos que se susciten no expediente de contratación para a adxudicación do contrato da obra da pasarela peonil da estación de Santiago de Compostela, que ten as seguintes características:

Obxecto: encomenda de xestión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á AGI para a realización dos seguintes traballos:

• Na fase de licitación do contrato de obras:

– Elaboración do informe técnico de valoración das ofertas técnicas presentadas, incluídos os informes relativos a posibles baixas desproporcionadas.

• Na fase de execución do contrato de obras:

– A dirección do contrato, como responsable del, correspondéndolle as facultades atribuídas polo artigo 62 da LCSP.

– Sen prexuízo das funcións que lle correspondan ao director facultativo das obras, no suposto da existencia dun modificado sobre o contrato de obras a AGI, a través dos seus órganos técnicos, deberá emitir o correspondente informe técnico de supervisión.

– A comprobación do replanteo do proxecto.

– En relación á tramitación das certificacións de obra e, de ser o caso, á liquidación do contrato, sen prexuízo das funcións que ao respecto correspondan ao director facultativo, estas deberán ser visadas pola unidade que designe a tal efecto a AGI.

• Calquera outro informe de carácter técnico que en relación con este contrato de obras sexa solicitado polo órgano xestor.

Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao realizarse entre órganos (Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e Axencia Galega de Infraestruturas) dotados de personalidade xurídica propia e ser a Axencia Galega de Infraestruturas medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela.

Prazo de vixencia: desde a súa sinatura ata a extinción do contrato.

Supostos en que procede a finalización anticipada da encomenda: incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou mutuo acordo.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2018

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade