Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 19 de outubro de 2018 Páx. 46461

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 8 outubro de 2018 pola que se convoca concurso público para a elaboración dunha lista de agarda de persoal docente e investigador contratado interino para cubrir as necesidades docentes de distintas áreas de coñecemento desta universidade para o curso académico 2018/19.

Esta reitoría resolveu convocar un concurso público para a elaboración dunha lista de agarda de persoal docente e investigador contratado interino en previsión da cobertura das necesidades docentes que poidan xurdir por causas sobrevidas, nas áreas de coñecemento que se relacionan no anexo I, conforme ao disposto no artigo 38.2 da Normativa pola que se regula a selección do persoal docente investigador contratado e interino da USC, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. A este procedemento seralle de aplicación a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (en diante, LOU); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP); a Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP); o Decreto 266/2002, do 6 de setembro, sobre contratación de profesorado universitario, os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados por Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro; a Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino, aprobada por Acordo do Consello de Goberno do 17 de febreiro de 2005 e modificada polos Consellos de Goberno do 10 de maio de 2007, 19 de xullo de 2007 e 22 de xullo de 2009 (en diante, Normativa); o II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, subscrito con data do 26 de xaneiro de 2011 (DOG do 14 de abril), prorrogado con data do 12 de xullo de 2013 (DOG do 29 de xullo) (en diante, Convenio) e as bases desta convocatoria.

1.2. Cando os prazos aos que fai referencia esta convocatoria se expresen en días entenderase que estes son hábiles, excluíndo do cómputo os sábados e os domingos e os declarados festivos segundo o disposto no artigo 30 da LPACAP. Consideraranse festivos para estes efectos os festivos locais tanto de Santiago de Compostela como de Lugo. En calquera caso ampliarase en ambos os dous campus o prazo establecido por un número de días igual ao dos festivos existentes.

Cando os prazos rematen nun día no que os rexistros da Universidade de Santiago de Compostela (USC) estean pechados prorrogaranse ata o seguinte día hábil.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

Os requisitos que os/as aspirantes deberán reunir para ser admitidos/as nestes concursos serán os seguintes:

a) Ser español/a, nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados aos que, en virtude de tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadoras/es nos termos en que esta se atopa definida no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

Tamén poderán participar o cónxuxe non separado de dereito, e os descendentes e descendentes do cónxuxe non separado de dereito menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas, dos españois, dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, ou de nacionais doutros Estados cando así o estableza un tratado internacional celebrado pola Unión Europea e ratificado por España.

As/os nacionais de Estados distintos dos indicados anteriormente poderán tamén participar nos concursos e ser contratadas/os, sempre que se atopen en España en situación de legalidade e sexan titulares dun documento que as/os habilite para residir e para acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter cumpridos dezaseis anos.

c) Non ter sido separada/o mediante expediente disciplinario de servizo de calquera administración pública española, da Unión Europea ou do Estado do que teña nacionalidade a persoa concursante.

d) Non ter sido condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos.

e) Non padecer enfermidade ou limitación física ou psíquica que impida o desempeño das correspondentes funcións.

f) Ter o título universitario oficial de grao, licenciado ou equivalente, ou a certificación supletoria correspondente. Cando o título se obtivera no estranxeiro, deberá estar homologado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. No caso de candidatos con títulos da Unión Europea, deberá estar en posesión da homologación ou da credencial de recoñecemento dirixido da profesión de profesor de universidade.

Para o concurso L033/18-19 ter o título universitario oficial de grao, diplomado ou equivalente, ou a certificación supletoria correspondente.

g) No caso de persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira será requisito para poder concursar o coñecemento de calquera das linguas oficiais da USC.

A posesión de todos os requisitos estará referida sempre á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación e deberase manter ao longo de todo o proceso selectivo.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe participar nesta convocatoria deberá facelo constar na instancia que se axustará ao modelo anexo II que se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html, así como nas dependencias do Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador. Deberase presentar unha instancia por cada concurso no que se desexe participar.

A non presentación da instancia será causa de exclusión e non poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

3.2. As solicitudes dirixiranse ao reitor no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte á data da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3.3. A presentación da solicitude farase en calquera dos rexistros xerais desta universidade, situados no Campus de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome, Praza do Obradoiro, s/n, 15782 Santiago de Compostela) e no Campus de Lugo (Edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros, avenida Bernardino Pardo Ouro, s/n, polígono Fingoi, 27002 Lugo) ou nas restantes formas previstas no artigo 16 da LPACAP. As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto, para que sexan datadas e seladas antes de certificalas. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes.

No caso de terse presentada a solicitude a través dos últimos procedementos descritos os solicitantes deberán adiantar por correo electrónico ao enderezo spdocente@usc.es e dentro do prazo establecido para a presentación de solicitudes, copia da instancia debidamente dilixenciada polo organismo competente.

3.4. Dereitos de exame.

As persoas aspirantes deberán aboar á USC, por cada concurso no que soliciten participar, a cantidade de 17,32 euros en concepto de dereitos de exame. Para estes efectos poderase efectuar unha transferencia á conta corrente IBAN ES07 2080-0388-20-3110000646 de Abanca.

Estará exenta do pagamento da taxa por dereitos de exame a persoa que posúa un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) da cualificación do grao de discapacidade.

Así mesmo, estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. No caso de membros de categoría xeral terán unha bonificación do 50 %. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia compulsada (ou simple, acompañada do respectivo orixinal para o seu cotexo) do título de familia numerosa, que deberá estar vixente dentro do prazo de presentación de solicitudes.

Tamén se aplicará unha bonificación do 50 % á inscrición no proceso selectivo, solicitada por persoas que figurasen como demandantes de emprego desde polo menos seis meses antes da data de publicación desta convocatoria, e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados no parágrafo anterior, solicitarase nas oficinas do Servizo Público de Emprego e presentarase coa solicitude.

4. Documentación acreditativa de requisitos e méritos. Momento de presentación.

Xunto coa solicitude (anexo II: instancia) acompañarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade, pasaporte ou documento acreditativo da nacionalidade.

As/os descendentes e descendentes do cónxuxe non separado de dereito deberán presentar, ademais, os documentos acreditativos do vínculo de parentesco, e, de ser o caso, do feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do nacional dun Estado membro da Unión Europea ou doutros Estados, cando así o estableza un tratado internacional celebrado pola Unión Europea e ratificado por España, co que teña o dito vínculo. A acreditación realizarase por medio de certificados expedidos polas autoridades competentes do seu país de orixe, traducidos a algunha das linguas oficiais da USC.

b) Fotocopia do título universitario oficial ou, de ser o caso, certificación supletoria correspondente.

Os títulos expedidos por universidades ou autoridades estranxeiras deberanse acreditar por algún dos procedementos que se recollen no artigo 20.2 da Normativa.

c) De conformidade co indicado na alínea f) da base 2, as persoas aspirantes nacionais de Estados que non teñan o español como lingua oficial, poderán presentar coa solicitude a documentación acreditativa do coñecemento dalgunha das linguas oficiais da USC. O coñecemento do español acreditarase mediante fotocopia compulsada dos diplomas de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) ou equivalente. A acreditación do coñecemento do idioma galego farase conforme dispón a norma sétima.2 do anexo II da Normativa.

No caso de que non se acredite documentalmente dito coñecemento, este verificarase ben pola comisión encargada de resolver o concurso, que poderá recabar o asesoramento de persoas expertas en caso necesario, ou ben pola administración a través dunha proba específica.

d) Recibo de ingreso dilixenciado pola entidade bancaria en concepto de dereitos de exame ou o resgardo acreditativo de transferencia bancaria.

Nin o ingreso en conta nin a transferencia bancaria substituirán o trámite de presentación en tempo e forma da solicitude ante o reitor.

A falta de pagamento dos dereitos de exame no prazo de presentación de instancias non é reparable e determinará a exclusión da persoa aspirante, excepto que acredite estar exenta do pagamento de dita taxa.

Non procederá reintegrar ás persoas aspirantes as cantidades aboadas por este concepto no caso de que sexan excluídas definitivamente do concurso por causas imputables a elas.

e) Presentarase un currículo por cada concurso de lista de agarda ao que se solicite participar, consonte ao modelo anexo III, que para cada categoría se atopa no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html.

Serán obxecto de valoración exclusivamente os méritos alegados polas persoas concursantes no dito currículo (anexo III), sempre que se posúan na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes establecido na base 3.2 desta convocatoria, e que dentro do dito prazo sexan acreditados conforme ao establecido na alínea seguinte.

A non presentación do modelo do anexo III será causa de exclusión e non poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

f) Documentos acreditativos dos méritos alegados polas persoas aspirantes no currículo ao que se refire a letra anterior, consonte ao establecido no anexo VI da convocatoria, o cal pode consultarse no enderezo electrónico http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html.

Non será preciso achegar os documentos acreditativos do rendemento académico e da experiencia docente cando estes méritos correspondan a actividades desenvolvidas na USC, sen prexuízo da necesidade de relacionalos no modelo de currículo (anexo III). Non obstante, no caso de titulacións acadadas nesta universidade con anterioridade a 1988, recoméndase a presentación das certificacións académicas correspondentes.

O expediente académico será valorado como aprobado cando se acredite estar en posesión dun título e non se presente a certificación das cualificacións correspondentes.

Os documentos acreditativos terán que estar indexados, estruturados consonte o modelo de currículo, numerados en cada unha das súas páxinas, numeración que debe coincidir coa indicada no currículo (anexo III) para cada mérito. Estes documentos presentaranse encadernados (espiral ou canudo), ou suxeitos de calquera outro modo que os manteña unidos de maneira sólida e permanente e que garanta que se impida a posterior inclusión ou perda de documentación. Para tal fin, o Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador poderá adoptar medidas que permitan manter a documentación na orde na que foi presentada.

Os libros e outros materiais non encadernables deberán presentarse en caixas tipo arquivador definitivo ou similar, identificados con número de orde, número do concurso e nome da persoa aspirante. A súa presentación deberá facerse constar no modelo de currículo (anexo III), indicando o número de orde do arquivador que os contén.

Toda a documentación acreditativa de méritos á que se refire esta alínea e) deberá achegarse dentro do prazo de presentación de solicitudes. Non se admitirá ningunha documentación acreditativa de méritos rematado o antedito prazo, nin sequera no prazo de emenda de documentación a que se refire a base 5.3. A non acreditación en prazo dos méritos alegados non determinará a exclusión da persoa aspirante ao concurso, pero impedirá o cómputo e valoración de tales méritos no baremo establecido.

Non presentar os documentos especificados nos apartados a),b) e d) será causa de exclusión que poderá repararse no prazo establecido na base 5.3 desta convocatoria.

A non presentación do modelo de currículo (anexo III) ao que se refire a alínea e) determinará a non valoración dos méritos da persoa aspirante. A presentación defectuosa do antedito modelo será causa de exclusión, que poderá repararse conforme ao establecido no parágrafo anterior. Non obstante, neste acto non poderán alegarse novos méritos.

5. Admisión de aspirantes.

5.1. A Vicerreitoría de Profesorado publicará unha resolución aprobando a lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos, con indicación das causas de exclusión, nun prazo máximo de sete días hábiles desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

5.2. A lista provisoria de aspirantes admitidos e excluídos publicarase no taboleiro electrónico da USC. Así mesmo, difundirase a través da web: http://www.usc.es/profesorado.

5.3. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o reitor no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico da USC. Neste prazo as persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de aspirantes admitidos e excluídos poderán reparar os defectos que motivaran a súa exclusión ou omisión, senón serán excluídos definitivamente.

5.4. Unha vez rematado o prazo para emendar os defectos aprobarase, no prazo máximo de sete días hábiles, a lista definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

5.5. Esta resolución, que será publicada no mesmo taboleiro e web que as listas provisorias, esgota a vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os recursos oportunos. A inclusión nas listas definitivas non prexulga o cumprimento dos requisitos normativamente exixidos para a subscrición do correspondente contrato.

6. Comisións de selección e desenvolvemento dos concursos.

6.1. Os concursos obxecto desta convocatoria de lista de agarda serán resoltos polas comisións que se pode consultar no enderezo electrónico: http://www.usc.es/gl/servizos/profesorado/prazasabertas/solicitudes.html.

Estas comisións rexeranse polo disposto na normativa.

6.2. A puntuación de cada concursante será a suma das puntuacións obtidas na valoración do currículo conforme ao disposto no artigo 42 e o anexo II da Normativa pola que se regula a selección do persoal docente e investigador contratado e interino da Universidade de Santiago de Compostela. O baremo para a cualificación de méritos será o establecido no anexo I da Normativa.

6.3. Avaliados os méritos das persoas aspirantes, as comisións adoptarán un acordo que constará de:

a) Puntuacións detalladas de todas as persoas candidatas en cada unha das epígrafes e subepígrafes do baremo.

b) Relación de todas as persoas candidatas ordenadas pola puntuación total.

c) Proposta de persoas declaradas aptas polas comisión para a súa inclusión na lista de substitución, ordenada segundo as puntuacións acadadas.

As comisións poderán acordar que ningún aspirante é apta/o para a inclusión na lista de substitución, motivando esta decisión.

6.4. Coas persoas candidatas aptas que consten nas propostas das comisións constituiranse as listas de agarda, coa orde de prelación en que figuren.

6.5. Unha vez rematado o procedemento, a documentación das persoas concursantes quedará ao seu dispor no Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador, de onde deberán retirala. Non obstante, no caso de interposición de recurso non poderá retirarse ata que a resolución impugnada sexa firme, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan realizar copia compulsada da documentación para outros efectos previo aboamento das taxas correspondentes.

Transcorridos seis meses desde a finalización do procedemento ou, no caso de haber recurso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza, a documentación será destruída.

7. Publicación de aspirantes aptos/as e formalización de contratos.

Nun prazo máximo de cinco días desde o seguinte ao da finalización da valoración dos méritos, faranse públicas as listas de agarda no taboleiro electrónico da USC e nos taboleiros dos centros onde actúen as comisións de selección, así como na páxina web da Universidade http://www.usc.es/profesorado. A publicación no taboleiro electrónico da USC substituirá á notificación persoal ás persoas interesadas e producirá os mesmos efectos que esta, segundo o previsto no artigo 45 da LPACAP.

Producida a necesidade docente nunha das áreas do presente concurso, o Servizo de Persoal Docente e Investigador convocará á persoa candidata segundo a orde de prelación para que aporte copia compulsada (ou copia simple acompañada dos respectivos orixinais para o seu cotexo) daqueles documentos que avalen o cumprimento dos requisitos exixidos nesta convocatoria, así como a documentación necesaria para formalizar o contrato.

A acreditación do requisito exixido na base 2.d) farase mediante certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais. O dito certificado pode solicitarse ao ministerio con competencias en materia de xustiza.

A acreditación do requisito exixido na base 2.e) farase mediante a presentación de certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas).

De non persoarse na data indicada para a formalización do contrato sen mediar causa suficiente, considerarase que renuncia ao contrato, convocándose á seguinte persoa na orde de prelación que figure na proposta.

8. Reclamacións.

Contra a proposta de lista de agarda as persoas interesadas poderán interpoñer reclamación ante o reitor, no prazo de dez días, contado desde o seguinte á publicación no taboleiro electrónico da USC. A reclamación será instruída por unha comisión de revisión nos termos e consonte o procedemento establecido nos artigos 31 e 32 da Normativa. A admisión a trámite da reclamación non suspenderá o funcionamento desta lista de agarda, salvo resolución motivada en contrario.

9. Condicións dos contratos e obrigas.

9.1. A dedicación e a duración do contrato corresponderase coas necesidades de docencia sobrevidas durante o curso académico. Os contratos que se formalicen en virtude desta convocatoria terán as remuneracións que se sinalan no convenio.

9.2. A prestación de servizos e, polo tanto, o devengo das retribucións asignadas ao posto obtido, iniciarase na data en que se asinen os contratos, agás que neles se dispoña outra cousa, sen que en ningún caso poidan ter efectos retroactivos.

Consonte o disposto nos artigos 3 ao 10 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, os contratos de profesora interina ou profesor interino non serán compatibles con outra actividade no sector público, agás os casos establecidos para contratos a tempo parcial, debendo a persoa interesada manifestar no acto de sinatura do contrato que non desempeña ningún posto ou actividade no sector público nin realiza actividade privada incompatible.

No caso de que o candidato desempeñe un posto no ámbito privado susceptible de ser compatibilizado, deberá solicitar a compatibilidade nesta universidade.

10. Norma derradeira.

As listas de agarda terán unha vixencia limitada ao curso académico no que se xeraron, sen prexuízo da duración dos contratos derivados da súa utilización, que estará en función da necesidade docente que motivou a contratación. De xeito excepcional e se concorren circunstancias que o xustifiquen, por resolución reitoral motivada poderase ampliar a vixencia dunha lista de agarda máis aló do curso académico no que se xerou dita lista.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en tanto non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2018

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 20.6.2018; DOG do 29 de xuño)
Ernesto González Seoane
Vicerreitor de Profesorado

ANEXO I

Relación de áreas de coñecemento para as que se convoca a lista de agarda

Nº de concurso: L030/18-19.

Área de coñecemento: Didáctica das Ciencias Sociais.

Departamento: Didácticas Aplicadas.

Centro (*): Fac. de Ciencias da Educación.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L031/18-19.

Área de coñecemento: Didáctica da Expresión Corporal.

Departamento: Didácticas Aplicadas.

Centro (*): Fac. de Ciencias da Educación.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L032/18-19.

Área de coñecemento: Didáctica da Expresión Plástica.

Departamento: Didácticas Aplicadas.

Centro (*): Fac. de Ciencias da Educación.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L033/18-19.

Área de coñecemento: Enfermaría.

Departamento: Psiq., Radiol., S. Púb., Enf. e Med.

Centro (*): Fac. de Enfermaría.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L034/18-19.

Área de coñecemento: Personalidade, Avaliación e Tratamento Psicolóxico.

Departamento: Psicol. Clínica e Psicobioloxía.

Centro (*): Fac. de Psicoloxía.

Localidade: Santiago de Compostela.

Nº de concurso: L035/18-19.

Área de coñecemento: Nutrición e Bromatoloxía.

Departamento: Química Analítica, Nutric. e Brom.

Centro (*): Fac. de Veterinaria.

Localidade: Lugo.

Nº de concurso: L036/18-19.

Área de coñecemento: Socioloxía.

Departamento: Ciencia Política e Socioloxía.

Centro (*): Fac. de Ciencias Políticas e Sociais.

Localidade: Santiago de Compostela.

(*) Centro onde se realizará con carácter preferente a actividade.