Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 22 de outubro de 2018 Páx. 46562

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 131/2018, do 10 de outubro, polo que se crea e se regula o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.

I

A Constitución española, no seu artigo 14, proscribe toda discriminación por calquera condición ou circunstancia persoal ou social e, no artigo 9.2, establece a obriga dos poderes públicos de promover as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas e remover os obstáculos que impidan ou identifiquen a súa plenitude.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 4.2 que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social.

A inclusión social plena da diversidade de orientación sexual e de identidade de xénero aínda non é unha realidade malia os claros avances producidos nos dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (en diante, persoas LGTBI ou colectivo LGTBI).

En virtude do mandato estatutario o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia. A dita lei estipula no artigo 7.2 que os poderes públicos de Galicia establecerán un diálogo fluído e colaborarán coas asociacións, organizacións e colectivos LGTBI que teñan un interese lexítimo na loita contra a discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero.

Neste sentido, parece oportuno, ademais, establecer este diálogo non só con aquelas entidades legalmente constituídas que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa e promoción da igualdade de tratamento e non discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero, senón estendelo tamén a outras entidades legalmente constituídas que, sen recolleren de forma explícita nos seus estatutos este fin, estean a traballar de xeito efectivo e práctico para mellorar a situación do colectivo LGTBI, procurar a súa inclusión e defender os seus dereitos e intereses.

O artigo 5 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, atribúe a competencia a cada Administración pública, na súa propia área competencial, para a creación dos órganos administrativos propios das especialidades derivadas da súa xestión. No exercicio desta potestade, a Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de igualdade, apreciou a necesidade de crear un órgano de asesoramento, colaboración institucional e participación social para identificar as necesidades e as barreiras para a promoción da igualdade real e efectiva do colectivo LGTBI nas diversas esferas da vida social, económica, laboral, sanitaria, educativa e cultural, así como de loita contra a homofobia, bifobia, lesbofobia e/ou transfobia.

Este decreto materializa a creación do citado órgano cumprindo así, por unha parte, co mandato legal de que os poderes públicos de Galicia establecerán un diálogo fluído e colaborarán coas asociacións, organizacións e colectivos LGTBI que teñan un interese lexítimo na loita contra a discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero e, por outro lado, constituíndo un foro de estudo e proposta que poida ser útil no camiño para a consecución da plena inclusión das persoas en todos os ámbitos, con independencia da súa identidade sexual ou de xénero ou da súa orientación sexual e que poida axudar no desenvolvemento das políticas públicas orientadas a garantir os dereitos das persoas LGTBI.

Por todo o anteriormente exposto, considérase que este decreto se adecua aos principios establecidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que establece no seu punto primeiro que, no exercicio da iniciativa lexislativa e a potestade regulamentaria, as administracións públicas actuarán de acordo cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia e eficiencia.

II

Respecto á súa estrutura, este decreto consta de 25 artigos agrupados en dous capítulos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras, ademais dun anexo.

O capítulo I, que leva por rúbrica «Disposicións xerais», regula o obxecto do decreto, a natureza e o réxime xurídico, a finalidade, a adscrición e as funcións do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.

O capítulo II, que se titula «Normas de organización e funcionamento», está dedicado á composición do Observatorio e regula as figuras da Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría e vogalías, as súas substitucións e as correspondentes funcións, así como posibilidade de contar con persoas asesoras. Ademais diso, este capítulo recolle o réxime de funcionamento do Observatorio e o procedemento de designación das vogalías correspondentes ás asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e outras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI.

A disposición adicional primeira sinala que as actuacións previstas neste decreto non implicarán incremento adicional do gasto público e non xerarán aumento dos créditos orzamentarios da consellería competente en materia de igualdade, a disposición adicional segunda establece o prazo de constitución do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, a disposición adicional terceira regula a actualización de modelos normalizados e a disposición adicional cuarta refírese á información básica sobre protección de datos de carácter persoal.

A disposición derradeira primeira habilita para o desenvolvemento normativo e a segunda establece a entrada en vigor deste decreto.

E o anexo recolle o formulario normalizado de solicitude para a designación das vogalías correspondentes ás asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e outras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na restante normativa de obrigado cumprimento, entre os que cabe destacar a audiencia aos sectores afectados, a publicación do texto, para alegacións, no Portal de transparencia e goberno aberto, e a emisión dos informes preceptivos.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dez outubro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións de carácter xeral

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, así como a regulación das súas funcións, a composición, o réxime de funcionamento e o procedemento de designación de asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e doutras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI con representación no dito Observatorio (SI900A).

Artigo 2. Natureza e réxime xurídico

1. O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero configúrase como un órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de diversidade de orientación sexual e de xénero.

2. O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero rexerase polos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, pola regulación sobre órganos colexiados contida na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo presente decreto e, no caso de aprobarse, polo seu regulamento de funcionamento interno.

Artigo 3. Fins

Os fins do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero son a promoción da igualdade real e efectiva das persoas LGTBI e contribución ao coñecemento da realidade da diversidade de orientación sexual e de identidade de xénero co obxecto de identificar as necesidades e barreiras que impiden o pleno desenvolvemento dos seus dereitos e o seu cumprimento. Así mesmo, servirá de foro de diálogo permanente entre a Administración autonómica e o movemento asociativo que teña como obxecto a defensa dos dereitos das persoas LGTBI.

Artigo 4. Adscrición do Observatorio

O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero adscríbese ao órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma competente en materia de igualdade, que lle prestará os medios técnicos, persoais e materiais que sexan necesarios para o seu funcionamento.

Artigo 5. Funcións

O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, para a consecución dos seus fins, exercerá as seguintes funcións:

a) Analizar os principais problemas para o recoñecemento, restablecemento e garantía dos dereitos das persoas LGBTI.

b) Realizar propostas e recomendacións en materia de normas e políticas públicas para a garantía dos dereitos das persoas LGBTI na Comunidade Autónoma de Galicia e coñecer, con carácter previo, os anteproxectos de lei ou os proxectos de normas regulamentarias de desenvolvemento de normas legais, así como recibir información sobre os plans, os programas e as actuacións, en relación coas materias da súa competencia.

c) Promover a realización de campañas de sensibilización e visibilización sobre a diversidade sexual e identidade de xénero.

d) Manter comunicación permanente coas instancias públicas e privadas pertinentes para a materialización dos dereitos das persoas LGBTI.

e) Propoñer a realización de investigacións e estudos específicos que resulten de interese para o coñecemento da situación das persoas LGTBI na Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Promover a produción de material documental de interese sobre as materias propias das súas funcións.

g) Identificar as iniciativas, experiencias, proxectos piloto, recursos e programas de referencia en materia de dereitos das persoas LGTBI, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma, como no do Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación e promoción.

h) Realizar un seguimento da evolución dos dereitos e da inclusión social das persoas LGTBI.

i) Promover foros de discusión e debate que, nos seus diferentes formatos, permitan o encontro e a reflexión das diferentes entidades e axentes sociais e económicos involucrados na defensa dos dereitos das persoas LGTBI.

j) Emitir cantos informes lle sexan solicitados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou polas súas entidades instrumentais, sobre as materias da súa competencia.

k) Actuar como órgano de denuncia en materia de discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero.

l) Aprobar, facultativamente, o seu regulamento de funcionamento interno.

m) Presentar propostas que promovan a transversalidade do enfoque dos dereitos das persoas LGTBI na formulación, posta en marcha, seguimento e avaliación das políticas públicas sectoriais.

n) Propoñer e participar na elaboración de criterios, directrices e liñas xerais de actuación, así como propoñer ao Consello da Xunta de Galicia, a través da consellaría competente por razón da materia, a adopción de iniciativas lexislativas ou de actuacións concretas que consideren convenientes nas materias da súa competencia.

ñ) Fomentar calquera outra actuación que se considere necesaria en relación coas anteriores funcións, así como realizar aquelas que lle sexan encomendadas para o mellor cumprimento dos seus fins.

CAPÍTULO II

Normas de organización e funcionamento

Sección 1ª. Composición

Artigo 6. Composición

1. O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero terá a seguinte composición: Presidencia, Vicepresidencia e vogalías.

Ademais, o Observatorio contará cunha secretaría.

2. Na composición do Observatorio procurarase acadar unha presenza equilibrada por razón de xénero.

Artigo 7. Presidencia

1. A Presidencia do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero correspóndelle á persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da Presidencia será substituída pola titular da Vicepresidencia salvo que, por vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal de ambas as dúas, a persoa titular da Presidencia designe outra persoa entre as titulares das vogalías do Observatorio.

3. As funcións da persoa titular da Presidencia son:

a) Desempeñar a representación do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos.

g) Nomear e separar, se é o caso, a persoa titular da Vicepresidencia, así como aos/as vogais titulares e suplentes.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado.

Artigo 8. Vicepresidencia

1. A Vicepresidencia do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero correspóndelle a unha persoa en representación das asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e doutras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI con presenza no Observatorio, que será nomeada pola Presidencia tras a elección prevista no número 2.

2. A elección da persoa que ocupe a Vicepresidencia realizarase no pleno mediante votación por maioría simple de todas as persoas presentes, sempre que votase a favor do acordo a maioría simple das vogalías en representación das asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e doutras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI con presenza no Observatorio. A postulación de candidaturas deberá presentarse á Secretaría do Observatorio cun mínimo de 48 horas antes da celebración do pleno correspondente.

3. Son funcións da persoa titular da Vicepresidencia:

a) Asistir á persoa titular da Presidencia nas sesións do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero.

b) Exercer aquelas funcións delegadas pola persoa titular da Presidencia.

c) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vicepresidente/a e que estean relacionadas coa diversidade sexual e coa identidade de xénero.

4. A persoa titular da vicepresidencia poderá cesar no seu cargo antes da finalización do seu mandato polos seguintes motivos:

a) A renuncia expresa.

b) A revogación da representación, por parte das asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e doutras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI con presenza no Observatorio, de acordo co establecido no número 6 deste artigo.

c) A declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

d) A falla de asistencia inxustificada a máis de tres sesións do Pleno.

e) O incumprimento grave e reiterado das funcións que lle corresponden, apreciado polo Pleno, coa maioría prevista no artigo 8.2.

f) Calquera outra causa xustificada que impida o exercicio das funcións asignadas, apreciada polo Pleno, coa maioría prevista no artigo 8.2.

5. O cesamento da persoa titular da Vicepresidencia será efectuado pola persoa titular da Presidencia do Observatorio.

6. O exercicio da revogación da representación a que se refire o número 4.b) deste artigo require as seguintes condicións:

a) A proposta presentarase ante a Secretaría do Pleno por parte de calquera das asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e outras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI presentes no Observatorio, con carácter previo á remisión da convocatoria dun pleno. De ser recibida a proposta con posterioridade ao envío dunha convocatoria, non poderá ser tratada nese pleno senón no seguinte que se convoque a non ser que, estando presentes todos os membros do Observatorio, se declare a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

b) A proposta de revogación incluirá necesariamente unha persoa candidata alternativa e deberá ser aprobada polo procedemento establecido no número 2 deste artigo.

c) En caso de que a proposta de revogación sexa aprobada procederase á votación da persoa candidata proposta na alternativa presentada, de conformidade co disposto no número 2 deste artigo.

d) Se a proposta de revogación é rexeitada non se poderá presentar unha nova contra a mesma persoa no prazo de dous anos, sen prexuízo das demais causas de cesamento que poidan ser aplicables.

7. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, a persoa titular da Presidencia proporá ao Pleno a súa substitución temporal por outra persoa que será escollida entre as titulares das vogalías do Observatorio en representación das asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e outras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI.

Artigo 9. Vogalías

1. O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero estará composto polas seguintes vogalías:

a) A persoa titular da Delegación do Goberno en Galicia ou persoa en quen delegue.

b) Unha persoa en representación do Consello Galego de Relacións Laborais.

c) Unha persoa en representación do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de emprego.

d) Unha persoa en representación do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de política social.

e) Unha persoa en representación do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de sanidade.

f) Unha persoa en representación do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de educación.

g) Unha persoa en representación do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de cultura.

h) Unha persoa en representación do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de deporte.

i) Unha persoa en representación do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de xuventude.

j) Unha persoa en representación do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de medios de comunicación.

k) Unha persoa en representación do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de xustiza.

l) Unha persoa en representación da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

m) Unha persoa en representación de cada unha das tres universidades galegas.

n) Unha persoa en representación de cada unha das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia, así como das presentes na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas que non teñan a condición de máis representativas.

ñ) Un número de persoas equivalente ao de representantes sindicais en representación da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).

o) Unha persoa en representación de cada unha das asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e outras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI, que así o soliciten e sexan designadas como entidades con representación no Observatorio de acordo co procedemento regulado neste decreto.

2. Nomearase unha persoa suplente por cada unha das persoas titulares vogais no mesmo momento do seu nomeamento.

3. As vogalías titulares e suplentes en representación dos órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma deberán ser exercidas por persoas que ocupen postos con nivel mínimo de subdirección xeral ou equivalente, agás casos excepcionais debidamente xustificados de acordo con criterios de idoneidade.

4. Os/as vogais titulares do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero e as persoas suplentes que os/as substitúan nos supostos de ausencia, enfermidade ou, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, serán nomeados/as pola persoa titular da presidencia do Observatorio, por proposta do órgano, da organización ou da entidade das recollidas no número 1 deste artigo que corresponda en cada caso.

5. Correspóndelles ás vogalías:

a) Recibir cunha antelación mínima de cinco días hábiles a convocatoria que conteña a orde do día das reunións.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

d) Non absterse nas votacións aqueles que pola súa calidade de autoridades ou persoal ao servizo das administracións públicas teñan a condición de membros do Observatorio.

e) Formular suxestións e preguntas.

f) Obter a información precisa para cumprir as funcións asignadas.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogal dun órgano colexiado.

7. Serán causas de separación do exercicio das súas funcións as seguintes:

a) A renuncia expresa.

b) A revogación da representación, por parte do órgano, organización ou entidade que a propuxo.

c) A declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

d) A falla de asistencia inxustificada a máis de tres sesións do Pleno.

e) O incumprimento grave e reiterado das funcións que lle corresponden.

f) Calquera outra causa xustificada que impida o exercicio das funcións asignadas.

As circunstancias anteriormente sinaladas deberán comunicarse á Secretaría do Observatorio que dará traslado á Presidencia para que, unha vez examinadas, no exercicio da competencia establecida no artigo 7.3.g), adopte a decisión que corresponda.

Artigo 10. Secretaría

1. A Secretaría do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero correspóndelle a unha persoa funcionaria que preste servizos no órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade, que será nomeada pola persoa titular da Presidencia.

2. A persoa titular da Secretaría será nomeada por un período de catro anos contados desde a data de constitución do Observatorio, renovable por unha soa vez, e poderá ser separada discrecionalmente pola persoa titular da Presidencia e, necesariamente, se se produce declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

3. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituída pola persoa funcionaria que preste servizos no mesmo órgano que expresamente designe a persoa titular da Presidencia.

4. Son funcións da persoa titular da Secretaría:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do Observatorio por orde da súa presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co Observatorio e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

e) Velar pola legalidade formal e material das actuacións do Observatorio, certificar as súas actuacións e garantir que os procedementos e regras de constitución e adopción de acordos son respectados.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á secretaría dun órgano colexiado.

5. Para o exercicio das súas funcións a persoa titular da Secretaría contará co apoio dos medios técnicos, persoais e materiais a que fai referencia o artigo 4.

Artigo 11. Duración do mandato

1. Os membros do Observatorio que teñan a dita condición por razón do seu cargo desempeñarán as súas funcións polo tempo que dure o exercicio deste.

2. O mandato da Vicepresidencia será de catro anos, que se contarán desde a data do seu nomeamento. Transcorrido ese período procederá un novo procedemento de elección de acordo co establecido no artigo 8. A mesma persoa só poderá renovar a súa condición de titular da Vicepresidencia por unha soa vez por outro período de catro anos.

3. Os/as vogais titulares exercerán o seu cargo por un período de catro anos a partir da data do seu nomeamento. O mandato poderá ser renovado unha soa vez por outro período da mesma duración para a mesma persoa.

4. Os períodos de duración dos mandatos e de renovación da Vicepresidencia e das vogalías enténdense sen prexuízo das causas de separación reguladas nos artigos 8.4 e 9.7, respectivamente.

Sección 2ª. Procedemento de designación de asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e doutras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI con representación no Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero

Artigo 12. Vogalías en representación de asociacións, organizacións e colectivos LGTBI e doutras entidades relacionadas coa defensa dos dereitos das persoas LGTBI

Poderán solicitar a designación como entidades con representación no Observatorio a través das vogalías previstas no artigo 9.1.o):

a) Aquelas asociacións, fundacións, organizacións e colectivos LGTBI legalmente constituídos que teñan entre os seus fins estatutarios a defensa e promoción da igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero e que desenvolvan a súa actividade en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Aquelas asociacións, fundacións, organizacións e colectivos legalmente constituídos que, aínda non tendo entre os seus fins estatutarios a defensa e promoción da igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero, presenten unha memoria de actividades en que se reflicta de xeito inequívoco a realización de accións neste ámbito, co obxecto de garantir que entre os seus obxectivos está a defensa dos dereitos das persoas LGTBI, e que desenvolvan a súa actividade en todo ou en parte no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13. Solicitude

1. As entidades previstas no artigo 12 que desexen contar con representación no Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero presentarán as súas solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e recollido no anexo.

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá utilizarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 14. Documentación complementaria

1. Co fin de acreditar o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 12, as entidades que desexen ser designadas como entidades con representación no Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, deberán presentar, xunto coa solicitude a que se refire o artigo 13, os estatutos da entidade.

2. As entidades que non teñan entre os seus fins estatutarios a defensa e promoción da igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e/ou identidade de xénero deberán presentar tamén a memoria de actividades a que se refire a letra b) do artigo 12.

3. A documentación complementaria tamén deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberá indicarse o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

8. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, de ser o caso.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 16. Emenda da solicitude

Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Artigo 17. Instrución do procedemento

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 16, poderanse requirir en calquera momento do procedemento as persoas solicitantes para que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a verificación do cumprimento dos requisitos exixidos neste decreto ou para a tramitación e resolución do procedemento.

2. Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos feitos en virtude de cales deba pronunciarse a resolución realizaraos de oficio e a través de medios electrónicos o órgano que tramite o procedemento, sen prexuízo do dereito das persoas interesadas de propoñer aquelas actuacións que requiran a súa intervención ou constitúan trámites legal ou regulamentariamente establecidos.

Artigo 18. Prazo máximo de resolución e efectos do silencio administrativo

1. A persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade deberá ditar e notificar a resolución do procedemento no prazo máximo de tres meses. De non producirse a resolución expresa no citado prazo, a solicitude entenderase estimada.

2. A resolución que se dite porá fin á vía administrativa e poderá ser obxecto de recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes desde o día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación, ou en calquera momento a partir do día seguinte ao da finalización do prazo para resolver expresamente a solicitude; ou ben ser impugnada directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa nos termos previstos na normativa reguladora da dita orde xurisdicional.

3. No caso de estimación da solicitude da entidade interesada, a persoa que exerza a súa representación disporá dun prazo de dez días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da notificación da correspondente resolución ou ben desde o seguinte ao da finalización do prazo máximo establecido para resolver, para comunicar á persoa titular da Presidencia do Observatorio o nome, apelidos e NIF ou NIE das persoas propostas titular e suplente da correspondente vogalía. No caso de non realizar este trámite no prazo establecido considerarase que a entidade renuncia á vogalía.

Artigo 19. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De acordo co artigo 30.un da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sección 3ª. Réxime de funcionamento

Artigo 20. Funcionamento

1. O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero funcionará en pleno e, de ser o caso, en grupos de traballo.

2. Para a válida constitución do órgano para efectos de celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, daquelas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros.

Artigo 21. Pleno

1. O Pleno estará composto pola totalidade de membros que compoñen o Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, que terán dereito a voto.

2. O Pleno reunirase, en sesión ordinaria, dúas veces cada ano. Ademais, poderase reunir con carácter extraordinario cando sexa convocado pola persoa titular da Presidencia por causa dalgún motivo de especial transcendencia relacionado coa competencia do devandito Observatorio ou pola petición dun terzo dos seus membros.

3. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos membros presentes e decidirá, en caso de empate, o voto da persoa titular da Presidencia. Para o caso da elección da persoa titular da Vicepresidencia observarase o disposto no artigo 8.2.

Artigo 22. Grupos de traballo

1. O Pleno poderá acordar a constitución, con carácter permanente ou temporal, de grupos de traballo con carácter sectorial ou por áreas de xestión específicas, co obxecto de dinamizar o seu funcionamento e dotalo de maior operatividade.

2. O acordo de constitución de cada grupo de traballo deberá especificar a súa composición, as funcións que se lle encomenden e, se é o caso, o prazo para a súa constitución.

3. Os grupos de traballo darán conta da súa actividade e resultados ao pleno, por iniciativa propia ou por solicitude de calquera membro do Pleno formulada coa suficiente antelación para a súa inclusión na orde do día da seguinte sesión. Aínda que o asunto non figure incluído na orde do día, poderá ser tratado no caso de que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia polo voto favorable da maioría.

Artigo 23. Actas

1. De acordo co artigo 18.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, de cada sesión que celebre o órgano colexiado redactará acta a persoa titular da Secretaría, que especificará necesariamente as persoas asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se celebrou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

Poderán gravarse as sesións que celebre o órgano colexiado. O ficheiro resultante da gravación, xunto coa certificación expedida pola persoa titular da Secretaría da súa autenticidade e integridade, e cantos documentos en soporte electrónico se utilizasen como documentos da sesión, poderán acompañar a acta das sesións, sen necesidade de facer constar nela os puntos principais das deliberacións.

2. De conformidade co artigo 18.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, a acta de cada sesión poderá aprobarse na mesma reunión ou na inmediata seguinte. A persoa titular da Secretaría elaborará a acta co visto e prace da persoa titular da Presidencia e remitiraa a través de medios electrónicos, aos membros do órgano colexiado, que poderán manifestar polos mesmos medios a súa conformidade ou reparos ao texto, para os efectos da súa aprobación, e, en caso afirmativo, considerarase aprobada na mesma reunión.

Cando se optase pola gravación das sesións celebradas ou pola utilización de documentos en soporte electrónico, deberán conservarse de forma que se garanta a integridade e autenticidade dos ficheiros electrónicos correspondentes e o acceso a estes por parte dos membros do órgano colexiado.

3. De conformidade co artigo 20.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na acta figurará, por solicitude dos respectivos membros do órgano, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue no acto, ou no prazo que sinale a Presidencia, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar así na acta ou uniráselle copia a esta.

4. De acordo co artigo 20.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas contado desde o momento en que a Presidencia dea por finalizada a sesión, que se lle incorporará ao texto aprobado.

Artigo 24. Difusión

1. O Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero difundirá os datos, informacións, traballos e actuacións que elabore, a través da páxina web do órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de igualdade.

2. Os datos, informacións, traballos e actuacións elaborados polo Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero facilitaranse, sempre que sexa posible, en formatos estruturados e non propietarios que sexan procesables de forma automática, para a súa publicación no portal abert@s da Xunta de Galicia.

3. Na difusión regulada neste artigo garantirase en todo caso o respecto á normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 25. Persoas asesoras externas

1. O pleno do Observatorio poderá convidar a persoas que, pola súa recoñecida cualificación ou experiencia no ámbito de que se trate, poidan asistilo para a obtención de información e a toma de decisións, así como para a asistencia aos grupos de traballo que se poidan constituír.

2. Estas persoas terán voz pero non voto e poderán ser convidadas para sesións concretas do Observatorio.

3. A asistencia das persoas asesoras externas non dará lugar a ningún tipo de remuneración nin de axudas de custo.

Disposición adicional primeira. Non incremento do gasto

A constitución e posta en funcionamento do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero non implica incremento do gasto público e non xerará aumento dos créditos orzamentarios da consellería competente en materia de igualdade. Así mesmo, as persoas que compoñen este órgano non percibirán indemnizacións pola asistencia ás súas reunións.

Disposición adicional segunda. Prazo de constitución do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero

A sesión constitutiva do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero terá lugar no prazo máximo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional terceira. Actualización do modelo normalizado

De conformidade co artigo 33 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderá ser modificado co obxecto de mantelo actualizado e adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación deste modelo adaptado ou actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria a súa nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Igualdade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta do cidadán. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de igualdade para ditar as disposicións necesarias para facilitar o correcto funcionamento do Observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, así como para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días naturais da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file