Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 26 de outubro de 2018 Páx. 47252

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de outubro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte e pasteiro do Coto de Farán, a favor dos veciños do lugar de Farán, na parroquia de Arnego, do concello de Rodeiro (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 2 de outubro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte e pasteiro do Coto de Farán a favor dos veciños do lugar de Farán, na parroquia de Arnego, concello de Rodeiro (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 4.1.2017 os veciños do lugar de Farán, parroquia de Arnego, concello de Rodeiro solicitan a clasificación como monte veciñal en man común (en diante MVMC) do monte e pasteiro do Coto de Farán, dunha superficie de 56,25 ha (retoman unha solicitude anterior do 3.8.2009, paralizada polos promotores da clasificación). Coa solicitude xuntan:

– Sentenza número 34/2016 do procedemento de maior contía 154/1980 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín, firmeza deste procedemento e a do procedemento de menor contía 160/1985.

– Copia dixitalizada do informe pericial elaborado por dúas doutoras en historia e unha licenciada en historia, arqueoloxía e especialista en arqueoloxía da paisaxe.

– Levantamento topográfico do monte e pasteiro do Coto de Farán asinado por un enxeñeiro técnico agrícola.

– Declaración do uso e aproveitamento consuetudinario en man común desde tempos inmemoriais polo conxunto dos veciños do lugar de Farán: o aproveitamento dos esquilmos para o gando, o estrume, leñas para combustible de cociñas, lareiras e fornos. Así mesmo, a plantación de piñeiros actual e unha anterior vendida por 200.000 pesetas segundo recordan os veciños do lugar.

Segundo. O 22.2.2017, o xefe da sección de Topografía informa de que a planimetría achegada permite identificar o monte e pasteiro do Coto de Farán dunha cabida de 56,25 ha, das cales 27,67 ha, están na provincia de Pontevedra e as 28,58 ha, restantes na provincia de Ourense. O informe é exclusivo da parte da solicitude localizada na provincia de Pontevedra, da non afección a montes de utilidade pública nin patrimoniais e que non se atopa clasificado. Xunta montaxe fotográfica do monte en cuestión sobre esbozo do estudo previo da CMVMC de Pereira (estremeira polo noroeste), ortofoto e catastro.

Terceiro. O 14.6.2017, o Xurado Provincial de MVMC acorda non incoar a clasificación da parcela de 28,58 ha, da provincia de Ourense, e a iniciación do expediente de clasificación da parcela de 27,67 ha, da provincia de Pontevedra, nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos e notifícase á parte promotora e ao concello de Rodeiro.

Cuarto. O 28.11.2017 a xefa de área do Servizo de Montes emite o seguinte informe preceptivo:

A parcela obxecto de solicitude na provincia de Pontevedra corresponde coa totalidade da parcela catastral 36047A13600325 de 165.288 m2 e máis da metade da parcela 36047A13512413 de 148.245 m2 a nome de “comunal de veciños” no Catastro.

Que a parcela solicitada linda na provincia de Pontevedra co monte clasificado a favor da CMVMC de Pereira.

Que segundo consta na sentenza 34/2016 achegada polos solicitantes, existe un litixio polo monte entre os veciños da Cabana e Pobadura (provincia de Ourense) e os veciños de Farán (provincia de Pontevedra), que non queda resolto nesta sentenza e só queda claro o uso de ambos.

“...do feito indiscutible, de que a zona e a propiedade controvertida foi utilizada polos séculos tanto polos veciños de Farán, Casar de Seta, Pobadura e A Cabana, feito recoñecido historicamente e nas declaracións das partes tanto no preito de 1980 como no de 1985, aínda que, á vista dos múltiples incidentes, o dito uso no ten sido pacífico nin indiscutido para ningunha das partes”.

Da inspección no campo: na parte de Pontevedra, a metade noroeste está poboada con bastío de piñeiro silvestre procedente de plantación acompañado de toxos, fentos, xestas, urces, carqueixas e algunhas frondosas.

Quinto. Á vista da documentación presentada polos solicitantes e do informe do Servizo de Montes, o monte obxecto do presente expediente obedece á seguinte descrición:

Concello: Rodeiro.

Parroquia: Arnego.

Nome: monte e pasteiro do Coto de Farán.

Cabida: 285.400 m2 (superficie alegada na solicitude na provincia de Pontevedra).

Estremas:

Norte: monte comunal dos veciños de Pereira.

Sur: monte comunal dos veciños da Cabana.

Leste: monte comunal dos veciños de Pobadura e herdades privadas dalgúns destes veciños.

Oeste: monte comunal dos veciños de Casar de Seta, herdades privadas dalgúns destes veciños, Mercedes Gil Sucasas, Eulogio Ledo Freijedo e Manuel Ledo Lamas.

Sexto. O 19.12.2017 o Rexistro da Propiedade de Lalín certifica que o predio do que se insta a clasificación, coa información facilitada, non figura inscrito nese rexistro. Realízanse as comunicacións do artigo 23 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para abrir o período de audiencia.

Sétimo. Durante o período do trámite de audiencia recíbense alegacións dos veciños do lugar de Farán (Pontevedra), e dos da Cabana e Pobadura e da CMVMC de Miotos (Ourense).

As alegacións de ambas as partes do predio obxecto de clasificación xa se recollen nos fundamentos de dereito da sentenza 35/2016 do procedemento de maior contía 154/1980 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín:

“Os veciños de Farán defenden o foro de Farán feito por Fernando de Camba a Rui de Farán e Aldoza de Agrosanto do ano 1426 e escritura de redención outorgada a fe do notario de Chantada, José Mendoza e Ortega de 1923.

Os veciños da Cabana e Pobadura e da CMVMC de Miotos defenden o aforamento por parte de Oseira da granxa de Pobadura e Cabana a Juan de Borraxeiros no ano 1541 e un documento privado de deslindamento de 1945”.

Oitavo. O 5.6.2018 o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra solicita á instrutora a proposta de resolución de clasificación do monte e pasteiro do Coto de Farán.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro: “son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños”.

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común.

Terceiro. O uso ou aproveitamento en man común do monte e pasteiro do Coto de Farán non queda suficientemente acreditado polos promotores por canto unicamente presentan como proba unhas simples declaracións xuradas dos veciños do lugar de Farán que resultan insuficientes, e máis cando existe un profundo litixio cos veciños da Cabana e Pobadura, da provincia de Ourense. Os veciños da Cabana e Pobadura tamén reclaman a parcela de 27,67 ha, situada no actual concello de Rodeiro como propia, segundo as súas alegacións no trámite de audiencia.

Ningunha das partes achega proba fidedigna do actual uso ou aproveitamento do monte e pasteiro do Coto de Farán, limitándose ambas a reclamar o monte en calidade de propietarios e a confrontar títulos de propiedade. Cómpre lembrar que o acto de clasificación se limita a declarar a constatación da existencia do aproveitamento consuetudinario do monte polo grupo social e a recoñecer a conseguinte titularidade dese aproveitamento a favor do grupo que o vén desfrutando, ben que ese recoñecemento de titularidade poderá ser revisado pola xurisdición ordinaria no tocante a cuestións de dominio e demais dereitos reais sobre os montes, segundo resulta do artigo 13 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e á xurisprudencia do Tribunal Supremo.

A maior abastanza, non existe un aproveitamento público, pacífico e continuado dos veciños do lugar de Farán como se constata nos continuos procedementos xudiciais: Sentenza núm. 34/2016 do procedemento de maior contía 154/1980 do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín, dilixencia de constancia de firmeza da sentenza do procedemento de maior contía 154/1980.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros

ACORDA:

Non clasificar como veciñal en man común o monte e pasteiro do Coto de Farán, solicitada a favor dos veciños do lugar de Farán, parroquia de Arnego, concello de Rodeiro (Pontevedra), ao non considerar cumpridos os requisitos exixidos no artigo 1 da Lei 13/1989 e na nova Lei de montes de Galicia 7/2012.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 10 de outubro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra