Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Luns, 29 de outubro de 2018 Páx. 47353

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 16 de outubro de 2018, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do recurso de reposición contra a clasificación do monte denominado Fenteira ou Chibadeiro, solicitado a favor dos veciños de Asperelo, na parroquia de San Martiño de Asperelo do concello de Rodeiro (Pontevedra).

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión celebrada o día 2 de outubro de 2018, adoptou a seguinte resolución:

«Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Fenteira ou Chibadeiro a favor dos veciños do lugar de Asperelo, da parroquia de San Martiño de Asperelo, no concello de Rodeiro, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Danse por reproducidos todos e cada un dos antecedentes de feito que constan na resolución ditada polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra do 20 de decembro de 2017. Por medio desta resolución acordouse clasificar a parcela 1.138 do polígono 120 cunha cabida de 34,5314 ha, e non clasificar a parcela 1.153 do polígono 120.

Segundo. Fronte á citada resolución, unha vez notificada a todas as persoas interesadas segundo consta no expediente e publicada no DOG núm. 38, do 22 de febreiro de 2018, presentan recurso de reposición:

– Ramón Albor Gómez, no seu propio nome e en representación dos veciños de Ourín, da parroquia de San Martiño de Asperelo (Rodeiro), na que alega en síntese que “presentaron en tempo e forma (data 12.1.2018) alegacións á resolución adoptada e a que as ditas alegacións non figuran nin se mencionan na resolución do expediente publicado no DOG núm. 38”, e solicitan que se anule a clasificación da parcela por entender que parte do monte pertence aos veciños de Ourín.

– María de los Ángeles Baldonedo Rodríguez presenta recurso de reposición opoñéndose á clasificación da parcela ao entender que se trata de dúas parcelas de propiedade privada, das cales se fai un aproveitamento privativo.

– E Manuel Cambeiro García, promotor do expediente de clasificación, manifestando en resumo e ao respecto da parcela 36047A120011530000LO, parcela 1.153 do polígono 120, excluída da clasificación, que se proceda á clasificación da parcela en base á nova documentación acreditativa do aproveitamento.

Dado traslado dos recursos de reposición presentados ao promotor, Manuel Cambeiro García, foron contestados debidamente nos que, en síntese, insta que sexan desestimados integramente os recursos presentados de adverso e confirme o Xurado a resolución impugnada.

O 7.6.2018, María de los Ángeles Baldonado Rodríguez contesta as alegacións realizadas polo promotor nas que reitera os argumentos expostos durante o procedemento de clasificación.

Tomando en consideración os datos e documentos que constan no expediente administrativo de referencia, así como as alegacións feitas de contrario, emítese a seguinte proposta de resolución, con base nas seguintes,

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións en virtude do disposto no artigo 12 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Procede admitir a trámite os recursos de reposición interpostos de contrario por concorrer os requisitos fixados nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Terceiro. As alegacións presentadas por Ramón Albor Gómez deben ser rexeitadas dado que non se corresponde o monte obxecto desta clasificación co monte que sinalan como veciñal de Ourín. A simple oposición á clasificación do monte sen proba ningunha que desacredite o uso ou aproveitamento do monte Fenteira por parte dos veciños de Asperelo impide que poida prosperar. Tampouco pode admitirse o manifestado polos veciños de Ourín ao respecto de que o Xurado non tivo en conta na resolución as alegacións presentadas o 12.1.2018 xa que estas foron presentadas con posterioridade á emisión da resolución, non obstante, para os efectos de non causarlle indefensión, dáselle a consideración a ese escrito de recurso de reposición e como tal se trata.

No que ás alegacións de María de los Ángeles Baldonedo Rodríguez se refire tampouco poden prosperar en canto son reprodución das esgrimidas durante o procedemento de clasificación e que xa foron estudadas e valoradas polo Xurado para ditar a resolución.

Ao respecto das manifestacións realizadas polo promotor e á vista da documentación achegada (denuncias cruzadas entre Mª Ángeles Baldonedo Rodríguez e o promotor do expediente) unicamente evidencia que o aproveitamento da parcela vén sendo discutido entre os veciños de Asperelo e un terceiro. Non estamos ante un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte dos veciños de Asperelo como se exixe para recoñecer o carácter de comunal do monte en cuestión.

En consecuencia, vistos os feitos, as consideracións legais e técnicas, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Non estimar os recursos de reposición presentados de contrario e polo promotor, coa ratificación íntegra da resolución de clasificación con data do 20 de decembro de 2017».

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo con disposto nos artigos 114.c) e 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 16 de outubro de 2018

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra