Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 30 de outubro de 2018 Páx. 47417

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2018, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo marco galego para a subrogación do persoal adscrito á prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento.

Visto o acordo marco galego para a subrogación do persoal adscrito á prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento, que se subscribiu con data 1 de outubro de 2018 entre a representación empresarial Agasei e as organizacións sindicais UGT-Galicia, SN de CC.OO. de Galicia, CIG e Sibgal, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG núm. 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2018

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

ANEXO

Acordo marco galego para a subrogación do persoal adscrito á prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento

1. Ámbito de aplicación.

As disposicións deste acordo marco serán aplicables aos servizos de extinción de incendios e salvamento xestionados polos consorcios provinciais de salvamento e extinción de incendios no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades que os sucedan, mediante contratos realizados coas administracións públicas baixo calquera das figuras de xestión indirecta recollidas na lexislación de contratos do sector público.

2. Finalidade.

O presente acordo ten por obxecto regular a subrogación do persoal das empresas contratistas que presta os servizos de extinción de incendios e salvamento xestionados polos consorcios provinciais de salvamento e extinción de incendios no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A subrogación do persoal será de obrigado cumprimento para as empresas, coa condición de que se dea algún dos seguintes supostos:

• Finalización total ou parcial dunha contratación ou concesión ou de calquera das súas prórrogas ou prolongacións provisionais.

• Finalización total ou parcial polo cesamento ou termo de todas as actividades que viña realizando a empresa concesionaria ou contratada.

• Suspensión, rescisión, perda ou cesión total respecto de todas as actividades que viña realizando a empresa contratada a favor doutra empresa concesionaria.

Igualmente, producirase a subrogación do persoal nos casos en que o servizo obxecto de licitación fose reordenado, unificado, modificado ou lle dese outro nome a Administración titular.

Desta maneira, as empresas ou entidades entrantes respectarán os dereitos e obrigas do persoal subrogable nos termos e condicións que se detallan no presente acordo.

3. Persoal afectado.

Para os efectos do presente acordo, considérase persoal subrogable todo aquel en activo que preste o seu servizo no operativo cunha antigüidade mínima de doce meses á finalización efectiva do servizo, sexa cal sexa a modalidade do seu contrato de traballo.

A título enunciativo e non limitativo estenderase ás categorías profesionais de sarxento-xefe de parque ou sarxenta-xefa de parque, cabo-xefe ou cabo-xefa de garda, bombeiro-condutor ou bombeira-condutora, subxefe de parque ou subxefa de parque, ou cabo-xefe de garda supervisor ou cabo-xefa de garda supervisora. En canto ao persoal que realice funcións de soporte (persoal administrativo, limpeza ou persoal coordinador), só será subrogable nos seguintes supostos:

• Persoal de limpeza: sexa cal sexa a súa xornada efectiva no servizo sempre que o seu empregador sexa o que presta o servizo de incendios e salvamento, excluíndose todas aquelas persoas que estean empregadas por outras empresas ou ETT.

• Persoal coordinador e de administración: será subrogable sempre que reúna ambos os requisitos:

(i) Que o seu empregador sexa o que presta o servizo de incendios e salvamento, excluíndose todas aquelas persoas que estean empregadas por outras empresas ou ETT.

(ii) Que realice toda a súa xornada para o servizo de incendios e salvamento nas instalacións (parque de bombeiros) que se dediquen a este contrato.

Tamén se producirá a mencionada subrogación do persoal en calquera dos seguintes supostos:

• Persoal con dereito a reserva de posto de traballo que, no momento da finalización efectiva da contrata, teña unha antigüidade mínima de doce meses nela e/ou aquel que se atope en situación de IT, excedencia, vacacións, permisos, maternidade, suspensión legal do contrato ou situacións análogas, sempre que se cumpra o requisito xa mencionado de antigüidade mínima.

• Persoal con contrato de interinidade que substitúa a algunha das persoas traballadoras mencionadas no punto anterior, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

• Persoal de novo ingreso que, por exixencia do cliente, se incorporou á contrata como consecuencia dunha ampliación de persoal nos seis meses anteriores á finalización daquela.

• Persoal con contrato de substitución.

O carácter temporal, de ser o caso, dos contratos, determinado pola causa que os orixinou, non se verá desvirtuado polo feito de que opere a subrogación, polo que se extinguirán na data acordada neles.

3.1. Persoal de bolsa.

A regulación das bolsas será a estipulada nos convenios colectivos, nos PPTP ou nos contratos administrativos.

De non estar regulada a bolsa, a empresa entrante decidirá sobre a integración na súa propia bolsa das persoas incluídas na bolsa da empresa saínte.

Para os efectos de aplicación deste precepto, a empresa saínte, tras a autorización escrita dos traballadores afectados, entregaralle á entrante unha relación das persoas incluídas na súa bolsa, con indicación dos períodos traballados e a formación recibida por estas.

4. Empresa saínte e empresa entrante.

Sen prexuízo do dereito de subrogación do persoal e da obriga de subrogación nos contratos de traballo contidos neste acordo, a empresa saínte, nos 7 días naturais seguintes á adxudicación do servizo e da súa comunicación fidedigna á empresa saínte, proporcionaralle á empresa entrante, en papel e soporte informático, a seguinte documentación e información (logo de autorización das persoas traballadoras afectadas respecto daquela información considerada dato de carácter persoal):

• Unha relación do persoal obxecto de subrogación: nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, vacacións e calquera modificación destes que se producise nos catro meses anteriores, xunto coa súa xustificación, modalidade da súa contratación, especificación do período de mandato se a persoa traballadora é representante sindical, percepcións anuais da persoa traballadora por todos os conceptos e data en que colle as súas vacacións.

• Fotocopia dos contratos do persoal afectado pola subrogación, así como de todos os acordos colectivos ou individuais (escritos ou verbais) que poidan afectar as súas condicións laborais.

• Copia da comunicación enviada á representación do persoal da empresa saínte, con xustificante de recepción, sobre a adxudicación do servizo, que exprese cos debidos detalles a identidade do novo adxudicatario, identidade do persoal obxecto de subrogación e pactos colectivos existentes e comunicados á empresa entrante.

• Certificado do organismo competente de estar ao día no pagamento da Seguridade Social.

• Fotocopias dos doce últimos recibos de salario que abrangan, como mínimo, os últimos doce meses.

• Fotocopias dos boletíns de cotización relativos aos doce últimos meses.

• Copia de liquidacións, para o que podería solicitarse en todo caso o xustificante de aboamento.

• Documentación acreditativa da situación de suspensión do contrato de traballo con reserva de posto.

• Parte de IT e/ou a súa confirmación.

• Relación de licenzas retribuídas collidas por cada persoa traballadora no último ano natural.

• Últimos certificados de aptitude médica de cada persoa traballadora.

• Certificados de información e formación recibida do persoal subrogado.

• Xustificante de entrega dos EPI.

• Acordos adoptados no Comité de Seguridade e Saúde referidos, exclusivamente, ao servizo.

• Copia do cuadrante, correspondente á anualidade en que se produce a subrogación.

A empresa entrante asumirá as condicións laborais do persoal subrogado nos termos previstos no artigo 44 do Estatuto dos traballadores.

4.1. Efectos da subrogación.

Todas as obrigas de natureza económica, xa sexan salariais ou extrasalariais, e da Seguridade Social, relativas ao persoal afectado pola subrogación, serán por conta da empresa saínte, sempre que fosen xeradas antes do inicio efectivo do servizo, e pola empresa entrante cando sexan xeradas con posterioridade á mencionada data.

4.2. Liquidación de retribucións, partes proporcionais de pagas extraordinarias, vacacións e descansos pendentes do persoal subrogado:

• O persoal percibirá as súas retribucións mensuais na data establecida e as partes proporcionais de pagas extraordinarias ou liquidación de retribucións pendentes de percibir nos cinco días seguintes á data de terminación da contrata da empresa saínte.

• O persoal que non gozase dos días de descanso correspondentes, ou outros descansos ou permisos retribuídos no momento de producirse a subrogación, descansará os que tivese pendentes nas datas que teña previstas coa nova adxudicataria do servizo, salvo o establecido respecto diso polo convenio colectivo aplicable.

• En caso de subrogación, o persoal terá que gozar as súas vacacións no período fixado no calendario vacacional, con independencia de cal sexa a empresa en que nese momento estea a prestar servizos. O persoal que non desfrutase as súas vacacións ao producirse a subrogación, colleraas coa nova adxudicataria do servizo, que só aboará a parte proporcional do período que a ela lle corresponda, xa que o aboamento do outro período lle corresponde á anterior adxudicataria, que deberá efectualo na correspondente liquidación.

Ao persoal que, con ocasión da subrogación, tivese desfrutado coa empresa saínte un período de vacacións superior ao que lle correspondese pola parte de ano traballado nela descontaráselle da liquidación o exceso collido de acordo coa proporcionalidade que corresponda. A empresa entrante terá que permitir coller o período vacacional que a cada traballador ou traballadora lle quedase pendente de desfrutar e, en todo caso, deberá aboarlle ao traballador ou traballadora o que lle corresponda polo tempo que preste servizos para ela, sen que poida substituír tal aboamento por gozar máis vacacións.

5. Peche temporal, suspensión do servizo e rescisión.

Non desaparece o carácter vinculante deste artigo no suposto de peche temporal dun centro de traballo por finalización do servizo sen que exista nova adxudicataria. En tal caso, a parte social e a empresarial obríganse a presentar de maneira conxunta a suspensión do servizo por tempo non superior a un ano, e deben ser as prórrogas pactadas por ambas as partes, sempre que se manteña a causa que motivou a primeira suspensión dos contratos.

Ao finalizar o período de suspensión, o persoal do centro de traballo pechado terá reservado o posto de traballo neste, aínda que nesa data se adxudicase o servizo a outra empresa.

6. Comisión paritaria.

As facultades de interpretación e aplicación do presente acordo serán exercidas pola súa comisión paritaria.

Esta comisión, que deberá constituírse formalmente no prazo de 3 meses desde a publicación deste acordo no boletín oficial, estará integrada por 8 persoas, 4 en representación de Agasei e 4 en representación das organizacións sindicais asinantes, sen prexuízo do que dispoña para estes efectos a acta de constitución.

Será preceptivo o sometemento de calquera cuestión de interpretación e aplicación do presente acordo marco á comisión paritaria regulada neste artigo con carácter previo á presentación de demanda xudicial de carácter colectivo.

7. Vixencia e denuncia.

Este acordo terá unha vixencia indefinida.

Calquera das partes asinantes pode denunciar o acordo. Unha vez denunciado e, mentres non se chegue a un acordo sobre un novo texto, entenderase que o contido completo do acordo se prorroga de forma indefinida.