Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Venres, 2 de novembro de 2018 Páx. 47906

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de setembro de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais da modificación do parque eólico A Pastoriza, nos concellos de Mondoñedo, A Pastoriza e Riotorto (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento, S.L. (LU-11/123-EOL).

En cumprimento do disposto no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de setembro de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais da modificación do parque eólico A Pastoriza, emprazado nos concellos de Mondoñedo, A Pastoriza e Riotorto (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento, S.L. (LU-11/123-EOL).

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta, do 27 de setembro de 2018, polo que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros e a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais da modificación do parque eólico A Pastoriza, emprazado nos concellos de Mondoñedo, A Pastoriza e Riotorto (Lugo) e promovido pola sociedade Norvento, S.L. (LU-11/123-EOL).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L., en relación coa declaración de utilidade pública, en concreto, da modificación do parque eólico A Pastoriza, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico A Pastoriza (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 33 MW e promovido por Norvento, S.L. (en diante, o promotor).

Segundo. O 25.1.2011, o promotor solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial para o parque eólico. Posteriormente, o 27.6.2011, o promotor solicitou a aprobación do proxecto sectorial do parque eólico.

Terceiro. O 2.4.2012 e o 3.7.2012, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou sobre os dereitos mineiros afectados polo parque eólico, indicando que a área definida pola poligonal do parque eólico afecta o aproveitamento da sección A Cruz da Cancela nº 321, e as concesións de explotación Mondoñedo Fracción Segunda nº 5530.2 e Fina nº 5871.

Cuarto. O 3.8.2012, a xefatura territorial acordou a incoación do trámite de compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros afectados, dando audiencia aos interesados. O 5.4.2013, a xefatura territorial emitiu o informe de compatibilidade entre o parque eólico A Pastoriza e os dereitos mineiros Cruz da Cancela nº 321, Mondoñedo Fracción Segunda nº 5530.2 e Fina nº 5871. O 24.2.2014, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais comunicou que non tiña máis que engadir ao recollido no informe do 5.4.2013 da xefatura territorial, polo que non aprecia incompatibilidade entre o proxecto do parque eólico e os dereitos mineiros afectados.

Quinto. O 8.4.2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a Declaración de Impacto Ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública pola Resolución do 8 de maio de 2014 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 176, do 15 de setembro de 2015).

Sexto. O 28.9.2015, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe previsto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Sétimo. O 19.1.2016, o Servizo de Montes de Lugo emitiu o informe previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Oitavo. O 19.5.2016, a xefatura territorial emitiu o informe de compatibilidade entre o parque eólico e os dereitos mineiros Cruz da Cancela nº 321, Mondoñedo Fracción Segunda nº 5530.2 e Fina nº 5871. Neste informe, considerábase necesario dar trámite de audiencia aos titulares dos dereitos mineiros afectados.

Noveno. O 30.5.2016, en aplicación do disposto na Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas acordou a apertura do trámite de audiencia outorgándolles aos titulares dos dereitos mineiros afectados un prazo de quince (15) días para que alegasen e presentasen os documentos e xustificacións que considerasen oportunos.

Décimo. En resposta ao trámite de audiencia, o 15.6.2016 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia de Lugo un escrito do titular do dereito mineiro afectado Cruz da Cancela nº 321. Nel solicitábase a remisión dos informes de compatibilidade do 5.4.2013 e do 19.5.2016, así como a suspensión do prazo de quince (15) días do trámite de audiencia. En resposta á súa solicitude, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas outorgoulle unha ampliación de prazo de 7 días para que alegase e presentase os documentos e xustificacións que consideren pertinentes, de conformidade co establecido no artigo 49.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Décimo primeiro. O 22.7.2016, o titular do dereito mineiro afectado Cruz da Cancela nº 321 presentou as alegacións relativas ao trámite de compatibilidade entre o parque eólico e o dereito mineiro afectado.

Décimo segundo. O 31.8.2016, deuse traslado do expediente do trámite de audiencia á xefatura territorial. O 16.9.2016, a xefatura territorial emitiu o informe de compatibilidade entre o modificado do parque eólico A Pastoriza e os dereitos mineiros Cruz da Cancela nº 321, Mondoñedo Fracción Segunda nº 5530.2 e Fina nº 5871. O 16.9.2016, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais comunicou que non ten máis que engadir ao recollido no informe do 16.9.2016 da xefatura territorial, polo que non aprecia incompatibilidade entre o proxecto do parque eólico e os dereitos mineiros afectados.

Décimo terceiro. O 24.11.2016, o Consello da Xunta de Galiciaacordou autorizar as instalacións, aprobar o proxecto de execución e declarar a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade con diversos dereitos mineiros do parque eólico. O dito acordo fíxose público pola Resolución do 13 de decembro de 2016 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 76, do 19.4.2018).

Décimo cuarto. O 24.11.2017, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, o promotor solicitou a tramitación do expediente de acordo co procedemento establecido pola dita lei.

Décimo quinto. O 19.12.2017, o promotor presentou unha modificación do proxecto do parque eólico, solicitando o seu recoñecemento como non substancial.

Décimo sexto. O 21.12.2017, o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese especial o parque eólico referido, o que ten como efectos a tramitación de forma prioritaria e con carácter de urxencia e a redución á metade dos prazos necesarios na instrución do procedemento.

Décimo sétimo. O 17.4.2018, o promotor solicitou a modificación da utilidade pública do parque eólico, de acordo coas modificacións solicitadas o 19.12.2017, achegando a correspondente relación de bens e dereitos afectados.

Décimo oitavo. Mediante escritos do 14.5.2018 e 21.5.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados. En relación con estas notificacións, presentáronse as seguintes alegacións: María Sandra Falcón, o 31.5.2018; Celina Alvite Fraga e Víctor Luaces Luaces, o 4.6.2018; Luís Balseiro Ríos, o 5.6.2018; Santina Alonso Fernández, o 5.6.2018; Gema Santomé Lombardero, o 6.6.2018; Genoveva Freire Carballeira, o 6.6.2018; Delegación de Economía y Hacienda de Lugo, o 13.6.2018; Manuel García Mel, o 15.6.2018.

Para aqueles casos en que non foi posible efectuar a notificación, o 17.7.2018 e o 24.7.2018 publicáronse os correspondentes anuncios no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial do Estado (BOE), respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio non compareceu ningún interesado.

Décimo noveno. Mediante oficios do 14.5.2018, e de acordo co disposto no artigo 45.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas efectuou o trámite de audiencia á Comunidade de Montes Veciñais de Carracedo e Rioseco e ao Concello da Pastoriza. Transcorrido o prazo outorgado non se recibiron alegacións.

Vixésimo. O 1.6.2018, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou que as modificacións solicitadas para o parque eólico non alteran as condicións de compatibilidade establecidas no informe emitido o 16.9.2016.

Vixésimo primeiro. O 28.6.2018, o promotor achegou a documentación acreditativa do acceso e punto de conexión á rede de transporte ou distribución para a potencia adicional derivada da modificación do parque eólico, de acordo co establecido no artigo 38.3.a) da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo segundo. Pola Resolución do 4 de xullo de 2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas recoñeceu como non substancial a modificación do parque eólico.

Vixésimo terceiro. O 20.9.2018, a Dirección Xeral de Ordenación Forestal, en cumprimento do previsto no artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, remitiu o informe favorable do Servizo de Montes de Lugo (Distrito Forestal X) do 8.9.2018.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Tal e como se recolle no antecedente de feito vixésimo, o 1.6.2018, o Servizo de Enerxía e Minas de Lugo informou que as modificacións solicitadas para o parque eólico non alteran as condicións de compatibilidade establecidas no informe emitido o 16.9.2016. Polo tanto, procede declarar a compatibilidade nos mesmos termos co Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24.11.2016.

Cuarto. No que respecta ás alegacións a que fai referencia o antecedente de feito décimo oitavo, nelas maniféstanse en síntese erros na titularidade e no tipo de cultivo das parcelas afectadas e, nalgún caso, desconformidade coa superficie que se vai expropiar.

Pola súa parte a Delegación de Economía y Hacienda de Lugo (Sección de Patrimonio del Estado) solicitou un plano en que se reflectisen as afeccións do proxecto sobre a parcelas da súa titularidade. Mediante oficio do 5.7.2018 (recibido no mencionado órgano o 12.7.2018), remitíuselles o plano solicitado, sen que se recibiran posteriormente novas alegacións.

En vista do contido das alegacións indicadas e das respostas efectuadas polo promotor cómpre manifestar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos achegados polas persoas alegantes, relativas á titularidade e ás características dos bens e dereitos afectados, así como á magnitude das afeccións. Non obstante, corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiatorio, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento,...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles. No caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiatorio, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

De acordo con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións da modificación do parque eólico A Pastoriza, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

Segundo. Declarar a compatibilidade da modificación do parque eólico A Pastoriza cos dereitos mineiros Cruz da Cancela nº 321, Mondoñedo Fracción Segunda nº 5530.2 e Fina nº 5871, nos termos previstos no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24.11.2016.

Terceiro. Declarar a prevalencia da utilidade pública da modificación do parque eólico A Pastoriza sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados, de conformidade co informe do Servizo de Montes de Lugo (Distrito Forestal X) do 8.9.2018 e remitido pola Dirección Xeral de Ordenación Forestal o 20.9.2018, a que fai referencia o artigo 45.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia de Lugo, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.