Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 5 de novembro de 2018 Páx. 47992

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANUNCIO do 25 de outubro de 2018, da Secretaría Xeral de Emprego, polo que se publica a apertura do prazo para solicitar a designación como entidade de representación das asociacións e fundacións con actividade económica no Consello da Economía Social de Galicia.

A Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, regula no seu capítulo II as entidades da economía social, e dispón no seu artigo 6.1.c) que forman parte dela as fundacións e as asociacións que leven a cabo actividade económica.

Pola súa banda, o artigo 4 establece o ámbito de aplicación ao conxunto de entidades de economía social que teñan o seu domicilio social en Galicia e que desenvolvan a súa actividade empresarial e económica principalmente no seu ámbito territorial, entendéndose que se dá esta circunstancia cando a entidade estea inscrita no rexistro galego que lle corresponda por razón da súa natureza.

A dita norma creou, no seu artigo 10, o Consello da Economía Social de Galicia, como órgano consultivo e asesor para as actividades relacionadas coa economía social. No artigo 11 regúlase a súa composición e establécese que está integrado, entre outros, por unha persoa proposta pola entidade de representación das asociacións e fundacións máis representativa.

Para estes efectos, o artigo 11.4 da dita Lei considera como entidade máis representativa a que agrupe un maior número de persoas físicas a través das entidades asociadas, como socios ou socias, patróns ou patroas, persoas asociadas ou traballadores e traballadoras.

De acordo co anterior, de cara á próxima constitución deste órgano, é preciso designar a entidade máis representativa das asociacións e fundacións con actividade económica que teñan domicilio social en Galicia e estean inscritas no Rexistro de Asociacións e Fundacións de Galicia.

Para tal efecto, ábrese un prazo de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que as entidades interesadas poidan solicitar a súa designación como entidade de representación das asociacións e fundacións no Consello da Economía Social de Galicia.

As entidades interesadas presentarán as súas solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos dirixidas á Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Emprego.

Co fin de acreditar o cumprimento dos requisitos mencionados deberán presentar xunto coa solicitude unha relación das entidades socias que son asociacións ou fundacións con actividade económica, o seu domicilio social, o seu número de inscrición en calquera dos rexistros de asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia ou, de ser o caso, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como o número de persoas físicas que as integran como socios ou socias, patróns ou patroas, persoas asociadas ou traballadores e traballadoras.

Esta relación deberá vir certificada pola persoa a que lle corresponda a súa representación legal, e as entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2018

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego