Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 13 de novembro de 2018 Páx. 48734

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga convocada para o día 16 de novembro de 2018 nos centros de traballo da Administración de xustiza de Galicia.

As organizacións sindicais CSIF, STAJ, CC.OO. e UGT, a nivel nacional, así como a organización sindical SPJ-USO, a nivel autonómico, convocaron folga o día 16 de novembro de 2018, durante toda a xornada laboral, en todos os centros de traballo da Administración de xustiza en Galicia.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga. O artigo 496.d) da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, dispón, pola súa vez, que o exercicio do dereito de folga por parte do persoal ao servizo da Administración de xustiza se axustará ao establecido na lexislación xeral do Estado para os/as funcionarios/as públicos/as, aínda que estará, en todo caso, suxeito ás garantías precisas para asegurar o mantemento dos servizos esenciais da Administración de xustiza.

Así mesmo, conforme o establecido nos artigos 28.2 e 37.2 da Constitución española, o exercicio do dereito de folga debe garantir a actividade ininterrompida da Administración de xustiza nos aspectos cuxa paralización poida causar prexuízos irreparables aos dereitos e intereses lexítimos dos cidadáns.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 20.1 que, en relación coa Administración de xustiza, lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia exercer todas as facultades que as leis orgánicas do poder xudicial e do Consello Xeral do Poder Xudicial recoñezan ou atribúan ao Goberno do Estado.

Mediante os reais decretos 2166/1994, do 4 de novembro, e 2397/1996, do 22 de novembro, aprobouse o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia de funcións da Administración xeral do Estado en materia de provisión de medios persoais, materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza. O Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúe á Dirección Xeral de Xustiza as competencias que lle corresponden á Xunta de Galicia relativas aos medios persoais, económicos e materiais ao servizo da Administración de xustiza.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obrigan esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento esencial prestado pola Administración de xustiza en Galicia que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público.

Neste sentido, e de conformidade coa doutrina do Tribunal Constitucional e coa xurisprudencia ditada na materia, e en particular coa Sentenza 463/2018, do 7 de novembro, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, considéranse servizos esenciais necesarios para garantir o servizo público:

1. Servizos de garda de xulgados, fiscalías e Instituto de Medicina Legal.

2. Xuízos orais na orde penal de causas con preso.

3. Medidas precautorias ou provisionais en materia de familia, de violencia sobre a muller e de liberdade provisional, entre outras.

4. Actuacións relativas á violencia de xénero nos xulgados de violencia sobre a muller, sexan ou non exclusivos.

5. Actuacións urxentes do Rexistro Civil, tales como a expedición de licenzas de enterramento, entre outras.

6. Rexistro de asuntos e documentos en que venza un prazo preestablecido por lei e cuxo vencemento poida deparar perda de dereitos aos cidadáns, así como a atención daquelas actuacións en que venza un prazo improrrogable establecido na lei cuxo incumprimento poida afectar o dereito da tutela xudicial efectiva e aquelas cuxa urxencia veña determinada polas leis procesuais ou polos bens xurídicos en xogo.

Así mesmo, esta Administración ten en conta igualmente os criterios determinantes para a fixación dos servizos mínimos que establece a doutrina do Tribunal Constitucional e a xurisprudencia contencioso-administrativa.

Así pois, na determinación do alcance dos servizos mínimos que se fixan preténdese acadar unha proporcionalidade entre o servizo esencial que cómpre prestar e a garantía do exercicio do dereito de folga dos traballadores. Neste sentido, o establecemento do persoal mínimo para garantir os ditos servizos esenciais ten en consideración os seguintes criterios que se expoñen a seguir de forma xeral, con independencia dunha xustificación máis pormenorizada que, para cada tipo de órgano ou xurisdición, se especifique en cada suposto.

Para garantir a prestación dos anteditos servizos esenciais, por tanto, establécense os servizos mínimos que se concretan no anexo, para o que se ten en conta a extensión territorial e temporal da folga convocada, as distintas funcións dos distintos corpos, así como a existencia de órganos especializados nalgunhas cidades, entre outros.

Así mesmo, debe terse en conta que, de producirse durante a xornada de folga algunha das actuacións urxentes ou esenciais das establecidas polo artigo 42 do Regulamento 1/2005, do Consello Xeral do Poder Xudicial, dos aspectos accesorios para as actuacións xudiciais ou pola normativa procesual correspondente, estas non poderían ser atendidas polo xulgado de garda, dado que o xulgado competente está en horas de audiencia, motivo este polo que é preciso dispoñer dun mínimo de persoal nos distintos órganos xudiciais que figuran no anexo para atender as actuacións urxentes e inaprazables, sen vulnerar a atribución de competencias previstas nas correspondentes leis procesuais e no citado Regulamento 1/2005. Cómpre sinalar, a modo de exemplo, as seguintes: autorización de medias precautorias ou de permisos extraordinarios polo Xulgado de Menores; medidas sanitarias urxentes de saúde pública, medidas precautorias en materia de estranxeiría, asilo político e refuxiado que impliquen expulsión, devolución ou retorno polos xulgados do contencioso-administrativo; a celebración de vistas que poidan afectar os dereitos dos traballadores, tales como as demandas de tutela de dereitos fundamentais e liberdades públicas, e as actuacións declaradas urxentes pola lexislación procesual, tales como medidas cautelares necesarias para asegurar a efectividade da tutela xudicial polos xulgados do social.

Por outra banda, e na determinación do concreto número de efectivos de servizos mínimos que se establecen no anexo, téñense en conta as distintas funcións que corresponden a cada corpo funcionarial, establecidas polos artigos 476 e seguintes da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, que fan necesaria, na determinación dos efectivos que deben atender os servizos esenciais en cada órgano, a concorrencia de persoal dos distintos corpos, imprescindible para garantir estes servizos esenciais.

Neste sentido, os funcionarios do corpo de auxilio xudicial, polas súas funcións, non se consideran precisos para garantir os servizos esenciais en determinados órganos, como no caso do Imelga ou rexistros civís principais ou delegados, ou ben esta Administración entende suficiente, noutros supostos, que o funcionario designado servizo mínimo sexa compartido por distintos xulgados ou seccións dos tribunais. Só naquel suposto en que exista un único órgano por xurisdición, como sucede nos xulgados exclusivos de violencia sobre a muller, se considera necesaria a fixación dun auxilio xudicial en cada órgano.

Por outra banda, e para a maior protección do dereito fundamental de folga, esta Administración considera, con respecto aos funcionarios do corpo de xestión e tramitación, que os servizos esenciais que se produzan nesta única xornada de folga poden ser atendidos coa presenza dun único funcionario, que poderá designarse, en consecuencia, tanto dun corpo como doutro.

Respecto dos órganos xudiciais que estean de garda, e polo carácter esencial do servizo prestado nas citadas circunstancias, esta Administración entende que a dotación mínima necesaria é o equipo de persoal que presta o servizo de garda.

En conclusión, por tanto, como regra xeral, esta Administración, para a protección do dereito de folga, non fixou servizos mínimos naqueles órganos que non atenden servizos esenciais nesta xornada única de folga convocada para o día 16 de novembro, e estableceu, naqueles que si os atenden, as dotacións mínimas de persoal necesario para que os poidan garantir e, neste sentido, non se designan funcionarios do corpo de auxilio xudicial nalgúns órganos nin comparten estes funcionarios distintos órganos xudiciais e, con respecto aos funcionarios dos corpos de xestión ou tramitación, establécese a suficiencia dun funcionario dos citados corpos por órgano, de forma alternativa. Finalmente, nesta mesma liña, naqueles órganos que prestan servizo de garda estableceuse que sexan estes equipos de garda os que atendan tamén os servizos mínimos.

En virtude do exposto, e tras o acordo acadado no comité de folga na reunión do día 12 de novembro de 2018,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga que afectará o persoal ao servizo da Administración de xustiza o día 16 de novembro de 2018, en todos os centros de traballo da Administración de xustiza en Galicia, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.

Artigo 2

O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos esenciais será sancionado de conformidade co disposto na lexislación vixente.

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación.

Artigo 4

O exercicio do dereito de folga comportará as deducións salariais correspondentes en quen o exerza, de conformidade coa normativa de aplicación.

Disposición derradeira

Esta resolución producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2018

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

ANEXO

– Nas seccións penais e mixtas das audiencias provinciais e nos xulgados do penal: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 funcionario/a de auxilio por cada dúas seccións ou xulgados.

Xustificación. No caso das audiencias provinciais, estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións que se relacionan a título non exhaustivo: rexistro de asuntos en que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, actuacións en que venza un prazo improrrogable e preestablecido na lei cuxo incumprimento poida afectar a tutela xudicial efectiva, atención de sala en causas con preso, medidas cautelares (prisión provisional, liberdade provisional...), en materia de dereito de familia, incluídas as derivadas dos xulgados de violencia sobre a muller, ou actuacións en execución de sentenza que afecten dereitos fundamentais (liberdades...).

No caso dos xulgados do penal, a xustificación fundaméntase na necesidade de garantir, entre outras, as actuacións que se describen a continuación a título exemplificativo: a celebración de xuízos orais en causas con preso, asegurando deste xeito as vistas con preso sinaladas, así como atender aquelas actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, dilixencias urxentes e asuntos de violencia de xénero.

O número de efectivos establecido é o mínimo indispensable para garantir a atención do servizo esencial nun órgano xudicial, dado que, tal e como consta fundamentado na exposición de motivos da presente resolución, se designa un único funcionario por sección/xulgado, que ben pode ser do corpo de xestión ou ben de tramitación, e un funcionario de auxilio, compartido, por cada dúas seccións/dous xulgados.

– Nos xulgados de menores: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

Xustificación. Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións que se relacionan a título non exhaustivo: actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos menores, adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes (internamentos de menores…), celebración de vistas con menor suxeito a medida de internamento ou tramitación de permisos extraordinarios.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, estableceuse igualmente neste suposto, tal e como consta na exposición de motivos, a dotación mínima da que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: 1 funcionario, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal.

– Nos xulgados de violencia sobre a muller: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a e 1 funcionario/a de auxilio.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de atender, entre outras, as cuestións que se describen a seguir a título exemplificativo: actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes en materia de familia ou de violencia sobre a muller, ou causas con detido na materia.

O número de efectivos establecido é o mínimo indispensable para garantir a atención do servizo esencial nun órgano xudicial, dado que, tal e como consta fundamentado na exposición de motivos da presente resolución, se designa un único funcionario por órgano, que ben pode ser do corpo de xestión ou ben de tramitación. No tocante aos funcionarios de auxilio xudicial, establécese 1 funcionario como servizo mínimo, dado que non existe máis dun xulgado deste tipo na mesma localidade.

– Nos xulgados de instrución de garda: o equipo de persoal que presta o servizo de garda.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de atender as actuacións que xorden durante o servizo de garda que teñen carácter esencial como, entre outras, as seguintes a modo de exemplo: actuacións con detido ou actuacións inaprazables, como a adopción de medidas cautelares urxentes.

Respecto da concreta dotación de efectivos de servizos mínimos, estes órganos deben contar coa dotación habitual durante a prestación do servizo de garda, coa finalidade de atender este servizo esencial.

– Nos xulgados de primeira instancia e instrución de garda: o equipo de persoal que presta o servizo de garda.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de atender as actuacións que xorden durante o servizo de garda que teñen carácter esencial como, entre outras, as que a seguir se describen sen ánimo exhaustivo: actuacións con detido ou actuacións inaprazables, como a adopción de medidas cautelares urxentes.

Respecto da concreta dotación de efectivos de servizos mínimos, estes órganos deben contar coa dotación habitual durante a prestación do servizo de garda, coa finalidade de atender este servizo esencial.

– Xulgados do contencioso-administrativo: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 funcionario/a de auxilio por cada dous xulgados ou fracción.

Xustificación. Estriba na necesidade de atender, entre outras, as seguintes cuestións que se relacionan a modo de exemplo: actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, adopción de medidas cautelares ou provisionais urxentes como medidas sanitarias urxentes de saúde pública, medidas precautorias en materia de estranxeiría, asilo político e refuxiado que impliquen expulsión, devolución ou retorno, procesos de tramitación preferente ou en materia de dereitos fundamentais.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, estableceuse igualmente neste suposto, tal e como consta na exposición de motivos, a dotación mínima de que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: 1 funcionario, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal, e un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

– Xulgados do social: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 funcionario/a de auxilio por cada dous xulgados ou fracción.

Xustificación. Radica na necesidade de atender, entre outras, as cuestións que se relacionan a seguir sen ánimo exhaustivo: actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, asegurando desta forma a celebración de vistas que poidan afectar os dereitos dos traballadores, tales como as demandas de tutela de dereitos fundamentais e liberdades públicas, actuacións declaradas urxentes pola lexislación procesual, tales como medidas cautelares necesarias para asegurar a efectividade da tutela xudicial.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, estableceuse igualmente neste suposto, tal e como consta na exposición de motivos da presente resolución, a dotación mínima de que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: 1 funcionario, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal, e 1 auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

– Xulgados de familia exclusivos e xulgados de primeira instancia con competencia en materia de familia: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 funcionario/a de auxilio por cada dous xulgados ou fracción.

Xustificación. Radica na necesidade de atender, entre outras, as cuestións que se relacionan a seguir a título exemplificativo: actuacións en que venza un prazo preestablecido na lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, internamentos urxentes, medidas cautelares ou outras actuacións inaprazables, como as medidas de protección de menores.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, estableceuse igualmente neste suposto, tal e como consta na exposición de motivos da presente resolución, a dotación mínima de que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un funcionario, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal, e un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

– Xulgados do mercantil exclusivos e xulgados de primeira instancia con competencia en materia mercantil: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a, e 1 funcionario/a de auxilio por cada dous xulgados ou fracción.

Xustificación. Radica na necesidade de atender, entre outras, as cuestións que se relacionan a seguir sen ánimo exhaustivo: rexistro de asuntos en que venza un prazo preestablecido por lei cuxo incumprimento poida supor perda ou prexuízo de dereitos aos cidadáns, actuacións en que venza un prazo improrrogable preestablecido na lei cuxo incumprimento poida afectar a tutela xudicial efectiva, tales como medidas cautelares ou provisionais urxentes en materia mercantil, embargos preventivos de buques, medidas cautelares cuxa demora dificulte a efectividade da tutela xudicial, tales como en materia de patentes e relacionadas coa propiedade intelectual e industrial, ou despedimentos colectivos en sede concursal.

Respecto da concreta dotación dos servizos mínimos, estableceuse igualmente neste suposto, tal e como consta na exposición de motivos da presente resolución, a dotación mínima de que se parte naqueles órganos que atenden servizos esenciais: un funcionario, que ben pode ser de xestión ou ben de tramitación, para garantir o dereito de folga do persoal, e un auxilio xudicial compartido por cada dous xulgados ou fracción.

– Nas oficinas de fiscalías: os/as funcionarios/as que presten o servizo de garda.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de atender as actuacións que xorden durante o servizo de garda que teñen carácter esencial como, entre outras, as seguintes a título de exemplo: garantir as medidas cautelares ou provisionais urxentes en materia de familia, de menores, de violencia sobre a muller e de liberdade provisional.

Respecto da concreta dotación de efectivos de servizos mínimos, estes órganos deben contar coa dotación habitual durante a prestación do servizo de garda, coa finalidade de atender este servizo esencial.

– Nas subdireccións territoriais do Instituto de Medicina Legal: o equipo de persoal que presta o servizo de garda.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de garantir o servizo que lles é propio na materia, a prestación do servizo de garda, a asistencia médico-forense ao xulgado de garda, o levantamento de cadáveres, a asistencia a detidos e a vítimas de violencia de xénero ou asistir nos internamentos, entre outros.

Respecto da concreta dotación de efectivos de servizos mínimos, estes órganos deben contar coa dotación habitual durante a prestación do servizo de garda, coa finalidade de atender este servizo esencial.

– Nos rexistros civís principais e delegados: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

Xustificación. Fundaméntase na necesidade de atender as actuacións do Rexistro Civil que teñan carácter esencial, como as que se describen a seguir a título exemplificativo: as inscricións de defunción, inscricións de nacemento en prazo perentorio ou os certificados de defuncións.

O número de efectivos establecido é o mínimo indispensable para garantir a atención do servizo esencial nun órgano xudicial dado que, tal e como consta fundamentado na exposición de motivos da presente resolución, se designa un único funcionario por órgano, que ben pode ser do corpo de xestión ou ben de tramitación.

– Nas oficinas de rexistro e repartición e nos decanatos dos xulgados que realizan as ditas funcións: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

Xustificación. Fundaméntase no feito de que se trata dun servizo que ten encomendada, entre outras funcións principais, a da recepción de demandas e escritos dirixidos a todos os órganos xudiciais do partido xudicial, o que podería afectar a tutela xudicial efectiva, especialmente se se trata do vencemento dun prazo preestablecido na lei.

O número de efectivos establecido é o mínimo indispensable para garantir a atención do servizo esencial nun órgano xudicial dado que, tal e como consta fundamentado na exposición de motivos da presente resolución, se designa un único funcionario por órgano, que ben pode ser do corpo de xestión ou ben de tramitación.

– Nos servizos comúns de atención ao cidadán e á vítima: 1 xestor/a ou 1 tramitador/a.

Xustificación. Fundaméntase no feito de que se trata dun servizo que ten encomendada, entre outras funcións principais, a da asistencia ás vítimas de delitos.

O número de efectivos establecido é o mínimo indispensable para garantir a atención do servizo esencial nun órgano xudicial dado que, tal e como consta fundamentado na exposición de motivos da presente resolución, se designa un único funcionario por órgano, que ben pode ser do corpo de xestión ou ben de tramitación.