Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 13 de novembro de 2018 Páx. 48804

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 2 de novembro de 2018 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios Galicia Parabéns e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018.

O día 23 de xaneiro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios Galicia Parabéns e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018 (TU201A).

No artigo 14.2 das bases establécese que os concellos beneficiarios terán ata o 30 de novembro de 2018 para presentar a documentación xustificativa da subvención. Tendo en conta a complexidade da execución dos proxectos que se desenvolven ao longo de dúas anualidades, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos por parte das entidades beneficiarias, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

RESOLVO:

Artigo único. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o día 20 de decembro de 2018 (incluído) o prazo para a execución e xustificación da fase correspondente á anualidade de 2018 dos investimentos que foron obxecto de subvención ao abeiro da Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dos Premios Galicia Parabéns e se procede á súa convocatoria para os anos 2017 e 2018 (TU201A).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2018

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia