Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 19 de novembro de 2018 Páx. 49460

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 12 de novembro de 2018 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC) e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de extinción da Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC), adscrita ao protectorado da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 28 de setembro de 2018 tivo entrada neste protectorado a solicitude de ratificación da extinción da Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC), adoptada por acordo do seu padroado.

Segundo. A Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC) foi constituída en escritura pública outorgada ante o notario Emilio Navarro Moreno o día 4 de novembro de 2003, co número 1553 de protocolo.

Mediante a Orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 26 de novembro de 2003 (DOG núm. 240, do 11 de decembro), a fundación foi clasificada como benéfico-docente e adscrita á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Foi declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 20 de xaneiro de 2004 (DOG núm. 18, do 28 de xaneiro).

A fundación figura inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co número 2003/32.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto e finalidade da fundación é fomentar, promover e levar a cabo actividades dirixidas ao fomento da educación, á investigación e ao desenvolvemento das TIC, así como ao impulso e á consolidación da denominada sociedade do coñecemento ou sociedade da información, de xeito que se contribúa a mellorar a formación relativa a estas tecnoloxías na provincia de Lugo.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 13 de setembro de 2018, adoptou o acordo de extinción da fundación por integración da súa actividade na Deputación Provincial de Lugo.

No expediente tramitado consta a documentación prevista nos artigos 44 e 45 da Lei 12/2006, de fundacións de interese galego, e no artigo 48 do Regulamento das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional é competente para o exercicio das funcións de protectorado sobre a Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC), de conformidade co establecido no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, correspóndelle á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece no seu punto 1 que as fundacións se extinguirán cando concorra calquera outra causa prevista no acto constitutivo ou nos estatutos (letra e).

O artigo 37 dos estatutos da Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC) inclúe entre as causas de extinción da fundación a seguinte: cando a Deputación Provincial de Lugo adopte o acordo polo cal o exercicio das actividades que realiza a fundación, ao amparo do contido nos artigos 6 e 7 dos seus estatutos, pase a xestionala directamente a dita entidade provincial, e así se comunique a esta fundación requirindo ao seu padroado para que proceda á súa extinción. O acordo do padroado de extinción precisará que a liquidación teña lugar por integración da súa actividade na Deputación de Lugo, mediante a cesión de todos os seus bens e dereitos.

De acordo co artigo 44 da lei, a extinción da fundación requirirá o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo dispón que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. Resultan cumpridos os requisitos establecidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, do 21 de xaneiro.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC).

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da fundación no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2018

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional
P.D. (Orde do 25.1.2012; DOG núm. 27, do 8 de febreiro)
Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Universidade e Formación Profesional