Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 22 de novembro de 2018 Páx. 49852

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de outubro de 2018, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Monte Tourado-Eixe como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 4 de outubro de 2018, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Monte Tourado-Eixe. Proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Setembro 2018, promovido por Fenosa Wind, S.L.

Segundo. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no concello de Vimianzo queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Monte Tourado-Eixe.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co planeamento urbanístico vixente.

A continuación procédese a analizar a normativa urbanística vixente no termo municipal afectado, propoñendo as modificacións que compatibilizan os usos do parque eólico cos previstos no plan vixente, mentres non se adecue este ao proxecto sectorial.

1.1. Normas de aplicación directa.

De acordo co título III da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, serán normas de aplicación directa a adaptación ao ambiente e protección da paisaxe, así como a protección das vías de circulación.

Desta forma as construcións e instalacións deseñadas dentro do parque adáptanse, seguindo o indicado no artigo 91 da citada lei, ao ambiente en que están situadas, mantendo a tipoloxía das construcións e os materiais e cores empregadas na zona para favorecer a integración no ámbito inmediato e na paisaxe.

Para iso, a situación, masa e altura, así como tipos de cerramentos empregados, non limitan o campo visual do conxunto do espazo natural. Neste mesmo sentido, e co obxecto de non romper a harmonía coa paisaxe, vaise empregar unha tipoloxía nas construcións congruente coas características da contorna.

De igual modo, de acordo co artigo 92 da Lei 2/2016 non se dispoñerán, a excepción dos marcos para sinalización de canalizacións eléctricas, construcións nin pechamentos que se constrúan con obra de fábrica, vexetación ornamental ou outros elementos a menos de 4 m do eixe da vía pública a que dean en fronte.

1.2. Adecuación ao planeamento local vixente.

1.2.1. Análise da normativa vixente e proposta de modificacións que compatibilizan.

O planeamento urbanístico vixente do ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico de Monte Tourado-Eixe (39,6 MW) delimitado no plano 199.10.05.10.000.01, planta xeral sobre o planeamento municipal vixente, é o seguinte:

– Concello de Vimianzo. Normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente o día 1 de xullo de 1994 e Lei 2/2016, do 10 febreiro, do solo de Galicia.

O ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico afecta solos que non están adaptados á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. En virtude da disposición transitoria primeira, número 2, os terreos afectados clasifícanse como:

– Solo rústico ordinario.

– Solo rústico de especial protección das augas (100 m desde a ribeira dos regueiros existentes).

– Solo rústico de especial protección de infraestruturas.

– Solo rústico de especial protección de patrimonio.

Resulta necesario adecuar a normativa urbanística deste municipio para que así sexa viable a implantación das instalacións do parque eólico, nos termos recollidos na modificación do plan sectorial eólico de Galicia.

Non obstante, modificarase o planeamento exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do planeamento. O ámbito en que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos doutras categorías que concorran.

1.2.2. Proposta da normativa.

Cando se revise o planeamento municipal do concello e/ou se adapte a súa normativa e/ou o seu planeamento á Lei 2/2016, do 10 febreiro, do solo de Galicia, e a súa normativa complementaria, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano referencia 20955I00993, planta xeral sobre planeamento modificado pola adecuación, cualificándoos como solo rústico de protección de infraestruturas coa seguinte normativa:

A. Ámbito.

Comprende esta categoría de solos as zonas delimitadas nos planos como solo rústico de protección de infrestruturas exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do planeamento co uso permitido de parques eólicos.

B. Uso do solo.

O uso permitido ou autorizable é o de parques eólicos e someterase a un estudo de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e á aprobación dun proxecto sectorial en conformidade co Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Os usos compatibles do terreo serán os do aproveitamento existente coas seguintes restricións, co fin de garantir que non se vai alterar o potencial eólico e con iso o funcionamento e rendemento enerxético do parque eólico:

– Prohibición de levantar edificacións, a excepción do edificio de control, a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

– Prohibición de plantar árbores a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

En atención ao disposto no artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, o ámbito en que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección das infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente ás demais categorías de solo rústico que concorran.

C. Condicións de edificación.

As condicións de edificación que se propoñen para o edificio de control e subestación (30/66 kV) do parque eólico Monte Tourado-Eixe (39,6 MW) serán as seguintes:

– Edificabilidade máxima:

• Edificio: 196,78 m².

• Parque subestación: 1.919,00 m².

– Ocupación máxima: 14.400 m² da superficie da parcela en que se localicen os edificios e contornos pechados (edificio de control e subestación) distribuída do seguinte xeito:

• Edificio: 196,78 m².

• Beirarrúa: 57,32 m².

• Parque subestación: 1.919,00 m².

• Aparcadoiro: 152,00 m².

• Resto explanación: 12.074,90 m².

• Total: 14.400,00 m².

– Recuamentos: en todos os casos os recuamentos das construcións son superiores a 5,0 m respecto aos lindeiros.

– Altura máxima:

• A altura máxima medida desde a rasante natural do terreo ao arranque inferior da vertente da cuberta medido desde o centro da fachada é de 3,25 m.

D. Condicións estéticas.

O edificio de control realizarase con estrutura de formigón, forxado unidireccional e cimentación mediante zapatas illadas, convenientemente arriostadas e co dimensionamento axeitado para os esforzos a que será sometido.

A cuberta é de tella curva cerámica envellecida e proxectouse con faldróns iguais con pendente do 30 %. O desaugadoiro de augas pluviais efectúase mediante baixantes exteriores ao edificio. As devanditas augas non se recollen en rede horizontal de saneamento senón que verten directamente sobre a beirarrúa perimetral do edificio. Dótase o edificio de rede perimetral de drenaxe.

O cerramento realízase mediante muros de cachotaría careada de granito, de 20 cm de espesor. Extradorsado ao granito colócase un muro de ladrillo oco dobre o cal vai gornecido, recebado e pintado na súa cara interior vista.

A instalación de desaugadoiro de augas negras condúcese a través dunha rede de saneamento a unha foxa séptica.

Para o peche ou valado da parcela manterase o actual, realizado con materiais tradicionais do medio rural. E para o pechamento do parque da subestación empregarase tea metálica de simple torsión de arame de aceiro doce galvanizado plastificado en verde, para diminuír o impacto visual, completada con tres filas de arame de aceiro galvanizado de 3 mm de diámetro.

E. Condicións de servizos.

De conformidade co previsto na Lei 2/2016, o promotor da infraestrutura enerxética resolverá pola súa conta os servizos de acceso rodado, abastecemento de augas, saneamento e depuración e enerxía eléctrica, así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

1.3. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 24 da Lei 10/1995, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, seguindo o procedemento establecido no artigo 25, á marxe de cando adecuen o planeamento, implica para o concello afectado a obriga de conceder a licenza de obras para as conseguintes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

1.4. Prazo.

A adecuación do planeamento urbanístico vixente ao proxecto sectorial, deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

– A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser expresamente para esta adaptación.

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

De acordo co establecido na modificación plan sectorial eólico de Galicia, as obras e instalacións do parque eólico, obxecto deste proxecto sectorial, cualifícanse expresamente como de carácter territorial e, en consecuencia, quedan exentas das autorizacións urbanísticas a que se refire o artigo 11.4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, e en consonancia con este, o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 febreiro, do solo de Galicia.