Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Martes, 27 de novembro de 2018 Páx. 50309

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2018, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Arteixo (expediente IN407A 2018/138-1).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se cita:

Solicitante: Orange España, S.A.

Domicilio social: Paseo Club Deportivo, 1ED, 8, 28223 Pozuelo de Alarcón.

Denominación: liña 20 kV, CT e RBT para base de telecomunicacións Orange.

Situación: rúa Fortes, s/n, Monticaño, Pastoriza, Arteixo.

Características técnicas: liña de media tensión aérea (van destensado) de 15 kV con inicio na liña aérea de distribución a CT Suevos (15CW03), condutor LA 56, Al, lonxitude 13 m e fin no apoio número 1 proxectado (onde se instalan os seccionadores XS).

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro (BOE núm. 310), do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, e de acordo coa Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54), esta xefatura territorial resolve:

Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no seu proxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra este acordo, que non é definitivo en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 112, 115, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 6 de novembro de 2018

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña