Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 10 de decembro de 2018 Páx. 51586

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario das categorías de facultativo/a especialista de área, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a de admisión e documentación clínica, médico/a asistencial do 061 e técnico/a en farmacia.

Por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 29 de novembro de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 228, do 30 de novembro) convocouse concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario de xestión e servizos.

Por Resolución de data 11 de decembro de 2017 (DOG núm. 243, do 26 de decembro) convocouse concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario licenciado sanitario de atención primaria, sanitario diplomado e de formación profesional.

Coa finalidade de estender o procedemento de concurso de traslados aberto e permanente a todas as categorías e así facer efectivo o dereito á mobilidade voluntaria do persoal estatutario fixo recoñecido no artigo 17 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, favorecer a conciliación da vida laboral e familiar e acadar un mellor desenvolvemento profesional, esta dirección xeral, en virtude das facultades conferidas polo Decreto 43/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 7 de marzo) e o artigo 4 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 139, do 20 de xullo), previa negociación das bases no seo da Mesa Sectorial de Sanidade, coa aprobación das organizacións sindicais CIG, CESM-O´MEGA, CC.OO., CSIF e SATSE

RESOLVE:

Primeiro

Publicar a convocatoria de concurso de traslados para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario das categorías de facultativo/a especialista de área, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a de admisión e documentación clínica, médico/a asistencial do 061 e técnico/a en farmacia.

Esta convocatoria manterá a súa vixencia no tempo, cunha oferta de prazas e adxudicación de destinos que terán unha periodicidade mínima anual e que serán publicadas, ambas as dúas resolucións, no Diario Oficial de Galicia así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Segundo

A solicitude de participación no concurso deberá efectuarse a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos), dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e deberá presentarse por rexistro electrónico.

Terceiro

As persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación e petición de destinos que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do ano en curso.

Cuarto

Serán de aplicación a este proceso as bases aprobadas por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 20 de novembro de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 227, do 29 de novembro).

Para as categorías de persoal licenciado sanitario resultará de aplicación o baremo publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 105, do 5 de xuño de 2017.

Na categoría de técnico/a en farmacia aplicarase o baremo de méritos aprobado por Resolución do 8 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (Diario Oficial de Galicia núm. 13, do 21 de xaneiro de 2014).

No suposto de que na data do 15 de xaneiro, data límite de inscrición de cada ciclo anual de adxudicación, se tivese publicado logo de negociación coas organizacións sindicais un novo baremo, a valoración de méritos dos/das profesionais participantes efectuarase consonte este último baremo.

Quinto

Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que xurdan en relación a este procedemento, habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: concurso.traslados@sergas.es

Sexto

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2018

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos