Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Luns, 10 de decembro de 2018 Páx. 51526

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia e se convocan axudas para o ano 2019.

Son moitas as persoas que desfrutan da compañía do seu animal e non tomarían en consideración a posibilidade de abandonalo; porén, a convivencia entre persoas e animais non sempre é un éxito e ás veces fracasa por temas de incompatibilidade, descoñecemento sobre as implicacións prácticas de vivir cun animal e, nalgúns casos, por unhas expectativas equivocadas sobre o comportamento animal.

Ben que aínda estamos lonxe de erradicar este problema, a sociedade está tornando cara a unha maior sensibilización sobre a tenza responsable dun animal de compañía e dando unha resposta positiva ante o abandono como é a adopción dos animais que se atopan nos centros de recollida para así pór fin a esa situación. A isto hai que engadir que o abandono dos animais pode orixinar graves problemas de benestar animal, sanidade, seguranza pública e viaria e ambiente.

A protección e benestar dos animais de compañía regúlase en Galicia a través da Lei 4/2017, do 3 de outubro, e do Decreto 153/1998, do 2 de abril. Esta normativa recolle as mínimas atencións que deben recibir os animais desde o punto de vista hixiénico-sanitario, co fin de garantirlles uns mínimos de bo trato, fixando como principio fundamental de protección o da posesión ou tenza responsable, así como os requisitos que deben cumprir os animais para adoptalos, entre eles, que proveñan dun centro de recollida autorizado e que sexan entregados identificados e esterilizados. Así mesmo, a Lei 4/2017, do 2 de outubro, creou a figura das colonias felinas como un posible destino das comunidades de gatos sen propietario ou propietaria que viven na rúa, sempre que as condicións do contorno o permitan, co fin da súa protección e control poboacional.

Corresponde ás administracións locais a recollida de animais abandonados nos seus respectivos termos municipais, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 4/2017, do 3 de outubro. Para cumprir con esta encomenda lexislativa, as administracións locais poden prestar o servizo de recollida e acollemento por si mesmas ou asociadas, en réxime de xestión directa ou indirecta. Así mesmo, tamén poderán subscribir convenios de colaboración nesta materia con outras administracións públicas e entidades, como as asociacións de protección e defensa dos animais.

En virtude do disposto no Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro, e no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural ten, entre outras, as competencias relativas á aplicación de medidas de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade en Galicia.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e principios de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia relativas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados e/ou formen parten de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2019 (procedemento MT811A).

2. Para os efectos do disposto no número anterior, entenderanse por animais domésticos de compañía os pertencentes ás especies canina e felina, e por animal entregado en adopción o animal doméstico abandonado que foi cedido en adopción nun centro de recollida autorizado e que consta correctamente inscrito a nome da persoa adoptante no Registro Galego de Identificación de Animais de Compañía (Regiac) segundo o recollido no artigo 4.7 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

3. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Actuacións subvencionables

1. Serán actuacións subvencionables ao abeiro desta orde de axudas as destinadas á atención e coidado dos animais domésticos de compañía que se atopen nos centros de recollida autorizados e/ou formen parten de colonias felinas reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, e relativos aos gastos derivados do acto clínico para:

a) A esterilización cirúrxica dos animais coa dobre finalidade de evitar a súa reprodución incontrolada e promover a súa adopción.

b) A identificación animal mediante a implantación de microchip, correspondente inscrición no Regiac e expedición de pasaporte sanitario, de acordo co recollido no artigo 12 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

2. Non será obxecto de subvención o imposto do valor engadido (IVE).

3. En todo caso, a contía da subvención non poderá ser nunca superior ao custo da acción subvencionable.

Artigo 3. Ámbito temporal

As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos subvencionables recollidos no artigo 2 que fosen efectivamente realizados no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as corporacións locais que, no seu ámbito territorial:

a) Presten o servizo de recollida e acollemento de animais e/ou a xestión de colonias felinas por si mesmas ou asociadas, en réxime de xestión directa ou indirecta.

Ou ben

b) Presten o servizo de recollida e acollemento de animais e/ou xestión de colonias felinas mediante convenio e/ou acordos de colaboración nesta materia con outras administracións públicas e entidades, como as asociacións de protección e defensa dos animais inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.

2. En todo caso, o acollemento dos animais abandonados deberá terse realizado en centros debidamente autorizados para tal fin ou nos fogares de acollida dependentes deles e/ou en colonias felinas, reguladas no artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro.

Artigo 5. Requisitos exixibles ás entidades beneficiarias

1. As entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no seu artigo 10. Igualmente, deben cumprir co deber previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades que teñan sancións firmes en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, ou na Lei 4/2017, do 3 de outubro.

Artigo 6. Contía da axuda

1. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá subvencionar as actuacións recollidas no artigo 2 nas seguintes contías máximas:

a) Gastos derivados do acto clínico veterinario da esterilización cirúrxica: ata un máximo de 100 €/animal esterilizado da especie canina e de 85 €/animal esterilizado da especie felina.

b) Gastos derivados do acto clínico veterinario para a identificación animal: ata un máximo de 30 €/animal identificado.

2. No caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias poderán axustarse as contías pro rata entre todas as entidades beneficiarias. O réxime de rateo farase atendendo á puntuación obtida no proceso de valoración.

3. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidade orzamentaria.

Artigo 7. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 8. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

3. A solicitude da axuda, segundo o anexo I desta orde (procedemento MT811A), inclúe as seguintes declaracións da entidade solicitante:

a) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

b) Declaración da conta para a transferencia bancaria.

c) Declaración de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, de novembro, xeral de subvencións, nin en ningunha das situacións previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Declaración responsable de non ter sancións firmes en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 1/1993, do 13 de abril, na Lei 50/1999, do 23 de decembro, ou na Lei 4/2017, do 3 de outubro.

f) Declaración responsable do modelo adoptado para o sistema de recollida e acollemento dos animais abandonados nun centro de recollida autorizado, indicando o nome do antedito centro e/ou identificación da colonia felina.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da entidade dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectindo esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexan necesarios para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Artigo 11. Documentación complementaria necesaria para a tramitación da solicitude

1. As entidades deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación complementaria:

a) Acreditación da persoa representante que asine a solicitude, por calquera medio válido en dereito.

b) As corporacións locais que desenvolvan o servizo de recollida mediante xestión indirecta ou mediante convenios e/ou acordos de colaboración deberán acreditar de forma que faga fe a relación existente entre entidades e a súa duración, así como que non existe ningún incumprimento das condicións establecidas entre ambas as partes para a prestación do servizo.

En caso de que a corporación local teña delegadas a súas competencias en materia de recollida, deberá achegarse a documentación que acredite tal delegación.

c) Certificado da entidade xestora do centro de recollida autorizado ou colonia felina, segundo o modelo do anexo II desta orde, que inclúa os seguintes aspectos:

1º. Número de animais da especie canina que foron recollidos, por concello, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019.

2º. Número de animais da especie felina que foron recollidos, por concello, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019.

3º. Relación de animais que tiveran entrada no centro de recollida e foron entregados en adopción, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019, por concello. A relación deberá incluír a seguinte información:

i) Data de entrada no centro de recollida e data en que foi entregado en adopción.

ii) Número de rexistro de entrada no centro de recollida.

iii) Raza e sexo do animal.

iv) Número de microchip para a súa identificación.

v) DNI da persoa adoptante.

d) Certificado do persoal facultativo veterinario, segundo o modelo do anexo III, que preste os seus servizos para o centro de recollida, que deberá incluír:

– Relación de animais con indicación da especie, raza, sexo e número de microchip, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019, por concello, aos cales:

i) Se lles practicou unha esterilización cirúrxica.

ii) Se lles implantou o microchip para a identificación, se realizou a inscrición no Regiac e se expediu o correspondente pasaporte sanitario.

e) Certificado da entidade xestora da colonia felina, segundo o modelo do anexo II desta orde, que inclúa os seguintes aspectos:

1º. Relación de colonias felinas, legalmente establecidas de acordo co artigo 26 da Lei 4/2017, do 3 de outubro, por concello, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019, indicando a localización de cada unha delas e o número de animais por raza e sexo que forman parte delas.

2º. Relación de animais da especie felina que forman parte de cada unha das colonias felinas, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019, por concello.

f) Certificado do persoal facultativo veterinario, segundo o modelo do anexo III, que preste os seus servizos para a entidade xestora da colonia felina, que deberá incluír os seguintes aspectos:

– Relación de animais da especie felina con indicación da colonia felina á que pertencen, tipo de marcaxe e/ou identificación realizada, raza e sexo, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019, por concello, aos cales:

i) Se lles practicou unha esterilización cirúrxica.

ii) Se lles implantou o microchip para a identificación.

g) Documentación que acredite que a entidade remitiu as contas ao Consello de Contas.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no seu procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social.

d) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

e) Estar ao día no cumprimento da obrigas coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A inscrición no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos (Reganuz) da Consellería de Medio Ambiente ,Territorio e Vivenda.

g) A inscrición no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía da Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda.

h) Non ter sancións firmes en vía administrativa por infraccións tipificadas na Lei 1/1993, do 13 de abril, na Lei 50/1999, do 23 de decembro, e na Lei 4/2017, do 3 de outubro.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Segundo o establecido no artigo 49 da Lei 8/2017, do 16 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018, referente á simplificación do cumprimento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, a Administración do Estado e a Seguridade Social, a obriga de presentar a certificación que acredite o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma poderá ser substituída pola declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma no caso das axudas que se concedan con carácter de compensación ou indemnización.

Artigo 13. Notificación

1. A resolucións expresas de aprobación ou de denegación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As entidades interesadas só poderán optar polo sistema de notificación electrónica, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de setembro de 2019.

Artigo 15. Criterios de valoración

1. Os criterios de valoración para o outorgamento das axudas recollidas no artigo 2 serán os seguintes:

Criterio de valoración

Puntos

1

Número de animais recollidos no ámbito territorial da entidade solicitante e admitidos nun centro autorizado e/ou incluídos nunha colonia felina no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019

Ata 20

2

Porcentaxe de animais entregados en adopción do total dos animais considerados abandonados e recollidos no ámbito territorial da entidade solicitante, no período comprendido entre o 1 de setembro de 2018 e o 31 de agosto de 2019

Ata 20

3

Existencia dun acordo ou convenio de colaboración ou cooperacion, para a recolllida de animais abandonados ou a xestión de colonias felinas, con asociacións inscritas no Rexistro Galego de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais de Compañía

30

4

Poboación diana sobre a cal actúa a entidade solicitante

Ata 15

5

Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera fórmula (agrupación, asociación,mancomunidade, fusión ou calquera outra similar)

30

En caso de empate na puntuación obtida, este resolverase tendo en conta a valoración no criterio número 2. De persistir o empate, atenderase á cualificación no criterio número 1. Se así é todo continúa a igualdade, dirimirase o empate a favor da entidade solicitante que actúa sobre a maior poboación diana.

Artigo 16. Tramitación

1. As solicitudes remitiranse á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. O Servizo de Conservación da Biodiversidade examinará e revisará a documentación acompañante que se especifica no artigo 11 desta orde.

2. No caso de que fosen detectados erros ou omisións, será requirida a entidade solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, emende ou complete a solicitude, coa indicación de que, se non o fixer así, se terá por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, os requirimentos de emenda das solicitudes realizaranse mediante a súa publicación na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (https://cmaot.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Animais_domesticos_e_salvaxes/seccion.html), a cal producirá os mesmos efectos que a devandita notificación.

Non obstante, a publicación na páxina web poderá ser substituída pola súa publicación no Diario Oficial de Galicia se así o estimar oportuno o órgano instrutor.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderase requirir á entidade que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. O Servizo de Conservación da Biodiversidade emitirá informes á Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas para que esta continúe coa súa tramitación.

5. Unha vez recibidos os informes do Servizo de Conservación da Biodiversidade, a Subdirección Xeral de Biodiversidade e de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, como órgano instrutor, realizará as propostas de resolución das solicitudes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural ata esgotar o crédito consignado para o efecto. Non obstante, no caso de superación das dispoñibilidades orzamentarias poderán axustarse as contías pro rata entre todas as entidades beneficiarias. O réxime de rateo farase atendendo á puntuación obtida no proceso de valoración.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras desta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses contados desde o día seguinte ao remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido o prazo sen que se dite resolución expresa, as entidades poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo de un mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

4. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 18. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado pola entidade beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a entidade beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, considerarase que se entende tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Artigo 21. Rexistro Público de Subvencións

1. A concesión das axudas reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencionable en Galicia.

2. As entidades interesadas terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. A solicitude para ser entidade beneficiaria das axudas incluídas nesta orde levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na solicitude. Non obstante, as entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Xustificación dos gastos realizados

1. O pagamento da cantidade adxudicada a cada entidade beneficiaria queda condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención.

2. O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos realizados rematará o día 15 de novembro de 2019. As entidades beneficiarias deberán presentar na forma indicada no artigo 8 desta orde a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento, segundo o anexo IV desta orde, que inclúe unha declaración complementaria relativa á obtención doutras subvencións, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate, de acordo co formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

b) Para xustificar os gastos das axudas reguladas nesta orde:

1º. No caso das entidades que presten o servizo de recollida mediante o sistema de xestión directa, deberá achegarse:

i) Copias das nóminas do persoal facultativo, contratado pola entidade solicitante e das facturas de adquisición do material empregado nas actuacións clínicas de esterilización cirúrxica e/ou identificación dos animais, emitidas a nome da entidade solicitante, ou ben,

ii) Copias das facturas emitidas polos servizos veterinarios externos contratados que deriven da esterilización cirúrxica e da identificación dos animais, emitidas a nome da entidade solicitante.

En todo caso, as facturas virán acompañadas da xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que se incorreu, a través da copia da transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento.

2º. No caso das entidades que presten o servizo de recollida mediante un sistema de xestión indirecta ou de convenios e/ou acordos de colaboración, deberá achegarse unha memoria xustificativa da entidade xestora do centro de recollida autorizado e/ou colonia felina, onde se detallen as actividades obxecto de subvención realizadas, e, ademais, segundo corresponda:

i) No suposto de que prestación do servizo se realice mediante entidades contratadas para a xestión da recollida de animais abandonados nun centro autorizado, ou nos fogares de acollida dependentes del, e/ou a xestión de colonias felinas, copias das facturas emitidas pola entidade xestora contratada onde se detallen os importes correspondentes á esterilización cirúrxica e á identificación dos animais, emitidas a nome da entidade solicitante.

En todo caso, as facturas virán acompañadas da xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que se incorreu, a través da copia da transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento.

ii) No suposto de que a prestación do servizo se desenvolve a través de convenios e/ou acordos de colaboración con entidades autorizadas para a xestión da recollida de animais abandonados nun centro autorizado e/ou a xestión de colonias felinas, copias das nóminas do persoal facultativo, contratado pola entidade xestora, e das facturas de adquisición do material empregado nas actuacións clínicas de esterilización cirúrxica e/ou identificación oficial dos animais, emitidas a nome da entidade xestora, e/ou das facturas correspondentes cos servizos veterinarios derivados das actuacións clínicas de esterilización cirúrxica e/ou identificación oficial dos animais, emitidas a nome da entidade prestadora/xestora do servizo.

En todo caso deberán achegarse os xustificantes do pagamento efectivo dos importes recollidos nos convenios e/ou acordos de colaboración establecidos entre a entidade solicitante e a entidade prestadora/xestora do servizo, a través da copia da transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento.

Artigo 23. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe da axuda aprobada e debidamente xustificada. Non obstante, excepcionalmente, por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, poderá subvencionarse só unha parte das actuacións aprobadas sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto, e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente.

2. Para o pagamento da axuda será imprescindible que as persoas beneficiarias estean ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma. De acordo co establecido no artigo 12, o órgano xestor das axudas poderá obter dos organismos competentes as citadas certificacións.

3. O pagamento das axudas efectuarase mediante transferencia na conta bancaria indicada na solicitude.

Artigo 24. Crédito orzamentario

1. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédico adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2019, no momento da resolución.

2. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.541B-460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, mediante concorrencia competitiva.

3. O importe máximo das axudas que se conceden no antedito exercicio orzamentario ascenderá a 125.000 €, distribuídos do seguinte xeito:

a) Gastos derivados do acto clínico veterinario da esterilización cirúrxica: 85.000 €.

b) Gastos derivados do acto clínico veterinario para a identificación animal: 40.000 €.

Non obstante, no suposto de que as axudas concedidas, cos límites previstos no artigo 6, non esgoten a cantidade asignada para algún dos conceptos anteriormente citados, poderá destinarse a cantidade remanente a aquel en que a cantidade sexa insuficiente para atender as solicitudes presentadas.

4. O importe consignado, así como a aplicación a que se impute, poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para os efectos. En todo caso, a concesión das axudas estará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

5. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde cando o incremento derive de:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

c) No suposto previsto no artigo 25.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa da persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, que se deberá presentar con quince días hábiles de anticipación á súa realización.

Artigo 26. Control das actividades subvencionadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, poderán solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 27. Disposicións xerais

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As entidades beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior será o establecido no título II da Lei 9/2017, do 13 de xuño.

5. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos casos e termos previstos no seu artigo 33.

Disposición adicional única Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural  para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural  as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2018

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file