Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Martes, 11 de decembro de 2018 Páx. 51671

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Mediante o Decreto 88/2018, do 26 de setembro, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Así mesmo, polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro, modificouse parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Co Decreto 149/2018 preténdese o reforzo do ámbito rural, para os efectos de aproveitar a potencialidade deste sector estratéxico de Galicia, atendendo principalmente ás propias necesidades do sector e, en especial, na prevención e extinción de incendios, respecto da cal a experiencia acumulada nos últimos anos fai precisa a creación dun centro directivo propio e independente da xestión forestal que acometa a defensa integral do monte en Galicia. Procede, pois, determinar a estrutura orgánica e funcional axeitada para o cumprimento das funcións que se lle atribúen á Consellería do Medio Rural, respectando os principios de eficacia e economía que sempre deben presidir a actuación e a organización administrativa. De igual xeito, a creación deste novo centro directivo trae consigo a necesaria modificación parcial do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, co fin de adaptalo á nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

Exclúese a regulación da estrutura orgánica do Fondo Galego de Garantía Agraria, xa que o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria, xa contén a súa estrutura orgánica, segundo o disposto no artigo 54 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Así mesmo, o decreto completa a relación de órganos colexiados adscritos á consellería e creados por normas anteriores no tempo. Respecto da entidade Axencia Galega de Calidade Alimentaria, creada no Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se aproban os seus estatutos, realízanse algunhas adaptacións necesarias na súa estrutura, en prol da optimización do seu funcionamento.

En consecuencia, procede agora aprobar a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, tendo en conta o disposto no capítulo II do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

De acordo co exposto e por proposta do conselleiro do Medio Rural, cos informes previos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil dezaoito,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Ámbito competencial e organización xeral da Consellería

Artigo 1. Competencias

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal, baixo a superior dirección da persoa titular do departamento, lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias alimentarias, montes, prevención e defensa dos incendios forestais, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, na forma establecida neste decreto.

Artigo 2. Estrutura da Consellería

1. Para o exercicio das súas funcións, a Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) O/a conselleiro/a.

b) Secretaría Xeral Técnica.

c) Dirección Xeral de Defensa do Monte.

d) Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

e) Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

f) Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

2. Quedan adscritas a esta consellería as seguintes entidades públicas instrumentais do sector público autonómico:

a) O organismo Fondo Galego de Garantía Agraria.

b) O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

c) O ente público Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

CAPÍTULO II

Órganos centrais

Sección 1ª. O/a conselleiro/a

Artigo 3. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Sección 2ª. A Secretaría Xeral Técnica

Artigo 4. A Secretaría Xeral Técnica

1. A Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, todas aquelas que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Consellería e é a autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural (PDR).

2. A Secretaría Xeral Técnica estará integrada polos seguintes órganos baixo a súa dependencia orgánica e funcional:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa.

c) Subdirección Xeral de Contratación.

d) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

e) Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos.

f) Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas.

3. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

A Asesoría Xurídica rexerase polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, desenvolverá as funcións previstas na devandita lei, en relación coa súa respectiva área funcional e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 5. A Vicesecretaría Xeral

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica, a execución dos proxectos, obxectivos ou actividades e demais atribucións que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como a súa suplencia en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

2. Directamente, ou a través do servizo que nela se integra, desenvolverá as seguintes funcións:

a) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

b) A elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) A coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da Consellería.

d) A xestión e a tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica e, en particular, os expedientes relativos a contratos menores de gasto corrente.

e) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) Formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da Consellería.

g) Coordinación do parque móbil da Consellería, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia e coordinación das dotacións relativas aos recursos materiais da Consellería.

h) Asesorar e emitir os informes solicitados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, en especial, prestarlle asistencia, coordinar e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por razón da súa competencia.

3. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Vicesecretaría Xeral contará co Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) Participar na coordinación e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería, no control da execución económica, na tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e na execución dos gastos que se lle atribúan.

b) Participar na elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) Participar na xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

d) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Artigo 6. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa

1. Á Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) O control, xestión, habilitación e tramitación dos asuntos do persoal funcionario e laboral.

b) A organización da documentación procedente do rexistro e, en xeral, a asistencia técnica e a coordinación administrativa dos servizos da Consellería en materia de persoal e réxime interno.

c) A xestión dos plans de formación do persoal da Consellería.

d) A tramitación administrativa dos convenios de colaboración e de todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados.

e) As actuacións relativas á tramitación, seguimento e control das encomendas de traballos e actividades nas materias de competencia da Consellería.

f) A interlocución coas organizacións sindicais nos asuntos competencia da consellería.

g) O asesoramento, a realización de estudos e informes e a coordinación de todos aqueles asuntos en materias de competencia do departamento que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o exercicio das súas funcións organízase nos seguintes servizos:

a) Servizo de Persoal. Correspóndelle o exercicio das funcións de:

1º. Xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais da consellería e das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.

2º. Análise da planificación, estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos do capítulo I, incluída a elaboración de propostas de modificación de créditos.

3º. Ordenación e control da xestión de todo o persoal da consellería e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

4º. Programación das necesidades de persoal e a formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo.

5º. Mantemento e actualización da base de datos de persoal e a organización, custodia e arquivo dos seus expedientes.

6º. Control da asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais.

b) Servizo de Recursos e Reclamacións. Correspóndelle o exercicio das funcións de:

1º. Estudo, tramitación e formulación das propostas de resolucións das reclamacións e recursos que se formulen.

2º. Elaboración dos correspondentes informes e a coordinación da documentación na materia.

3º. Estudo, coordinación e tramitación dos expedientes disciplinarios e de responsabilidade.

4º. Tramitación da execución das sentenzas en materia de persoal.

Artigo 7. Subdirección Xeral de Contratación

1. Á Subdirección Xeral de Contratación compétenlle as seguintes funcións:

a) A xestión dos expedientes de contratación de competencia por razón da materia da Secretaría Xeral Técnica.

b) A tramitación e proposta de resolución dos expedientes de contratación administrativa de competencia por razón da materia das persoas titulares das direccións xerais da Consellería, e por proposta destes, sempre que non se trate de contratos menores.

c) O estudo, tramitación e proposta de resolución, nos expedientes de recursos en materia de contratos públicos de competencia da Subdirección Xeral de Contratación, así como en calquera outra reclamación ou requirimento na materia.

d) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Contratación contará co Servizo de Contratación, ao que lle corresponden as seguinte funcións:

a) As funcións inherentes á tramitación e xestión dos expedientes de contratación da Subdirección Xeral de Contratación.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución, nos expedientes de recursos en materia de contratos públicos de competencia da Subdirección Xeral de Contratación, así como en calquera outra reclamación ou requirimento na materia.

c) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Contratación.

Artigo 8. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico terá ao seu cargo:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de leis e disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

b) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

c) A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia, así como a coordinación da publicación das notificacións por anuncios que sexan publicados no Boletín Oficial del Estado.

d) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere adecuado, coas unidades da Consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

e) A coordinación coa Asesoría Xurídica en relación coa tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados e tribunais.

f) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á consellería polo Valedor/a do Pobo e outros órganos e institucións.

g) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta, así como, a tramitación dos requirimentos entre administracións públicas e da revisión de actos administrativos.

h) Colaboración e asesoramento na preparación da resolución dos expedientes sancionadores da Consellería que correspondan aos directores/as xerais, ao conselleiro/a ou ao Consello da Xunta nas materias competencia da Consellería.

i) As competencias da Consellería sobre designación de membros de órganos colexiados e entidades do sector público autonómico de Galicia.

j) Aqueles outros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o exercicio das súas funcións contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Recursos e Reclamacións, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

1º. Estudo e tramitación das reclamacións, dos recursos e dos requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos órganos desta Consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta Consellería.

2º. E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

b) Servizo de Tramitación e Desenvolvemento Normativo, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

1º. O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de leis e disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da Consellería.

2º. A coordinación da publicación de toda clase de disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería que deban ser publicados no Diario Oficial de Galicia, así como a coordinación da publicación das notificacións por anuncios que sexan publicados no Boletín Oficial del Estado.

3º. E, en xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

Artigo 9. Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos

1. Esta subdirección asumirá as seguintes tarefas:

a) O apoio técnico, seguimento e consolidación da información técnica e financeira dos distintos centros directivos da Consellería e dos organismos e entes dependentes, xestores de fondos comunitarios e impulsar a coordinación de todos eles.

b) A xestión, coordinación, seguimento e implementación do Programa de desenvolvemento rural co fin de garantir a xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do programa e a calidade na súa aplicación por todas as unidades xestoras das medidas nel recollidas.

c) Prestará apoio directo á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e aos distintos centros superiores e directivos en todas aquelas materias relacionadas cos fondos comunitarios e co PDR.

2. Para a consecución dos seus obxectivos contará co Servizo de Coordinación e Seguimento do PDR, ao cal lle corresponderá o seguimento e implementación do Programa de desenvolvemento rural, asistindo a todos os órganos e unidades xestoras do programa.

Artigo 10. Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas

Correspóndelle o exercicio das funcións seguintes:

1º. A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, modernización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

2º. A coordinación da elaboración dos plans, programas e estratexias da Consellería, así como da súa tramitación administrativa.

3º. As funcións ligadas ao ámbito das novas disposicións normativas en materia de transparencia ao abeiro da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos personais e á libre circulación destes datos (delegado de protección de datos).

4º. A coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, para o cal levará os libros de rexistro.

5º A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería e as funcións relativas á súa representación na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

6º. En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

Sección 3ª. Dirección Xeral de Defensa do Monte

Artigo 11. Dirección Xeral de Defensa do Monte

1. Á Dirección Xeral de Defensa do Monte correspóndelle o exercicio das competencias inherentes ás medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais e a vixilancia de incumprimentos, así:

a) Coordinar todas as administracións públicas con competencias en materia de prevención de incendios, garantindo o cumprimento das respectivas obrigas legais.

b) Avaliar a distribución de competencias vixente e, de ser o caso, propoñer as modificacións que resulten precisas para o axeitado cumprimento das medidas necesarias.

c) Prestar colaboración e asesoramento estable aos concellos para o cumprimento das súas obrigas e homoxeneizar os procedementos e actuacións por eles desenvolvidos.

d) Asegurar o cumprimento das medidas de prevención contra os incendios forestais recollidas na lexislación vixente e tramitar os expedientes sancionadores derivados deses incumprimentos.

e) Planificar as medidas de prevención de incendios e o seu desenvolvemento, impulsando a realización das tarefas encomendadas ás administracións competentes.

f) Dirixir os equipos de vixilancia que se ocuparán de velar polo cumprimento das medidas de prevención de incendios forestais e, en especial, no que se refire ás obrigas relativas ás replantacións e ás distancias mínimas legalmente establecidas.

g) Desenvolver o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais dentro de cada Plan de ordenación dos recursos forestais de distrito.

h) Impulsar, comprobar e exixir a elaboración dos Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais.

i) Manter a orientación aos concellos de ámbito rural co fin de que leven a cabo tarefas de silvicultura, limpeza dos montes e outras tarefas de valorización forestal dentro das medidas de prevención dos incendios forestais.

j) Coordinar o programa de queimas controladas nos distritos forestais fóra do período de máximo risco a fin de reducir o combustible acumulado no monte, e en colaboración coas poboacións das zonas afectadas, e previa fixación polo miúdo das normas técnicas e funcionais para a súa realización.

k)Tramitar os procedementos de reintegro e de perda do dereito ao cobramento de subvencións.

l) Executar as sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes ditadas sobre as resolucións da súa competencia.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais, supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

2. A Dirección Xeral de Defensa do Monte conta, para o exercicio das súas competencias, cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Prevención.

b) Subdirección Xeral de Extinción.

c) O Servizo de Xestión de Fondos e Coordinación, que dependerá directamente da Dirección Xeral.

Artigo 12. Subdirección Xeral de Prevención

1. A Subdirección Xeral de Prevención exercerá as seguintes funcións:

a) A realización das actuacións encamiñadas á protección e á defensa dos montes contra os incendios forestais.

b) O exercicio das funcións de apoio ás administracións locais en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais.

c) A elaboración de estudos e análises de causalidade e de planificación preventiva.

d) A protección dos solos queimados.

e) O control das medidas normativas de carácter preventivo e a tramitación de expedientes sancionadores.

f) As medidas de divulgación en materia de defensa contra os incendios forestais.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Prevención contará co Servizo de Actuacións Preventivas.

O Servizo de Actuacións Preventivas exercerá as funcións de planificación preventiva e as accións subsidiarias e de elaboración dos informes sectoriais en materia urbanística e de planeamento municipal.

En particular, encargarase entre outras das funcións relativas á elaboración, tramitación e seguemento dos plans anuais de actuación; ás infraestruturas preventivas lineais; ao Plan de queimas controladas; ás subvencións preventivas e ás accións subsidiarias propias.

Artigo 13. Subdirección Xeral de Extinción

A Subdirección Xeral de Extinción exercerá as funcións encamiñadas á defensa dos montes contra os incendios forestais, así como a coordinación de medios na loita contra os incendios, e estrutúrase para o seu cumprimento nos seguintes servizos:

a) Servizo de Programación, que se ocupará da adquisición e da renovación de vehículos; o despregamento aéreo; o despregamento de maquinaria pesada; a rede de puntos de auga; a rede de vixilancia (postos e cámaras); a rede de comunicacións; a rede de puntos de encontro; a rede de bases aéreas e o rexistro de superficies queimadas.

b) Servizo de Coordinación de Medios, que tramitará o relativo aos gastos de extinción; os centros de coordinación; os equipamentos de protección individual; as Brigadas propias; a operativa das brigadas municipais; o Centro de Atención a Usuarios (CAU) de Incendios; a operativa de frota de camións de extinción propios; a operativa da frota de camións municipais; grupos de emerxencia supramunicipal (GES); a coordinación da seguridade e saúde e a colaboración na formación do persoal.

Artigo 14. Servizo de Xestión de Fondos e Coordinación

O Servizo de Xestión de Fondos e Coordinación desenvolverá como órgano de apoio á Dirección Xeral e en coordinación coa Secretaría Xeral Técnica as seguintes funcións:

1º. A coordinación e tramitación, dentro do ámbito de competencias da Dirección Xeral, de calquera instrumento xurídico relativo á xestión dos fondos asignados á prevención e á defensa de incendios.

2º. En particular, quedan atribuídas a este servizo as funcións relativas á coordinación e xestión dos convenios que se subscribiran coas administracións locais para o exercicio de actuacións relacionadas coa prevención, a extinción ou a emerxencia supramunicipal.

3º. Así como as contratacións públicas, as encargas e as ordes reguladoras das axudas competencia da Dirección Xeral.

Sección 4ª. Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

Artigo 15. Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal

1. Á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal correspóndelle o exercicio das competencias inherentes á política forestal, desenvolvendo as medidas relacionadas coa planificación, ordenación, fomento, mellora da produción e conservación dos recursos forestais. De tal xeito, como Administración ou órgano forestal, no ámbito das súas competencias, ten as seguintes funcións:

a) Impulsar a xestión forestal activa e multifuncional do monte galego, cumprindo cos criterios de sustentabilidade, mediante o fomento, segundo a lexislación vixente, da redacción dos instrumentos de planificación, de ordenación e de xestión forestal e o seu seguimento e control.

b) Fomentar a agrupación e o asociacionismo forestal e desenvolver a figura do silvicultor activo. Apoiar a xestión forestal sustentable e a silvicultura, para garantir a obtención das diferentes producións forestais en cantidade e calidade, co fin de fornecer a importancia da contribución do sector forestal galego á bioeconomía e á xeración de emprego sustentable, dun xeito especial, no medio rural.

c) Velar polo coñecemento do medio forestal, baseado nunha información estatística actualizada, e promover a divulgación da cultura forestal.

d) Garantir que o aproveitamento dos recursos forestais cumpra coa lexislación vixente, a través de procedementos administrativos apoiados na Administración electrónica e na coordinación con outras administracións sectoriais, e facilitar deste xeito a mobilización, comercialización e transformación dos diferentes produtos forestais.

e) Desenvolver, dentro das súas competencias, as medidas que se consideren oportunas para garantir a protección dos bosques das ameazas bióticas e abióticas, empregando métodos de loita integrada contra as pragas e enfermidades e impulsar a silvicultura como ferramenta básica preventiva para mellora do estado fitosanitario das masas forestais.

f) Establecer medidas activas para a contribución dos bosques e das súas produccións forestais á mitigación do cambio climático e favorecer accións e medidas para mellorar a resiliencia dos bosques galegos.

g) Promover accións cara a un marco social cooperante coa xestión forestal sustentable que implique o recoñecemento da importancia do traballo dos propietarios e xestores forestais e a súa achega á conservación dos ecosistemas forestais.

h) Exercer o control e certificación de sementes, materiais forestais de reprodución e producións forestais. Favorecer a produción de materiais forestais de reprodución de categorías superiores e nas cantidades necesarias para obter produtos de alta calidade.

i) O Consello Forestal de Galicia.

j) Correspóndelle a tramitación dos procedementos de reintegro e de perda do dereito ao cobramento de subvencións.

k) Correspóndelle a execución de sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes recaídas sobre resolucións da súa competencia.

En relación coas actuacións comprendidas dentro destes ámbitos competenciais, supervisará e inspeccionará os proxectos de obras e a súa execución material, tanto nos supostos de adxudicación como nos de execución pola Administración.

2. A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal conta, para o exercicio das súas competencias, coa Subdirección Xeral de Recursos Forestais.

Artigo 16. Subdirección Xeral de Recursos Forestais

1. A Subdirección Xeral de Recursos Forestais exercerá as funcións relativas:

a) Á conservación e fomento dos recursos forestais.

b) Á sustentabilidade da xestión forestal e a xestión pública de montes.

c) Á regulación e ordenación dos aproveitamentos forestais.

d) Á relación coas comunidades propietarias de montes veciñais en man común, cos propietarios particulares e xestores forestais.

e) Ao fomento de fórmulas de agrupación e asociacionismo de propietarios/as forestais.

f) Ao sistema rexistral forestal de Galicia.

g) Ás accións tendentes á mellora e conservación da saúde e vitalidade dos bosques, e da súa resiliencia e resistencia ao cambio climático.

h) A mellora da produción forestal mediante a silvicultura activa.

i) A planificación e ordenación forestal, e a elaboración de informes sectoriais. O seguimento do Plan forestal de Galicia.

2. Para iso contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Saúde e Vitalidade do Monte, ao que lle corresponde a protección do medio forestal contra as ameazas bióticas e abióticas, a mellora e control do material forestal de reprodución, as incidencias do cambio climático nas masas forestais, o mantemento e control das redes de seguimento do estado fitosanitario, a conservación do acervo xenético forestal e a súa mellora en colaboración con outros departamentos da Administración que teñan competencias na materia.

b) Servizo de Fomento Forestal, ao cal lle corresponde a xestión das axudas de montes dirixidas á ordenación forestal, a certificación forestal, a silvicultura preventiva, a forestación, e cantas outras lle sexan encomendadas desde a Subdirección Xeral.

c) Servizo de Xestión Forestal, que se ocupa da xestión pública de montes e do Catálogo de montes de utilidade pública, dos aproveitamentos forestais públicos, da ordenación e da certificación forestal, da Mesa da Madeira, da restauración forestal e doutras actuacións ou usos que se realicen no monte.

d) Servizo da Propiedade Forestal, ao cal lle corresponde a relación coas comunidades de montes veciñais en man común, coas sociedades de fomento forestal e demais agrupacións de propietarios/as forestais, coas asociacións forestais, e tamén as funcións e desenvolvemento de accións que legal e regulamentariamente procedan en relación coa propiedade forestal. Levará, ademais, o sistema rexistral forestal de Galicia, todo o relacionado cos aproveitamentos forestais privados, a divulgación da cultura forestal e a colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria, en materia de formación forestal.

Sección 5ª. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

Artigo 17. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

1. Á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración, a proposta e o desenvolvemento das directrices de política agraria da Consellería en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, e executar, entre outras, as medidas de apoio ao sector lácteo e gandeiro de Galicia.

b) A protección e control da sanidade animal e vexetal, incluíndo a dirección das actuacións de prevención e loita contra os axentes nocivos, así como a definición dos medios de defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, incluídos os aproveitamentos de árbores e arbustos para froito, e dos procedementos relacionados coa seguridade alimentaria das producións primarias agrícolas e gandeiras.

c) Colaborar coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal na ordenación do pastoreo e o silvopastoreo orientado ás actividades de produción agroalimentaria e gandeira.

d) A formación, promoción e fomento do asociacionismo agrogandeiro.

e) A elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices da política agraria en materia de mellora da estrutura das explotacións agrarias.

f) A ordenación do sector agroindustrial e o fomento da súa actividade de transformación e o relativo á Mesa da Castaña creada ao abeiro do previsto na Orde do 2 de agosto de 2017 pola que se regula a súa organización, funcionamento e composición.

g) A tramitación dos procedementos de reintegro e de perda do dereito ao cobramento de subvencións.

h) A execución de sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes recaídas sobre resolucións da súa competencia.

2. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para o exercicio das súas funcións, contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Gandaría.

b) Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias.

c) Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias.

d) Subdirección Xeral Económica e de Dotación de Medios.

e) Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria.

f) Servizo de Análise e Informes.

Artigo 18. Subdirección Xeral de Gandaría

1. Á Subdirección Xeral de Gandaría correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Análise e planificación da execución e seguimento dos programas de prevención, loita, control, vixilancia e erradicación das enfermidades dos animais, epizootias e zoonoses, así como das alertas sanitarias animais, e outras medidas para o establecemento de garantías sanitarias e da rastrexabilidade das producións gandeiras.

b) Planificación e desenvolvemento das actividades relacionadas coa ordenación básica da produción gandeira en xeral.

c) Proposta de ordenación, fomento e control das condicións hixiénico-sanitarias dos medios de produción gandeiros e do benestar animal.

d) Planificación do control da seguridade alimentaria na produción primaria gandeira.

e) Planificación das actividades do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

f) Control da calidade e unidade de criterio do exercicio da función inspectora dos servizos veterinarios oficiais.

Exclúense en relación con estas materias todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección estrutúrase nos seguintes servizos:

a) Servizo de Sanidade Animal, que se encargará das seguintes materias:

1º. Execución e seguimento dos programas de prevención, loita, control, vixilancia e erradicación das enfermidades animais, epizootias e zoonoses, e da xestión das alertas sanitarias dos animais.

2º. Identificación e rexistro dos animais, o rexistro das explotacións gandeiras e dos vehículos de transporte dos animais vivos, o movemento pecuario, e o control sanitario e inspección dos medios de produción gandeiros e outras medidas sanitarias semellantes.

3º. Xestión das axudas e indemnizacións, cando procedan, relacionadas cos citados programas sanitarios.

Exclúense en relación con estas materias, cando proceda, todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

b) Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, ao cal lle corresponderán as seguintes funcións:

1º. Desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación, fomento e control da produción gandeira.

2º. Organización e control dos programas relacionados co benestar animal.

3º. Control da rastrexabilidade do leite cru.

4º. Planificación dos programas de mellora xenética do gando, a organización e control das condicións sanitarias e zootécnicas aplicables ao material reprodutivo animal e o desenvolvemento e control das actuacións de apoio á conservación, uso e desenvolvemento sustentable dos recursos xenéticos na gandaría.

Exclúense en relación con estas materias, cando proceda, todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

c) Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

1º. As actuacións necesarias para garantir a seguridade alimentaria das producións primarias gandeiras.

2º. O establecemento e control das condicións sanitarias aplicables ás empresas e operadores no sector da alimentación animal, incluídos os subprodutos animais non destinados ao consumo humano (SANDACH) destinados á alimentación animal, o seu rexistro e/ou autorización e o control do emprego neste sector, incluída a alimentación dos animais de granxa, de determinadas substancias e os seus residuos, así como a presenza de substancias contaminantes ou indesexables.

3º. O control oficial dos medicamentos veterinarios en operadores e establecementos distribuidores e retallistas, excepto oficinas de farmacia, e veterinarios en exercicio clínico, así como o seu emprego.

4º. O control oficial dos SANDACH con usos distintos da fertilización, a proposta de autorización e control oficial das plantas de almacenamento, transformación, eliminación e uso destes subprodutos que sexan competencia da Consellería do Medio Rural, así como a xestión do rexistro de operadores, establecementos e usuarios específicos SANDACH.

5º. O Control oficial da hixiene da produción primaria nas explotacións gandeiras comprendendo os ámbitos da hixiene xeral da explotación e operacións conexas de obtención e almacenamento das súas producións, da alimentación animal, do uso do medicamentos veterinarios, da xestión dos SANDACH xerados na explotación, e do mantemento dos rexistros pertinentes.

6º. A execución dos programas de control e mellora da calidade do leite cru nas explotación gandeiras.

Exclúense en relación con estas materias, cando proceda, todas as funcións correspondentes aos animais acuáticos de calquera tipo e aos establecementos de acuicultura.

d) Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, con nivel orgánico de servizo, ao cal corresponderá a realización de análises e estudos de investigación en relación coa sanidade e hixiene dos animais, as producións gandeiras e os medios de produción gandeiros; a coordinación das actuacións realizadas polos laboratorios de sanidade animal de Mabegondo (A Coruña) e Salcedo (Pontevedra), integrados nun sistema da calidade único; e o control daqueles laboratorios privados recoñecidos pola consellería e dedicados ás materias sinaladas.

e) Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con nivel orgánico de servizo, ao cal lle corresponde a elaboración e o desenvolvemento dos programas de conservación e fomento de todas as razas autóctonas galegas en perigo de extinción.

Artigo 19. Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias

1. A Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias, coas funcións de execución das accións tendentes á mellora das explotacións agrarias e das accións referentes aos sistemas de produción agraria sustentable e de conservación do medio rural, así como a xestión dos rexistros de explotacións. Ademais, realizará a programación e a planificación das actuacións de prevención e loita contra os axentes nocivos, así como a definición dos medios de defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, incluídos os aproveitamentos de árbores e arbustos para froito, especialmente da castaña, a través da Mesa da castaña creada pola Orde do 2 de agosto de 2017, das actividades para o control da produción e comercialización de sementes, plantas de viveiro e material vexetal en xeral, e das actividades relacionadas coa ordenación, fomento e control dos medios de produción agrícolas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Explotacións e Asociacionismo Agrario, ao cal lle corresponderán as funcións relativas á:

1º. Mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias.

2º. Xestión do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

3º. Xestión dos servizos de asesoramento, xestión e substitución ás explotacións, e o rexistro das entidades de aconsellamento.

4º. Promoción e fomento das cooperativas agrarias en Galicia, tendentes ao seu redimensionamento.

5º. Xestión dos programas relativos ao cooperativismo agrario, tramitación e rexistro das sociedades agrarias de transformación.

6º. Xestión dos programas de formación e promoción das asociacións agrogandeiras.

b) Servizo de Sanidade e Produción Vexetal, coas funcións de:

1º. Desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación produtiva de cultivos e aproveitamentos.

2º. Xestión, control e inspección dos medios de produción agrícolas e os seus rexistros.

3º. As actividades necesarias para o control e inspección da produción e comercialización de sementes e plantas de viveiro de calidade.

4º. Fomento, programación e desenvolvemento de sistemas produtivos agrícolas respectuosos co ambiente e da xestión integrada de pragas e a produción integrada.

5º. Análise da planificación, organización, dirección, inspección e execución das accións relacionadas coa prevención e loita contra os axentes nocivos, así como a definición dos medios de defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, incluídos os aproveitamentos de árbores e arbustos para froito.

6º. Xestión e control dos medios de defensa sanitarios dos vexetais.

7º. Mantemento dos rexistros da consellería en materia de sanidade vexetal.

8º. Supervisión e coordinación das agrupacións de defensa en materia fitosanitaria, así como dos avisos fitosanitarios.

9º. A aplicación da normativa de utilización de lodos de depuradora no sector agrario, e o control oficial dos subprodutos de orixe animal non destinados ao consumo humano (SANDACH) xerados nas explotacións gandeiras destinados á fertilización, así como os plans de xestión de xurro, para a consecución dunha agricultura compatible co ambiente e a saúde das persoas consumidoras.

Artigo 20. Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias

1. Á Subdirección xeral de Industrias Agroalimentarias compételle a ordenación e o fomento do sector agroindustrial en relación coas atribucións que lle correponden á Consellería do Medio Rural nesta materia.

2. Para o desenvolvemento das funcións ás que se refire o número anterior, a dita subdirección conta cos seguintes servizos:

a) Servizo de Industrialización e Comercialización, que exercerá as actuacións de fomento da actividade de transformación e comercialización das producións agrarias e agroalimentarias.

b) Servizo de Control da Calidade Alimentaria, que desenvolverá as actuacións en materia de defensa contra as fraudes na calidade alimentaria, así como as relativas á coordinación dos traballos do persoal que realiza funcións de inspección nesta materia.

Artigo 21. Subdirección Xeral Económica e de Dotación de Medios

1. Á Subdirección Xeral Económica e de Dotación de Medios correspóndelle a adecuada planificación e optimización do financiamento das actuacións, plans e programas da Dirección Xeral, así como o seguimento da execución financeira de todos os programas da Dirección Xeral. Tamén xestionará a adquisición de todos os medios materiais que sexan necesarios na Dirección Xeral para levar a cabo os seus programas, así como a preparación dos convenios e contratos necesarios para a consecución dos citados programas.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, contará co Servizo de Dotación de Medios, encargado da elaboración, programación e avaliación dos plans e programas de actuación en materia de sanidade e produción agropecuaria. Encargarase da proposta da adquisición e loxística dos medios necesarios para a realización dos ditos plans e programas, tanto no referente a traballos de campo como ao diagnóstico de laboratorio. Tamén se encargará da elaboración dos convenios, contratos e encomendas correspondentes á Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Artigo 22. Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria

O Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria que, dependendo directamente da Dirección Xeral para garantir a súa independencia sobre as unidades que se deberán auditar, exercerá as funcións previstas no artigo 4.6 do Regulamento (CE) 882/2004, do 29 de abril de 2004, sobre os controis oficiais efectuados para garantir a verificación do cumprimento da lexislación en materia de pensos e alimentos e a normativa sobre saúde animal e benestar dos animais.

Artigo 23. Servizo de Análise e Informes

O Servizo de Análise e Informes, con dependencia directa da Dirección Xeral, exercerá as funcións de análise de toda a información recibida na Dirección Xeral, e da elaboración dos correspondentes informes en materia de agricultura, gandaría e industrias agroalimentarias. Tamén exercerá a coordinación e o seguimento dos distintos plans e programas de actuación da Dirección Xeral.

Sección 6ª. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

Artigo 24. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural

1. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural é un órgano de dirección ao cal lle corresponde:

a) A elaboración, proposta e desenvolvemento das actuacións de fomento do desenvolvemento socioeconómico do territorio rural galego, da dinamización das áreas rurais de Galicia, da formulación de iniciativas e programas de desenvolvemento das zonas rurais e da execución das accións que contribúan á diversificación económica no medio rural.

b) A coordinación e xestión do Plan de desenvolvemento comarcal e a proposta de configuración das distintas comarcas nas cales se divide o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices da política agraria en materia de mellora e modernización das infraestruturas rurais e do medio rural, mobilidade de terras con vocación agraria e xestión de zonas regables, todo iso sen prexuízo das funcións atribuídas pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

d) A tramitación dos procedementos de reintegro e de perda do dereito ao cobramento de subvencións.

e) A execución de sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes recaídas sobre resolucións da súa competencia.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, para o exercicio das súas funcións, contará coa Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias.

Artigo 25. Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias

1. A Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias, responsabilizarase de cantas accións teñan como obxectivo directo a mellora da calidade de vida das zonas rurais, desenvolvendo as dotacións de equipamentos públicos básicos e de infraestrutura, sen prexuízo das competencias doutros departamentos da Xunta de Galicia, así como das actuacións en materia de modernización e creación de regadíos, así como todos os asuntos referentes á reforma das estruturas agrarias e á preparación, execución e vixilancia dos seus correspondentes plans e programas de reforma das estruturas.

2. Para o desenvolvemento desas funcións contará cos seguintes servizos:

a) Servizo de Seguimento e Supervisión de Proxectos, que exercerá o estudo da planificación, a supervisión, coordinación, control da execución e seguimento das obras de todos os proxectos de obras e servizos técnicos da Dirección Xeral e doutros centros directivos e departamentos cando así llo encomende a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como as súas modificacións e a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras na materia. Poderá tamén redactar ou colaborar na redacción dos proxectos das obras.

b) Servizo de Reforma das Estruturas, que desenvolverá as funcións relativas á mellora das estruturas rurais, arrendamentos rústicos e as demais actuacións para reorganizar a base territorial das explotacións agrarias e todas as accións materiais relacionadas coa modificación das estruturas.

c) Servizo de Apoio Xurídico-Administrativo de Estruturas e Infraestruturas, que levará a cabo as funcións xurídico-administrativas de estudo, informe e elaboración das propostas de resolución no ámbito competencial da Dirección Xeral, en materia de infraestruturas agrarias e reforma das estruturas, e a coordinación nestas materias coa Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e os servizos de Infraestruturas Agrarias das Xefaturas Territoriais, e especialmente corresponderalle a elaboración das propostas de resolución dos recursos de alzada e reposición nas devanditas materias e cantas outras cuestións lle sexan encomendadas pola Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias en materias propias desta.

CAPÍTULO III

Órganos periféricos

Artigo 26. Xefaturas territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería do Medio Rural organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial das delegacións territoriais en que se integren, agás a Xefatura Territorial de Pontevedra que desenvolverá tamén as súas funcións no ámbito territorial de toda a provincia, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada xefatura territorial existirá un/unha xefe/a territorial do/a cal dependerán organicamente todos os servizos e as unidades administrativas da consellería que radiquen no ámbito territorial mencionado. As súas funcións serán as relativas ao réxime interior, a tramitación administrativa, a xestión de persoal e a tramitación das incidencias relativas ao parque móbil da xefatura, o inventario de bens mobles e inmobles adscritos, a información ao público, o control contable e a xustificación dos créditos que se lle asignen, así como a elaboración de estatísticas.

3. Para o cumprimento das súas funcións, as xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán cos seguintes servizos:

a) Servizo Xurídico-Administrativo, coas funcións de instrución dos expedientes sancionadores que deban tramitarse como consecuencia de infraccións administrativas en materia competencia da consellería e elevar a resolución ao xefe ou xefa territorial naqueles supostos en que a normativa vixente lle atribúa a facultade de resolver; a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial nos casos en que proceda; o impulso, tramitación e participación nas fases dos procedementos de mellora das estruturas que así o requiran; a elaboración de informes sobre os actos administrativos emanados da xefatura territorial; a execución de sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes recaídas sobre resolucións da súa competencia; e, en xeral, a tramitación de todos aqueles asuntos que por razón da súa competencia lle sexan encargados polo xefe ou xefa territorial.

b) Servizo de Explotacións Agrarias, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e tamén lle corresponderá a coordinación das actuacións dos servizos agrarios da estrutura de área e comarcal.

c) Servizo de Infraestruturas Agrarias, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Infraestruturas Agrarias da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

d) Servizo de Gandaría, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Gandaría da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Así mesmo, corresponderalle a coordinación das actuacións dos servizos técnicos veterinarios da estrutura de área e comarcal.

e) Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

f) Servizo de Montes, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións en materia de xestión de montes da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

g) Servizo de Prevención de Incendios Forestais, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións en materia de prevención e defensa do monte que correspondan á Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Artigo 27. Oficinas agrarias comarcais

As oficinas agrarias comarcais, integradas na estrutura territorial da consellería a través das respectivas xefaturas territoriais, dependerán organicamente do xefe ou xefa territorial e terán como funcións a execución, no seu ámbito territorial, das actuacións da consellería en materia agraria, así como a de prestar apoio técnico e administrativo aos organismos e entes adscritos a ela, sen prexuízo do establecido no artigo 26.3.b) e d).

Artigo 28. Distritos forestais

Os distritos forestais, integrados na estrutura territorial da consellería a través das respectivas xefaturas territoriais, dependerán organicamente da xefa ou xefe territorial e funcionalmente das Direccións Xerais de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal, e exercerán, no ámbito territorial do distrito forestal, as funcións en materia de xestión de montes e de prevención, defensa e extinción de incendios forestais.

CAPÍTULO IV

Órganos colexiados

Artigo 29. Órganos colexiados

1. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os xurados provinciais de montes veciñais en man común. A presidencia dos xurados será asumida polas respectivas xefas ou xefes territoriais e as secretarías por funcionarios/as designados/as polas persoas titulares da presidencia.

2. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os comités territoriais de montes. A presidencia dos devanditos comités será asumida polos/as respectivos/as xefes ou xefas territoriais da Consellería do Medio Rural e as secretarías por funcionarios/as designados/as polas persoas titulares da presidencia.

3. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello Forestal de Galicia, de conformidade coas funcións e composición establecidas no Decreto 306/2004, do 2 de decembro, polo que se crea o Consello Forestal de Galicia.

4. Adscríbese á Consellería do Medio Rural o Consello Agrario Galego, de conformidade coas funcións e composición establecidas na Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego.

5. Adscríbese á Consellería do Medio Rural a Mesa da Castaña, de conformidade coas funcións e composición establecidas na Orde do 2 de agosto de 2017 pola que se crea e regula o seu funcionamento e composición, modificada pola disposición derradeira segunda deste decreto.

6. Adscríbese á Consellería do Medio Rural a Mesa da Madeira, de conformidade coas funcións e composición establecidas na Orde do 2 de agosto de 2017 pola que se crea e regula o seu funcionamento e composición.

Disposición adicional primeira. Modificación do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das Consellerías da Xunta de Galicia

Modifícase o artigo 9 do Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das Consellerías da Xunta de Galicia, que queda do seguinte xeito:

a) A Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos de dirección:

1. Secretaría Xeral Técnica.

2. Dirección Xeral de Defensa do Monte.

3. Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

4. Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

5. Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

b) Quedan adscritos a esta consellería:

1. O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

2. O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. O ente público Axencia Galega de Calidade Alimentaria.

Disposición adicional segunda. Xefaturas territoriais

1. As funcións e competencias atribuídas por outras normas ás extintas delegacións provinciais competentes en materia de agricultura, gandaría e montes e non previstas neste decreto, enténdense atribuídas aos xefes ou xefas territoriais da consellería.

2. Corresponderá aos xefes territoriais a adxudicación dos alleamentos dos aproveitamentos forestais, regulados no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde da Consellería de Medio Ambiente do 8 de setembro de 1998 que o desenvolve.

Disposición adicional terceira. Designación de cargos compatibles

De conformidade co previsto no artigo 40.1.a) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas titulares dos órganos sinalados no artigo 2 deste decreto poderán ser designadas, por razón do seu cargo, persoas directoras ou cargos asimilados nas entidades instrumentais adscritas a esta consellería, e percibirán unicamente as retribucións correspondentes ao seu cargo como titular do órgano da consellería, e sen prexuízo das axudas de custo por asistencias e gastos debidamente xustificados, agás as excepcións previstas na normativa de aplicación ás entidades instrumentais.

Disposición adicional cuarta. Medidas ou axudas financiadas con cargo a fondos agrarios europeos

Aqueles centros directivos das distintas consellerías e entidades instrumentais dependentes, aos cales se lles asigne a competencia para a xestión de medidas ou axudas cuxo financiamento sexa total ou parcialmente con cargo aos fondos agrarios europeos, instrumentarán coa dirección do organismo pagador as resolucións conxuntas a que se refire o último parágrafo do artigo 1.2 do Decreto 155/2006, do 7 de setembro, polo que se establece o réxime do organismo pagador dos fondos europeos agrarios en Galicia.

Disposición adicional quinta. Igualdade entre homes e mulleres

1. Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería do Medio Rural, así como dos/das titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector publico autonómico pertencentes ao seu ámbito competencial, procurarase acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.

2. No exercicio das funcións a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición transitoria primeira. Readscrición de persoal que ocupe postos de subdirección xeral e xefatura de servizo

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase á persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para readscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Readscrición de unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo

Nos casos de supresión das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, as unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos regulados no presente decreto, en función das atribucións que estes teñen asignadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos

Un. Modifícase a letra c), do número un do artigo 14 do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, que quedarán redactados como segue:

c) Nove vogais, nomeados/as pola persoa titular da consellería de adscrición, de acordo coa seguinte distribución:

1º. Unha persoa representante da consellería competente en materia de facenda, por proposta da persoa titular desta, de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

2º. Catro persoas representantes da consellería de adscrición, de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección con competencias en industrias agroalimentarias, produción agropecuaria, produción forestal e desenvolvemento rural.

3º. Catro persoas de entre os órganos da Axencia, con rango mínimo de xefatura de servizo, con competencias en investigación agraria, en formación agraria, e en calidade alimentaria.

Dous. Modifícase o número dous do artigo 20 do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, e engádese unha letra g), que quedarán redactado como segue:

Artigo 20

2. O Consello Asesor da Dirección estará composto por:

a) A persoa titular do Departamento de Coordinación Administrativa da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

b) As persoas titulares das Áreas de Formación, Innovación e Investigación Agraria e da Área de Calidade Alimentaria.

c) As persoas titulares das xefaturas dos departamentos de Investigación e Transferencia, de Formación, de Promoción da Calidade Alimentaria, e de Protección da Calidade Diferencial.

d) A persoa titular da Dirección-Xerencia da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CTC).

e) A persoa titular da subdirección xeral con competencias en industrias agroalimentarias.

f) Unha persoa en representación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, con nivel mínimo de xefatura de servizo.

g) Dez persoas do sector da calidade diferenciada coa seguinte distribución:

– Dúas persoas propostas de común acordo de entre os consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do sector vitivinícola.

– Unha persoa proposta de común acordo de entre os consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas do sector de augardentes e licores tradicionais.

– Unha persona proposta de común acordo de entre os consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas do sector cárnico.

– Unha persona proposta de común acordo de entre os consellos reguladores das denominacións de orixe do sector do queixo.

– Unha persoa proposta de común acordo de entre os consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas do sector de producións vexetais.

– Unha persoa proposta de común acordo de entre os consellos reguladores das indicacións xeográficas protexidas do sector doutras producións.

– Unha persoa por proposta do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia.

– Dúas persoas de recoñecida experiencia no Sector da Calidade Diferencial designadas polo conselleiro con competencia en materia de agricultura.

Tres. Modifícase o artigo 22 do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, que quedará redactado como segue:

Artigo 22. Estrutura administrativa

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, para o exercicio das súas competencias, contará coas seguinte áreas con nivel orgánico de subdirección: a Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria e a Área de Calidade Alimentaria.

Así como cos órganos administrativos seguintes que teñen nivel orgánico de servizo:

a) Departamento de Coordinación Administrativa

b) Departamento de Investigación e Transferencia.

c) Departamento de Formación.

d) Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

e) Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

f) Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.

g) Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia.

h) Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria.

i) Departamento de Protección da Calidade Diferenciada.

Catro. Modifícase o artigo 23 do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, que quedará redactado como segue:

Artigo 23. Departamento de Coordinación Administrativa

Para o desenvolvemento das funcións da Axencia, contará co Departamento de Coordinación Administrativa, órgano con nivel equivalente a servizo e con dependencia xerárquica da Dirección, que terá as seguintes funcións:

a) Coordinar os órganos e as unidades da entidade, ditar as disposicións, as instrucións e as circulares de funcionamento e comunicación entre os distintos órganos desta.

b) Supervisión dos procedementos de xestión da entidade

c) As funcións relativas aos recursos humanos, incluída a xestión da relación de postos de traballo.

d) Xestionar os medios materiais adscritos o funcionamento da axencia.

e) A xestión económica financeira da entidade.

f) Elaborar o borrador do anteproxecto de orzamentos da axencia, e o seguimento, control e execución dos orzamentos.

g) Tramitar os expedientes de contratación da entidade.

h) Elaborar o plan de acción anual sobre a base dos recursos dispoñibles e de acordo co contrato plurianual.

i) Emitir os informes solicitados pola persoa titular da Dirección e, en especial, prestarlle asistencia, coordinar e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por esta.

Cinco. Modifícase o artigo 24 do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, que quedará redactado como segue:

Artigo 24. Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria

Correspóndenlle a Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria as funcións relacionadas coa formación e a transferencia de resultados das investigacións no eido agrario, posuíndo, entre outras as seguintes competencias:

a) Programar a formación agraria, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, tanto das persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras como das súas asociacións e agrupacións, así como daquelas persoas que queiran acceder no futuro á titularidade ou xerencia de calquera explotación agraria ou forestal.

b) Coordinar os centros de formación e experimentación agraria.

c) Cumprimento das boas prácticas agrarias.

d) Garantir a mellora xenética e sanidade agrícola, gandeira e forestal.

e) Facilitar a transferencia e a adopción dos resultados obtidos nas investigacións, publicando e divulgando os resultados dos ensaios e proxectos de experimentación.

f) Dirección e elaboración das estatísticas en materia agraria en coordinación co Instituto Galego de Estatística.

Para o desenvolvemento das funcións a Área de Formación, Innovación e Investigación Agraria, órgano con nivel equivalente ao de subdirección xeral e con dependencia da Dirección, se estrutura nos seguintes departamentos:

– Departamento de Investigación e Transferencia.

– Departamento de Formación.

Seis. Modifícase o artigo 25 do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, que quedará redactado como segue:

Artigo 25. Departamento de Investigación e Transferencia

O Departamento de Investigación e Transferencia asume as seguintes funcións:

a) Propiciar e facilitar a transferencia e a adopción dos resultados obtidos nas investigacións publicando e divulgando os resultados dos ensaios e proxectos de experimentación.

b) Dirección e elaboración das estatísticas en materia agraria en coordinación co Instituto Galego de Estatística.

c) Promover ou participar directamente nas operacións concretas de desenvolvemento nas cales se dean as circunstancias de interese territorial ou estratéxico, insuficiente participación dos axentes socioeconómicos e a necesidade de estruturar ou reestruturar un ámbito produtivo vinculado ao sector alimentario e que lle sexan encomendadas.

d) Poñer en valor as distintas actuacións tecnolóxicas e investidoras incluídas nos puntos anteriores ou as que deriven do acervo de coñecementos da Axencia, mediante as fórmulas adecuadas de divulgación ou comercialización, así como as de participación e implicación dos distintos subsectores nas actuacións propias.

Igualmente, é a unidade responsable de determinar e canalizar as demandas científico-técnicas e analíticas do sector agrario e alimentario de Galicia:

– Impulsar as actividades de I+D+I nos sectores agrarios e alimentario de Galicia.

– Asesorar a consellería con competencias en materia de medio rural nas funcións de coordinación da investigación en materia agraria.

– Promover e executar os traballos de investigación nas materias agrícolas, gandeiras e forestais, respecto das actividades de produción e transformación.

– Cumprimento das boas prácticas agrarias.

– Garantir a mellora xenética e sanidade agrícola, gandeira e forestal.

– Investigar a presenza de residuos de produtos fitosanitarios en alimentos, bebidas en alimentación animal.

– Diagnosticar enfermidades e a presenza de pragas nos cultivos herbáceos, leñosos e forestais.

– Realizar análises no ámbito da sanidade vexetal.

– Emitir certificados de exportación de bebidas e tamén realizar informes e recomendacións que teñan que ver coas análises realizadas.

Sete. Modifícase o artigo 26 do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, que quedará redactado como segue:

Artigo 26. Departamento de Formación

O Departamento de Formación, asume as seguintes funcións:

a) Desenvolver, mediante as fórmulas adecuadas de divulgación, as distintas actuacións tecnolóxicas e investigadoras dos Centros de investigación propios da Axencia.

b) Programar a formación agraria, nos seus aspectos de ensinanzas regradas e non regradas, tanto das persoas agricultoras, gandeiras e silvicultoras como das súas asociacións e agrupacións, así como daquelas persoas que queiran acceder no futuro á titularidade ou xerencia de calquera explotación agraria ou forestal.

c) Coordinar os centros de formación e experimentación agraria.

d) Coordinar e facer o seguimento dos cursos de formación realizados no ámbito agrario.

e) Realizar aquelas funcións que, no ámbito das súas competencias en materia de formación, lle atribúa a persoa titular da área.

f) Formación do persoal dependente da consellería competente en materia agraria respecto das súas funcións técnicas.

g) A coordinación dos seguintes centros de formación e experimentación agraria integrados orgánica e funcionalmente na Axencia:

1º. Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias.

2º. Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo.

3º. Centro de Formación e Experimentación Agraria de Lourizán.

4º. Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos.

5º. Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude.

6º. Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá.

Oito. Modifícase o artigo 31 do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, que quedará redactado como segue:

Artigo 31. Área de Calidade Alimentaria

Correspóndenlle a Área de Calidade Alimentaria as funcións relacionadas co fomento e a posta en valor da calidade diferencial, entendida esta, como a que se atribúe a produtos que cumpren requisitos de calidade establecidos en normas públicas voluntarias, con esixencias superiores ás legalmente exixidas con carácter xeral. Incluiríanse baixo esta consideración as denominacións de orixe, as indicacións xeográficas protexidas, a agricultura ecolóxica e a artesanía alimentaria.

Deste xeito, son competencias desta área as seguintes:

a) A execución de accións destinadas á promoción do consumo dos produtos de calidade diferenciada e xestión das liñas de axuda que se establezan con ese fin ou co obxecto de fomentar a produción destes.

b) O apoio á xestión e supervisión da actividade dos consellos reguladores das diferentes figuras de calidade do sector agroalimentario recoñecidas na Comunidade Autónoma. En particular compételle a supervisión da actividade de certificación realizada polos consellos reguladores que teñan delegada esta tarefa.

c) A certificación daquelas denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas ou outras figuras de calidade que se lle encomenden.

d) A preparación da documentación necesaria para a tramitación do rexistro de novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas así como a relativa á modificación da normativa reguladora das existentes.

Nove. Engádese o artigo 31 bis ao Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, que quedará redactado como segue:

Artigo 31 bis. Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria

Correspóndelle ao Departamento de Promoción da Calidade Alimentaria as seguintes funcións:

a) O fomento da produción e o consumo dos produtos agroalimentarios acollidos a algunha das figuras de calidade diferenciada, tanto mediante accións directas de promoción como a través da xestión de axudas para apoiar as actividades promocionais realizadas polos consellos reguladores ou outros axentes sectoriais.

b) O apoio á actividade dos consellos reguladores a través das diferentes liñas de axuda que se establezan.

c) Elaborar as propostas de normas técnicas para cada un dos sectores da artesanía alimentaria.

d) A recompilación e análise da información estatística relacionada coa actividade produtiva das diferentes denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e outras figuras de calidade diferenciada e a elaboración de informes relacionados con estas producións.

e) O control da actividade dos consellos reguladores, en particular, informar sobre os recursos de alzada que se presenten en relación coas decisións dos seus órganos de goberno e supervisar as súas memorias anuais e os seus orzamentos.

f) Prestar apoio á actividade do Consello Galego da Artesanía Alimentaria.

g) A realización das actuacións que sexan competencia da Consellería do Medio Rural en relación cos procesos electorais para a renovación dos órganos de goberno dos consellos reguladores.

h) A identificación de novas denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas, o apoio aos sectores interesados nos traballos de preparación da documentación precisa para a tramitación da súa inscrición no rexistro, así como os correspondentes á modificación das normas reguladoras das xa rexistradas.

Dez. Engádese o artigo 31 ter ao Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, que quedará redactado como segue:

Artigo 31 ter. Departamento de Protección da Calidade Diferenciada

O Departamento de Protección da Calidade Diferenciada ten as seguintes funcións:

a) Realizar os traballos encamiñados á certificación dos produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica ou outras figuras de calidade diferenciada cuxo control se lle encargue á Agacal; así como, realizar os traballos necesarios para outorgar as cartas de artesá ou artesán alimentaria/o.

b) Realizar as tarefas relacionadas coa supervisión das entidades de certificación de denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas, especialidades tradicionais garantidas, que teñan delegada a función de control do cumprimento do correspondente prego de condicións.

c) Executar os programas de control oficial relacionados coa comprobación dos requisitos que deben cumprir, antes da súa comercialización, os produtos con denominación de orixe, indicación xeográfica ou especialidades tradicionais garantidas e aqueles que conten coa certificación da produción ecolóxica.

d) Realizar o control e a certificación dos operadores que pretendan comercializar produtos baixo a marca Artesanía Alimentariaa.

e) Xestionar o Rexistro da Artesanía Alimentaria.

f) Elaborar a memoria anual da actividade artesanal alimentaria e os informes que procedan.

g) Prestar apoio á xestión administrativa dos consellos reguladores.

Disposición derradeira segunda. Modificación da Orde do 2 de agosto de 2017 pola que se crea a Mesa da Castaña e se regula a súa organización, funcionamento e composición

A Orde do 2 de agosto de 2017 pola que se crea a Mesa da Castaña e se regula a súa organización, funcionamento e composición, queda modificada como segue:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 2, que queda coa seguinte redacción:

2. A Mesa da Castaña intégrase na consellería competente en materia de agricultura e industrias agroalimentarias, aínda que sen participar na súa estrutura xerárquica.

Dous. Modifícase o número 3 do artigo 4, que queda coa seguinte redacción:

3. A presidencia nomeará, entre o persoal funcionario da dirección xeral competente en materia de agricultura e industrias agroalimentarias á que se adscriba a Mesa da Castaña, unha persoa titular da secretaría, que a exercerá con voz e sen voto.

Tres. Modifícase o número 1 do artigo 5, que queda coa seguinte redacción:

1. A presidencia da Mesa da Castaña corresponde á persoa titular da dirección xeral competente en materia de agricultura e industrias agroalimentarias.

Catro. Modifícase o número 3 do artigo 8, que queda coa seguinte redacción:

3. No caso de ausencia, vacante, enfermidade ou outras causas que imposibiliten a súa asistencia, a persoa titular da secretaría será substituída por unha persoa que teña a condición de persoal funcionario da dirección xeral competente en materia de agricultura e industrias agroalimentarias á que se adscriba a Mesa da Castaña, designada pola presidencia da Mesa da Castaña.

Disposición derradeira terceira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil dezaoito

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural