Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 18 de decembro de 2018 Páx. 52818

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2018, do Servizo Provincial de Pontevedra, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación, polo trámite de urxencia, para a expropiación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-549, treito Tarrío-Cores (p.q. 6+200-7+200), no concello de Vilanova de Arousa, clave PO/16/101.06.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma de Galicia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data 12 de setembro de 2018 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na PO-549, treito Tarrío-Cores (p.q. 6+200-7+200), no concello de Vilanova de Arousa, clave PO/16/101.06.

Con data 27 de setembro de 2018 a Xunta de Galicia, procedeu á declaración da utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para os efectos de expropiación para a mencionada obra polo Decreto 129/2018, publicado no DOG núm. 199, do 18 de outubro.

Na súa virtude e en cumprimento do disposto no artigo 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e os artigos 56 e seguintes do regulamento para a súa aplicación, este servizo, no uso das facultades que lle confire o artigo 98 da mencionada lei, resolve convocar os titulares de bens e dereitos afectados para que comparezan no lugar, na data e na hora que se citan, para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os bens e dereitos afectados, e os prexuízos derivados da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Concello de Vilanova de Arousa.

Local: Casa da Cultura de San Miguel de Deiro.

Data: 5 de febreiro de 2019, das 9.00 ás 13.00 horas, desde o A ata Morgade Paz, Joaquín.

Data: 6 de febreiro de 2019, das 9.00 ás 13.00 horas, desde Morgade Paz, Juventino ata o Z.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como os planos parcelarios correspondentes estarán expostos no Concello de Vilanova de Arousa e no Servizo da Delegación Provincial de Pontevedra da Axencia Galega de Infraestruturas, avenida Mª Victoria Moreno, nº 43-1º, 36003 Pontevedra.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados, persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, achegando os documentos acreditativos da súa titularidade, DNI e último recibo da contribución, así como certificado de conta bancaria con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria e poden acompañarse, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e dun notario.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido nos artigos 17, 18 e 19 da Lei de expropiación forzosa e do 56 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, ábrese información pública durante o prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución e ata o momento do levantamento das actas previas á ocupación correspondente, co fin de que os interesados poidan formular por escrito, ante este Servizo da Delegación Provincial de Pontevedra, as alegacións que consideren pertinentes para os efectos previstos na regulación referida.

Consonte establece o artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado servirá como notificación aos posibles interesados que non puidesen ser identificados, aos titulares de bens e dereitos que sexan descoñecidos, a aqueles dos que se ignore o seu domicilio, ou ben a quen intentada a súa notificación, non se puidese practicar.

Pontevedra, 3 de decembro de 2018

Fausto Núñez Vilar
Xefe do Servizo Provincial de Pontevedra