Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Martes, 18 de decembro de 2018 Páx. 52730

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para a selección de proxectos de hubs de innovación dixital que contribúan ao avance da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3).

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e da innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de tecnoloxías e programas de innovación eficientes.

A Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia e supedita as prioridades de investimento a tres retos. Cada un destes retos ten asociadas unha serie de prioridades e liñas de acción específicas, aliñadas cos obxectivos e principais programas de innovación nacionais e europeos, entre os cales cabe destacar as respectivas axendas dixitais e o programa H2020.

A especialización intelixente está abrindo novas oportunidades para a cooperación interrexional arredor das prioridades comúns das diferentes rexións, polo que é necesario avanzar na especialización e dotar ás RIS3 de novas ferramentas que as fagan máis eficaces e poder gañar competitividade nun contexto internacional.

En abril de 2016 a Comisión Europea puxo en marcha a Iniciativa europea de dixitalización industrial como parte da Estratexia do mercado único dixital. O seu obxectivo, potenciar a dixitalización da economía europea para desbloquear todo o potencial da cuarta revolución industrial e reforzar a competitividade da Unión Europea.

Aproveitando e complementando as diversas iniciativas nacionais lanzadas para dixitalizar a industria, as accións desta iniciativa estrutúranse ao redor de cinco alicerces principais. Un destes alicerces está centrado nos hubs de innovación dixital como ferramenta para lograr que as innovacións dixitais cheguen a todas as empresas, especialmente pemes, a través do apoio a unha rede sólida de DIH para garantir que todas as empresas en Europa poidan aproveitar as oportunidades dixitais.

Considerando este contexto, o novo Plan Galicia innova 2020, a través do cal se afonda no avance da RIS3 Galicia, aposta por un modelo de innovación máis colaborativo sendo a dinamización dos hubs de innovación dixital (DIHs) o principal instrumento para o seu desenvolvemento. Este modelo defínese de xeito coherente e coordinado coas orientacións en materia de dixitalización e especialización intelixente da Comisión Europea.

Os hubs permiten agrupar, cohesionar e especializar os axentes do ecosistema de I+D+i nos ámbitos estratéxicos para Galicia, de acordo coa RIS3, a través da xeración de dinámicas de colaboración público-privada abertas, intelixentes e áxiles. Son estruturas funcionais de soporte que permiten aliñar máis eficientemente o coñecemento coas necesidades do tecido empresarial e os mercados facilitando á industria, especialmente ás pemes, o acceso a diferentes servizos de innovación que permiten unha axeitada integración de tecnoloxías emerxentes na súa estratexia de negocio.

O enfoque tecnolóxico dos hubs de innovación dixital debe cubrir de xeito prioritario tecnoloxías que presenten un potencial importante para a industria, pero cunha taxa de penetración limitada, debendo, ademais, estar conectados á Rede europea de hubs de innovación dixital co obxectivo de compartir a estratexia de dixitalización que transforma a industria das rexións europeas.

Tendo en conta esta prioridade do Plan Galicia innova 2020 de ir avanzando cara a modelos de hubs de innovación co fin de que poidan estar en pleno funcionamento a partir de 2020, a Axencia Galega de Innovación, organismo que ten a competencia para desenvolver en Galicia instrumentos capaces de estimular e apoiar iniciativas e procesos de colaboración entre os principais axentes de creación e transferencia de coñecemento para promover ámbitos de excelencia (artigo 9 do Decreto 50/2012), publicou o pasado 17 de agosto un anuncio para recoller manifestacións de interese. A súa finalidade, recompilar información para articular a incorporación no Sistema galego de innovación, desde unha perspectiva bottom up, deste novo instrumento e definir os apoios públicos máis axeitados para o seu desenvolvemento.

Á vista das manifestacións de interese recibidas, é necesario afondar neste proceso:

– Definindo as bases para a selección de proxectos de hubs estratéxicos para Galicia.

– Convocando o proceso selectivo ao seu abeiro.

A valoración do carácter estratéxico dun hub farase tendo en conta a súa visión estratéxica, a proposta operativa que se formula e o seu potencial impacto no tecido empresarial galego, sempre tendo en conta o seu aliñamento e contribución ao avance da RIS3 Galicia.

A selección dun proxecto de hub ao abeiro desta convocatoria suporá o recoñecemento por parte da Administración galega do seu carácter estratéxico, requisito imprescindible para o acceso aos instrumentos de apoio público que se porán en marcha en Galicia para o apoio dos hubs de innovación dixital.

Os proxectos de hubs seleccionados poderán acceder a asesoramento especializado encamiñado a despregar as súas propostas, así como, unha vez que se constituían formalmente, a axudas para o seu financiamento. O acceso a estes apoios estará sempre condicionado ao cumprimento dos requisitos específicos que se exixan no marco de cada instrumento.

Consecuentemente con todo o anterior, a Axencia Galega de Innovación, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a selección en Galicia de hubs de innovación dixital estratéxicos segundo o seu aliñamento e contribución ao avance da RIS3 Galicia. Estas bases entrarán en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócase o proceso selectivo ao abeiro destas bases (código de procedemento IN856B) (anexo I). A transformación dixital articulada a través do hub pode supoñer un importante motor para acadar o novo modelo produtivo baseado na innovación obxectivo da RIS3 Galicia.

2. A selección dun proxecto de hub non suporá á concesión de axuda directa algunha, senón o recoñecemento por parte da Administración galega do seu carácter estratéxico. Este carácter estratéxico será un requisito necesario para o acceso aos instrumentos de apoio público que se porán en marcha no futuro para fomentar o desenvolvemento dos hubs de innovación dixital en Galicia.

3. Ademais do carácter estratéxico, o acceso a estes apoios futuros estará sempre condicionado ao cumprimento dos requisitos específicos que se exixan no marco de cada instrumento concreto que se poña en marcha, así como á tramitación e á obtención dos informes preceptivos correspondentes.

Estes apoios futuros estarán orientados:

a) Á capacitación, a través de asesoramento experto, para a axeitada articulación do hub como instrumento facilitador da innovación empresarial no marco do Sistema galego de I+D+i.

b) Ao financiamento das actuacións necesarias para a posta en marcha inicial do hub.

Artigo 2. Definicións

a) Hub de innovación dixital (digital innovation hub, DIH): estrutura funcional de soporte que axuda ás empresas, especialmente ás pemes, a ser máis competitivas, a mellorar os seus procesos comerciais o de produción, así como os seus produtos e servizos a través da tecnoloxía dixital. O seu obxectivo principal é fomentar a creación de valor a través da adopción de novas tecnoloxías.

Os hubs, como ecosistemas de innovación abertos e estruturados que ofrecen servizos á industria, permiten aliñar máis eficientemente o coñecemento coas necesidades do tecido empresarial e os mercados. Os DIH proporcionan conexión cos investidores e axudan a conectar aos usuarios e aos fornecedores de solucións dixitais.

b) Centro de competencia: entidade que funciona como elemento central dos hubs. Ofrecen infraestrutura tecnolóxica innovadora e capacidades/competencias para a posta en valor da innovación. Teñen un enfoque aberto, dirixido ao conxunto de axentes e están especializados na transformación da innovación en oportunidades de negocio. Dependendo de como se defina o hub, este pode ter máis dun centro de competencia, que poderían, por exemplo, estar especializados por tecnoloxía.

A súa misión é:

– Formación, concienciación, transferencia de coñecemento e asesoría tecnolóxica.

– Desenvolvemento e demostración de novas tecnoloxías.

– Lanzamento de proxectos piloto innovadores.

– Apoio á experimentación e produción de novas tecnoloxías por parte de empresas, especialmente pemes.

– Oferta de servizos de innovación.

– Xeración de oportunidades para as empresas e atracción de start-ups.

c) Plataforma dixital: ferramenta encamiñada a facilitar as interaccións entre actores do hub e entre o hub e os seus clientes, un espazo de colaboración en liña.

d) Plataforma de servizos: conxunto de servizos de innovación, ofrecidos por diferentes actores grazas a unha gobernanza establecida, que son accesibles a través dun punto único (a plataforma dixital do hub).

Artigo 3. Entidades solicitantes

A solicitude para o recoñecemento do carácter estratéxico en Galicia dun hub de innovación dixital poderá ser presentada por calquera dos seus membros promotores.

Esta entidade actuará en representación do resto, como coordinadora do proxecto, debendo aportar para xustificar esta representación unha declaración responsable asinada polo resto de entidades promotoras segundo o modelo que se inclúe como anexo IV.

Artigo . Presentación de solicitudes

1. Deberá presentarse unha única solicitude para cada proxecto de hub que solicite o recoñecemento do seu carácter estratéxico para Galicia segundo estas bases reguladoras.

2. Esta solicitude deberá estar axustada aos modelos normalizados que se recollen como anexo II e ser presentada dentro do prazo sinalado en cada procedemento de selección que se convoque.

Artigo 5. Requisitos mínimos e criterios de selección

1. Para a selección do carácter estratéxico dun proxecto de hub de innovación dixital no marco da RIS3 Galicia será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos mínimos:

a) Na agrupación que apoia ou promove o hub deberá:

– Estar incluída, como mínimo, unha entidade representante da oferta, unha da demanda e outra da transferencia. Cando por motivos de súa natureza unha mesma entidade poida representar máis dun ámbito, unicamente se computará nun deles.

– Incluírse algunha/s empresa/s tractora/s con capacidade para dinamizar a colaboración no seu ámbito e acometer con éxito o proceso necesario para levar as innovacións ao mercado (desde a fase de I+D+i ata a súa comercialización).

b) O hub deberá orientarse, como mínimo, a dúas cadeas de valor estratéxicas para Galicia no marco da RIS3 Galicia.

c) O ámbito de actuación do hub será rexional, sempre tendo en conta a súa operatividade nun contexto interrexional de colaboración.

d) O enfoque tecnolóxico dos hubs de innovación dixital debe cubrir de xeito prioritario tecnoloxías de tipo disruptivo que presenten un importante potencial para a industria galega pero cunha taxa de penetración limitada.

2. A valoración dos proxectos de hub presentados ao abeiro dos diferentes procesos de selección que se convoquen, unha vez comprobado que cumpran os requisitos mínimos anteriores, realizarase sobre un total de 100 puntos que se repartirán do seguinte xeito:

Visión (máximo 40 puntos)

Aspecto que se valora

Puntuación

Adecuación do proxecto de hub á RIS3 Galicia no marco da Estratexia europea de DIH

(0-20)

Aplicación estratéxica do hub como instrumento (motor de innovación) para a mellora da competitividade da economía/industria galega:

(0-10)

Cadeas de valor estratéxicas a que está orientado (mínimo dúas):

(0-5)

Previsión dunha actuación coordinada: plan de desenvolvemento de actividades transversais entre hubs galegos

(0-5)

Valoración do modelo económico presentado (horizonte a 5 anos)

(0-10)

Sustentabilidade do modelo: grao de dependencia do financiamento público e respaldo/participación da industria á proposta

(0-5)

Grao de eficiencia do modelo: aproveitamento coherente dos programas de apoio previstos a nivel nacional e europeo para os DIH

(0-5)

Operación (máximo 23 puntos)

Aspecto que se valora

Puntuación

Viabilidade do modelo de gobernanza proposto

(0-5)

Capacidade do procedemento previsto para a integración de novos membros para incluír ou interactuar con:

(0-2)

Pemes galegas

(0-1)

Start-ups e empresas tecnolóxicas

(0-1)

Adecuación das actividades preparatorias para poñer en marcha o hub

(0-2)

Adecuación dos servizos do catálogo ás necesidades do tecido industrial galego:

(0-6)

Enfoque a pemes: orientación ás necesidades das pemes galegas

(0-3)

Enfoque tecnolóxico: capacidade para acelerar a adopción de tecnoloxías clave para a industria galega cun baixo nivel de penetración:

– Organización a través de nodos tecnolóxicos

– Adecuación ás cadeas de valor a que se orientan

(0-3)

Viabilidade da primeira iniciativa que se formula para a posta en marcha do hub (valorarase a presenza de empresas tractoras)

(0-2)

Plan de marketing e comunicación do hub

(0-1)

Estratexia interrexional do hub:

– Alianzas estratéxicas con actores industriais e tecnolóxicos de fóra de Galicia

– Plan de conexión do hub á rede europea de DIH

(0-5)

Capacidade técnica (máximo 37 puntos)

Aspecto que se valora

Puntuación

Capacidade dos membros actuais do hub (que apoian/promoven a proposta )

(0-12)

Experiencia previa no desenvolvemento de servizos similares aos incluídos no catálogo

(0-3)

Grado de cobertura que presentan para a prestación dos servizos do catálogo

(0-9)

Adecuación dos medios previstos para facilitar a operativa do hub

(0-5)

Definición de novas plataformas dixitais

(0-2,5)

Identificación e proposta de utilización de plataformas dixitais existentes

(0-2,5)

Participación e respaldo de actores clave con que conta a proposta presentada

(0-20)

Rol que se deben desempeñar os centros de competencia do hub

(0-2,5)

Participación de empresas tractoras

(0-10)

Participación/interese da industria

(0-2,5)

Participación de investidores privados

(0-2,5)

Participación de aceleradoras/incubadoras

(0-2,5)

ANEXO I

Convocatoria de selección de hubs galegos de innovación dixital estratéxicos para o avance da RIS3 Galicia

Artigo 1. Obxecto

Apertura do proceso de selección en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva segundo as bases reguladoras anteriores, de proxectos de hubs galegos de innovación dixital estratéxicos segundo o seu aliñamento e contribución ao avance da RIS3 Galicia (código de procedemento IN856B).

Artigo 2. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes poderán ser presentadas por calquera das entidades promotoras do hub, segundo o indicado nos artigos 3 e 4 das bases reguladoras, no prazo de corenta e cinco días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Será condición imprescindible o cumprimento dos requisitos mínimos incluídos no artigo 5 das mesmas bases.

2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015); no artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento do procedemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes. Considérase que todos os solicitantes dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento, polo que teñen acceso e dispoñibilidade aos medios electrónicos necesarios.

Se algunha das entidades interesadas presentase a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación de solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365)

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras para a selección de proxectos de hubs de innovación dixital que contribúan ao avance da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3).

Artigo 3. Documentación complementaria necesaria

1. Xunto coa solicitude (anexo II), a entidade solicitante que representa ao resto de membros promotores do proxecto de hub deberá presentar na sede electrónica da Xunta de Galicia un exemplar da documentación que a continuación se relaciona:

a) Documentación xurídico-administrativa:

1º. Declaracións responsables do resto de membros promotores do hub conforme a entidade solicitante os representa nesta solicitude (segundo o modelo do anexo IV).

2º. Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito no rexistro competente, verificado polo/a letrado/a da Xunta de Galicia, para os apoderados de entidades mercantís distintos de administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou tamén o cargo de conselleiro delegado, dadas as características técnicas da consulta ao Rexistro Mercantil.

b) Documentación técnica:

Memoria do proxecto segundo o índice incluído como anexo III.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, os interesados deberán indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentaron os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polos interesados, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao interesado a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Os interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algún dos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante que representa a todos os membros promotores do proxecto de Hub.

b) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

2. En caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo na lugar correspondente habilitado no formulario de inicio e aportar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, en caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento, que ten o código indicado no artigo 1, poderá obterse información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal).

b) No correo electrónico programas.gain@xunta.gal.

c) Persoalmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre o procedemento, pódese facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran coa súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Instrución do procedemento

1. A Área de Programas da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de selección de hubs galegos de innovación dixital. Corresponderá á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de selección.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se acompaña da documentación exixida, requirirase o interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixera, terase por desistido na súa petición, despois da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellara, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto non parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que proporcione cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados por expertos e remitidos á comisión de selección.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán a disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

6. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude.

Artigo 9. Comisión de selección

1. A comisión de selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes de acordo coa valoración realizada polo comité técnico conforme o procedemento descrito no artigo 11. A comisión estará composta por:

a) Un director de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Un xefe de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dous empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, actuando un deles como secretario, con voz e sen voto.

2. No informe que elabore a comisión de selección figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter o recoñecemento de proxectos de hubs estratéxicos para Galicia, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo 5 das bases reguladoras. As solicitudes propostas estarán limitadas a un máximo de dous.

A comisión de selección proporá a exclusión do procedemento de selección de aquelas propostas que na primeira fase do procedemento de avaliación non acaden un mínimo de 30 puntos na epígrafe visión (máximo 40 puntos) dos criterios de selección establecidos no artigo 5 das bases reguladoras.

3. Para a realización da súa labor a comisión de selección poderá solicitar todos os informes técnicos que considere necesarios e emitirá unha acta en que se concrete o resultado da selección efectuada.

Artigo 10. Comité técnico

1. Constituirase un comité técnico formado por tres expertos en planificación estratéxica da I+D+I e, especificamente, na articulación dos hubs como instrumento motor da innovación empresarial e técnicos da Axencia Galega de Innovación.

Dous destes tres expertos serán persoas externas á Administración autonómica galega e o terceiro será un membro do Igape, entidade, xunto coa Axencia Galega de Innovación, competente para o fomento dos hubs de innovación dixital no Sistema galego de innovación.

2. Este comité técnico é o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes e propoñerá unha proposta á comisión de selección. A comisión de selección elaborará unha proposta de resolución de axudas en función da información elaborada polo comité técnico e elevaraa á directora da Axencia Galega de Innovación para a súa resolución.

Artigo 11. Procedemento de selección

1. As solicitudes que cumpran os requisitos exixidos no artigo 5 das bases reguladoras serán avaliadas polo comité técnico descrito no artigo anterior.

2. Na valoración contemplaranse dúas fases:

a) Na primeira fase, cada proposta avaliarase de xeito individualizado conforme os criterios establecidos no artigo 5 das bases reguladoras elaborándose un primeiro informe de avaliación. O informe, en que se incluirán orientacións e recomendacións do comité, será notificado ás entidades solicitantes que continúen no procedemento para que, se o desexan, refagan as súas propostas e presenten unha nova solicitude xunto coa súa renuncia á anterior, no prazo de 15 días hábiles desde a notificación.

As solicitudes que non acaden un mínimo de 30 puntos na epigrafe de visión dos criterios de selección non poderán acceder á segunda fase.

b) Rematado este prazo, levarase a cabo a segunda fase de avaliación en que se aplicarán os requisitos de avaliación ás solicitudes reformuladas recibidas en prazo. As solicitudes iniciais que non foron modificadas manterán a avaliación realizada na primeira fase.

3. Será requisito necesario para que un proxecto de hub poida ser seleccionado que obteña unha puntuación mínima de 80 puntos na segunda fase de avaliación prevista neste procedemento.

Artigo 12. Audiencia

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar unha proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de 10 días, poidan presentar alegacións cos documentos e xustificación que consideren pertinentes.

Poderase prescindir do trámite que figura no parágrafo anterior cando non figuren no procedemento, nin se vaian a ter en conta na resolución, outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 13. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de selección á directora da Axencia Galega de Innovación para que dite a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obter o recoñecemento do seu carácter estratéxico para Galicia e se especificará a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nas bases reguladoras.

2. Á vista da proposta formulada a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. O prazo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria non superará os catro meses a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. De no mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Con todo, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desta lei, a notificación individual poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do proxecto seleccionado e da finalidade do recoñecemento outorgado.

5. En todo caso, deberá notificarse ás entidades representantes dos proxectos de hubs seleccionados un documento que estableza a acreditación do seu carácter estratéxico para Galicia.

Artigo 14. Publicidade

Nun prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da selección, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de proxectos de hubs seleccionados que se consideran estratéxicos para Galicia.

Artigo 15. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución ante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Renuncia

A renuncia do recoñecemento como estratéxico poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia (Axencia Galega de Innovación) coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas, serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facultase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta disposición entra en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2018

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Índice da memoria técnica do proxecto

A) Aspectos relativos á visión do hub.

A.1) Achega do proxecto ao avance da especialización intelixente de Galicia.

A.2) Coherencia co modelo de hubs do Plan Galicia innova 2020 e outras estratexias de ámbito temático (ex. Axenda industria 4.0, Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía...).

A.3) Achega do hub á mellora da competitividade da economía/industria galega (deberanse identificar as cadeas de valor a que está orientado así como a previsión de actuacións coordinadas entre hubs galegos).

A.4) Modelo económico de negocio do hub (deseño preliminar), indicando as diferentes fontes privadas ou públicas de financiamento que se formulan. O hub debe definir un modelo de negocio sostible arrededor do conxunto dos seus servizos.

B) Aspectos relativos á operación do hub (escenario temporal: 5 anos).

B.1) Modelo de gobernanza previsto (deseño preliminar): debe contemplarse un procedemento de entrada de novas entidades e describirse de forma detallada o rol que se asignará ao centro ou centros de competencia, así como identificación das entidades que poderían desenvolver este papel.

B.2) Plan de actuación (deseño preliminar):

– Descrición detallada das actividades preparatorias necesarias para a posta en marcha do hub: recursos necesarios e planificación temporal.

– Descrición catálogo inicial de servizos que debe prestar o hub (con base na cartografía de servizos de innovación actuais) tendo en conta que o hub debe dar soporte a todo o proceso de innovación: desde a idea/proba concepto ata o inicio de negocio, a produción en piloto e a plena introdución no mercado, así como a súa expansión nel. Na definición deste catálogo debe contemplarse:

– A utilización como medio dunha plataforma dixital.

– A orientación ás pemes e a máis dunha cadea de valor estratéxica para Galicia.

– A adopción de novas tecnoloxías para a industria galega cun baixo nivel de penetración.

– O reforzo das oportunidades e fortalezas existentes en Galicia.

– Plan de lanzamento dunha primeira iniciativa para iniciar a andadura do hub. Esta iniciativa debe contar co respaldo do investimento privado e incluír a diferentes actores da/s cadea/s de valor a que se oriente o hub. A participación industrial é un elemento clave (interese de empresas tractoras). Debe ser unha iniciativa de desenvolvemento colaborativo de oferta de servizos e ferramentas facilitadores da transformación dixital do tecido industrial galego.

Poderá contemplarse o desenvolvemento de actividades transversais con outros hubs galegos en proceso de creación.

– Plan de márketing e comunicación do hub (deseño preliminar).

B.3) Estratexia interrexional do hub (como nodo dunha rede) (deseño preliminar):

– Proposta dun plan de alianzas estratéxicas con actores industriais, tecnolóxicos e/ou gubernamentais de fóra de Galicia para reforzar a oferta de servizos que o hub prestará á industria galega (demanda do hub).

– Plan para a conexión do hub galego coa Rede europea de DIH (portelo único no marco dunha dinámica interrexional de colaboración) (oferta do hub).

C) Aspectos relativos á capacidade técnica do hub.

C.1) Descrición dos membros do futuro hub, tanto actuais (deberá indicarse a súa capacidade e experiencia) como previstos.

C.2) Descrición dos medios previstos para facilitar a operativa do hub (definición de novas plataformas dixitais e descrición das plataformas existentes).

C.3) Descrición dos actores clave da proposta do hub. Participación e papel que deben desempeñar os actores implicados.

missing image file
missing image file