Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 19 de decembro de 2018 Páx. 52834

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de novembro de 2018 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Brandomil.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Brandomil, con domicilio no punto quilométrico 0,135 da estrada de Brandomil a Pudenza, en Zas (A Coruña).

Feitos.

1. O 20 de agosto de 2018 Enrique Eduardo Iglesias Seoane, secretario do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Brandomil foi constituída en escritura pública outorgada en Santa Comba (A Coruña) o 9 de agosto de 2018, ante a notaria Fátima Vázquez Espierrez, co número de protocolo 1.051, por José Pérez Santos e Manuel Santos Amigo, que actúan no seu propio nome e dereito.

Esta escritura emendouse por outra outorgada o 5 de novembro de 2018 na mesma localidade e ante a mesma notaria, co número 1.436 do seu protocolo.

3. Segundo consta no artigo 3 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «impulsar a recuperación e defensa de todo o patrimonio cultural, material e inmaterial vinculado a Brandomil, con especial atención ao patrimonio arqueolóxico de época romana».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Pérez Santos como presidente; Manuel Santos Amigo como vicepresidente; Enrique Eduardo Iglesias Seoane como secretario; e Francisco Mosteiro Suárez, Manuel Vilar Álvarez, María Martínez Tubío, Juan Carlos Ramos Maneiro, Eva Vilas Suárez e Álvaro Núñez Ferreiro como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Brandomil, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 26 de novembro de 2018,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Brandomil, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñerse previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2018

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza