Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Mércores, 19 de decembro de 2018 Páx. 52939

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da antena de distribución de gas natural que dará subministración ao termo municipal da Estrada, promovida pola empresa Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2018/77-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Nedgia Galicia, S.A., con CIF A15383284, e con domicilio para os efectos de notificación na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Obxecto da petición: o obxecto da petición é a autorización e a aprobación do proxecto de execución da antena de distribución de gas natural que dará subministración ao termo municipal da Estrada (Pontevedra).

Descrición das instalacións:

Proxéctase unha antena de distribución de gas natural desde a conexión de rede da futura planta satélite de GNL (obxecto doutro proxecto) ata a conexión coa rede existente de GLP no núcleo urbano da Estrada.

Construiranse 2.052 m de distribución de gas natural en polietileno tipo PE-100 e SDR 17,6/SDR 17 de DN 110 (MOP=3,5 bar) e seis (6) válvulas de corte.

Esta rede principal conectarase coa rede existente de GLP que distribúe polo núcleo da Estrada ata os puntos de utilización a través das correspondentes instalacións receptoras dos usuarios.

Concello: a solicitude afecta o termo municipal da Estrada, na provincia de Pontevedra.

Orzamento: oitenta e seis mil novecentos cincuenta e seis con noventa e cinco céntimos (86.956,95 euros).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar alegacións, no prazo de vinte (20) días a partir da data de publicación deste anuncio; poden examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria; Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Pontevedra da dita consellería, na rúa Fernández Ladreda, 43, 5º, 36071 Pontevedra.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas