Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 20 de decembro de 2018 Páx. 53032

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 14 de marzo de 2018 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas para o exercicio 2018.

A Resolución do 14 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas para o exercicio 2018, publicada no DOG núm. 61, do 27 de marzo, recolle no seu artigo 2 que para a concesión destas axudas se destinará un crédito de cincocentos cincuenta mil euros (550.000,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2018.

Este importe poderá ser ampliado, segundo se recolle no artigo 2 desta resolución, nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na dita aplicación.

Posteriormente á publicación desta convocatoria de axudas aumentouse o seu financiamento en douscentos cincuenta e dous mil setecentos trinta en nove euros (252.739,00 €) mediante a Resolución do 28 de novembro de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, publicada no DOG núm. 231, do 4 de decembro.

Ao terse producido remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a outros créditos incluídos no mesmo programa, e toda vez que o crédito inicialmente destinado a esta convocatoria resultou insuficiente debido ao volume de solicitudes presentadas, cómpre ampliar o crédito inicialmente asignado a esta convocatoria.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire a disposición adicional segunda do Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 14 de marzo de 2018, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas para o exercicio 2018, na contía de cento cincuenta e seis mil novecentos euros (156.900,00 €) na aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.2, código de proxecto 2015 00038.

Segundo. Esta ampliación non afecta o prazo para a presentación de solicitudes establecido na dita resolución nin o resto do seu articulado.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2018

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración